A Historia ten un aquel paradoxal. Como
se non poderiamos considerar –desde unha perspectiva actual− o interese de Karl
Marx por un presidente dos Estados Unidos? E, non obstante, Marx, como atento
observador da realidade que era, seguiu de perto os pasos de Abraham Lincoln e
da súa causa: a abolición da escravitude. Velaquí o principal paradoxo que nos
atopamos no libro Guerra y emancipación. Lincoln
& Marx, que vén de tirar do prelo a editora “Capitán Swing”. Max
publicou no xornal vienés Die Presse
unha serie de artigos sobre a guerra civil norteamericana, que aparecen agora
recollidos neste volume. Por outra parte, o libro tamén inclúe os principais
discursos de Abraham Lincoln sobre a cuestión da escravitude nos Estados
Unidos. O volume conta cunha introdución de Robin Blackburn, profesor da
Universidade de Essex, que analiza as converxencias de ambos persoeiros, a
principal das cales era a defensa da traballo libre fronte á escravitude. A modo
de gorentosa sobremesa, o libro inclúe tamén as cartas intercambiadas entre
Marx e Lincoln, no caso do segundo a través do embaixador norteamericano en
Londres.
Porén, a paradoxal relación de Marx e
Licoln, non é a única que se nos presenta neste libro. Sabemos que Abrahan
Lincoln foi o primeiro presidente republicano dos Estados Unidos. A imaxe que
temos na actualidade do Partido Republicano é a dunha forza política valedora dos
ideais conservadores e reaccionarios. Non obstante, o nacemento do Partido
Republicano está intimamente unido á causa da abolición da escravitude. En efecto,
a mediados do século XIX eran os republicanos estadounidenses os de defendían
abertamente a necesidade de rematar coa escravitude, mentres que o Partido
Demócrata era o valedor dos intereses dos propietarios de escravos. De feito, a
elección de Lincoln como presidente foi a chispa que prendeu a secesión dos
estados do sur. Nunha carta a Henry L. Pierce, datada o 6 de abril de 1859,
Lincoln explicaba a aberta defensa que os demócratas facían da escravitude: «A
democracia de hoxe sostén que a liberdade dun home non é nada en absoluto cando
entra en conflito co dereito de propiedade doutro home. Os republicanos, pola
contra, están de parte tanto do home como do dólar, mais, en caso de conflito
entre un e outro, antepoñen ao home». Como se pode comprobar nada máis lonxe
dos estereotipos que hoxe temos a respecto de demócratas e republicanos nos
Estados Unidos.
Continuando cos paradoxos, a política
abolicionista de Lincoln unha vez que chegou á presidencia foi errática e nada
clara. Por que? Polas obrigas da guerra. En efecto, a necesidade que tiña o
presidente de asegurar a fidelidade de estados fronteirizos como Maryland ou
Kentucky –estados escravistas, mais partidarios da Unión− obrigouno a retrasar
o seu compromiso abolicionista. Karl Marx criticou esta situación e denunciou
que Lincoln estaba preso do que el chamaba “escravistas leais”. Consonte a
evolución da guerra foi favorecendo ás tropas federais, Licoln puido avanzar no
seu programa de abolición da escravitude.
É así como se explica a aprobación da décimo terceira emenda da Constitución,
que rematou para sempre coa escravitude nos Estados Unidos. Por outra parte,
unha cousa era que Lincoln defendese a necesidade de liberar aos escravos e
outra, completamente diferente, era que estivese a favor de concederlles
dereitos cidadáns a eses escravos. O presidente foi durante moitos anos
partidario dunha política de colonización, é dicir, favorecer que os escravos
liberados puidesen asentarse en África ou no Caribe.
Non deixa de ser tamén paradoxal que os
anos precedentes á elección de Lincoln como presidente poden ser considerados
como de avance das teses escravistas, sobre todo no que toca aos territorios
federais, campo de batalla entre os valedores e os detractores da escravitude. En
efecto, en 1857 a sentenza do Tribunal Supremo referente ao caso Dred Scott
aseguraba o dereito de posesión de escravos en calquera punto do territorio dos
Estados Unidos. Esta sentenza daba por rematados tanto o compromiso de Missouri
(1820) e a lei Kansas-Nebraska (1854), que xa de por si supuxeran un adianto
para as posicións dos partidarios de ampliar os territorios escravistas.
Xa que logo, xúntanse neste libro tanto
a literatura abolicionista de Abrahan Lincoln como os traballos xornalísticos
de Karl Marx sobre a guerra civil estadounidense e as súas causas. Un volume
útil e práctico que recolle as converxencias de dous persoeiros capitais do
século XIX, para alén de ideas preconcebidas e estereotipos.
Guerra y
emancipación. Lincoln & Marx, Madrid: Capitán Swing Libros, 2013,
213 páxinas.