20/12/16

AS CARTAS DE CARLOS MASIDE

A publicación dunha colección epistolar sempre é unha boa nova para a investigación histórica. As cartas son, sen dúbida, unha ferramenta de inestimábel valor na reconstrución do pasado. A fonte epistolar achega datos e perspectivas que en moitas ocasións os documentos públicos ou oficiais agochan. Xa que logo, debemos saudar a aparición do volume Correspondencia [1928-1958]. Cartas inéditas e dispersas, que recolle as cartas enviadas e, sobre todo, recibidas por un dos cumios da arte galega contemporánea: o pintor Carlos Maside. As cartas foron reunidas por María Esther Rodríguez Losada, quen tamén prologa o libro. Por outra parte, a edición e as notas foron responsabilidade de Anxo Tarrío, quen achega tamén un epílogo a este conxunto epistolar.

Polo que toca á estrutura do volume podemos afirmar que se divide en dúas partes desiguais. A primeira reúne as cartas datadas entre 1928 e 1935 (32 cartas), mentres que na segunda atopamos a correspondencia de Carlos Maside entre 1940 e 1958 (147 cartas). E dicimos desiguais non só porque o volume de cartas é considerabelmente maior na segunda parte que na primeira, senón porque, segundo a nosa opinión, o segundo conxunto de misivas é o máis interesante para a historia da Galiza contemporánea. Significativo é tamén o silencio epistolar que coincide cos anos da Guerra Civil. Os responsábeis da edición engaden tamén oito cartas máis onde varios correspondentes comentan o pasamento de Carlos Maside, así como outros temas sobre a vida e a obra deste pintor. A maioría deste material é inédito e procede do arquivo do pintor, da Residencia de Estudiantes de Madrid, do Arquivo Isaac Díaz Pardo, da Fundación Penzol e da Biblioteca de Francisco Fernández del Riego.

Polo que respecta á primeira agrupación de cartas podemos destacar o escepticismo de Carlos Maside coa nova política republicana. Malia inaugurar unhas novas formas e dar voz a sectores políticos que antes estaban excluídos da vida pública, o pintor é pesimista a respecto da renovación da política galega na Segunda República; as dúbidas de Maside esténdese tamén aos galeguistas. Así, nunha carta enviada a Felipe Fernández Armesto, e datada o 6 de xullo de 1934, podemos ler: «A política galega non se distingue da anterior á República, sinón que se incorporaron algúns nomes novos que parodian e conviven cos caciques antigos. A “revolución española” (!) creou os novos ricos do caciquismo. O limbo dos partidos é o galeguista a donde van todol-os que non se bautizan por medo á auga; inxenuos ou parvos» (p. 100).

Como afirmabamos, máis interese ten o segundo conxunto de cartas. Nel imos poder comprobar, en toda a súa intensidade, un dos dramas da historia contemporánea galega: o exilio motivado pola derrota republicana en 1939. En efecto, son particularmente conmovedoras as cartas enviadas por Luís Seoane a Carlos Maside, pois nelas déixase sentir o desacougo provocado por estar lonxe da Terra. En efecto, un artista como Seoane, cuxa obra estaba intimamente vinculada á realidade galega, non pode deixar de cuestionarse por que e para que vai seguir creando no exilio. Isto é o que podemos ler nunha carta de Seoane datada o 14 de novembro de 1952: «Ahí trabajáis y vuestro trabajo, aún en el silencio, tiene un destino, nosotros, si lo hacemos, ya no tenemos un pueblo con el que comunicarnos y entendernos y toda la vida del artista y del escritor ha estado destinada siempre a establecer un lenguaje con su pueblo, con la historia y la tradición de su pueblo, con todo lo que él ama y odia» (p. 247-248); estarrecedoras palabras para quen fixera da súa obra unha comuñón íntima con Galiza. Nin sequera vivir en Bos Aires, onde residían milleiros de galegos, era un consolo para Luís Seoane, que non atopaba destino para o seu traballo. Por iso se confesa con Maside, en quen procura consolo e proximidade.

O paso dos anos acrecenta estes sentimentos, engadíndolle aínda unha nova queixa: o esquecemento sobre o labor dos exiliados galegos. En efecto, nunha carta de 13 de xuño de 1957 Seoane ademais de pór de manifesto a distancia, láiase polo que el considera como unha separación intelectual entre ambas beiras do océano: «Parece que el Atlántico fuese un inmenso abismo que separa hasta el olvido. Sigo en general el movimiento intelectual de ésa y noto ese olvido, esa indiferencia por la labor de esta parte de Galicia (...) Pero también estoy cansado. Cansado y lleno de amargura por mí mismo y por todos. Era el momento de integrar a Galicia. La Galicia europea y la Galicia americana. De crear una unidad sentimental, cultural, etc., fuerte. Por eso luché casi solo durante más de quince años; creí que todos habíamos llegado a una misma comprensión del problema. Pero no. Hablamos lenguaje distinto» (p. 380). Non estamos diante dunha nova manifestación da fractura entre o galeguismo do interior e mais o do exilio? Desta volta cunha perspectiva máis intelectual ou artística, non tanto política, mais que non deixa de ser outra cara da mesma moeda.

E cal é a resposta de Carlos Maside? Pois por un lado é unha contestación incompleta, dada a soidade do artista. Por outro lado, Maside dálle a razón a Seoane na separación entre interior e exilio e, aínda máis, insinúa que no galeguismo interior non hai lugar para as discrepancias que, de existiren,  páganse co illamento. Escribe Carlos Maside, nunha carta datada o 16 de decembro de 1957: «Y los escasos contactos personales que tengo no me permiten ver claro a través de los velos y nieblas con que envuelven sus pensamientos y hasta sus actos máis insignificantes muchos de los que parecen ser amigos o afines en un común fervor. No existe diálogo ni posible comunicación, pues si se insinúa la menor discrepancia se tropieza uno con algún tabú insospechado, oculto en silencios» (p. 394). Non obstante, malia estes desacougos, había tempo para a xenerosidade. Tanto Seoane como Maside serían frecuentes colaboradores en prol da cultura galega. Así, a título de exemplo, por estas cartas sabemos que Carlos Maside doou un cadro, dunha exposición realizada en Bos Aires, para poder sufragar a actividade cultural dos galegos na capital arxentina.

Valiosa achega son, xa que logo, este conxunto de cartas para a investigación sobre a historia galega contemporánea. Non obstante, neste epistolario, ao igual que noutras obras da mesma fasquía, non deixamos de sentir que estamos perante un puzle incompleto. A sensación de que nos falta algunha peza ˗léase carta˗ para enxergarmos un debuxo completo da época. Aínda así, benvidas sexan este tipo de obras, que tanto axudan ao coñecemento da historia de Galiza.

Correspondencia [1928-1958]. Cartas inéditas e dispersas
Carlos Maside
Consorcio de Santiago / Alvarellos Editora, Santiago de Compostela, 2015, 460 páxinas

Publicado en Murguía, Revista Galega de Historia, nº 33, xaneiro-xuño de 2016, p. 147-149. (ligazón)