30/03/09

De Hormilleja ao Valadouro, un pouco de Historia

A localidade rioxana de Hormilleja está situada na marxe esquerda do río Najerilla, a uns cinco quilómetros de Nájera. A súa economía está baseada, case na súa totalidade, no agro, destacando neste senso a vide e os cereais. A súa proximidade a Nájera posibilita tamén algúns empregos no sector industrial. A cultura do viño modelou a arquitectura desta vila, así un aspecto relevante da súa paisaxe son as chemineas ou torres de ventilación das covas, escavadas na rocha, empregadas para almacenar viño. Cómpre destacar tamén a igrexa de Santa Catarina, do século XVIII. Conta cunha escasa poboación, que non chega aos douscentos habitantes.

Se chegastes até aquí estarédesvos preguntando por que nos fala este home de Hormilleja? Que ten que ver Hormilleja co Valadouro? Pois, en realidade, pouco ten que ver. Os camiños de Hormilleja e do Valadouro só se cruzaron nunha ocasión. Foi en 1988, cando foron as únicas localidades españolas nas que houbo que repetir as eleccións municipais. É disto do que vos quero falar, aínda que vendo as fotografías de Hormilleja, a verdade é que merece unha visita.

De antemán, ninguén podería supor que as eleccións municipais, celebradas o 10 de xuño de 1987, levarían ao Valadouro a figurar nas primeiras páxinas dos xornais, e mesmo dos telexornais, de toda España. Foi a primeira e, creo, única vez. Mágoa que fora por asunto tan pouco honroso. As eleccións deran como resultado unha maioría absoluta do PSOE, que obtivera 6 concelleiros. A Coalición Progresista Galega (entidade formada por Coalición Galega, Partido Demócrata Popular e Partido Liberal) acadou 3 concelleiros, mentres que Alianza Popular tiña 2 concelleiros.

Non obstante, presuntas irregularidades no voto por correo levaron á Audiencia Territorial da Coruña a ordenar a repetición dos comicios, unha decisión avalada máis tarde polo Tribunal Constitucional. Así, as novas eleccións celebráronse o 20 de marzo de 1988. Os tribunais permitiron cambios nas listas, así como a posibilidade de presentar novas candidaturas. Deste xeito, o candidato que AP presentara en 1987, José Ramón Hermida Miranda, foi substituído polo que ocupaba o posto número 6, é dicir, Eulogio Fernández Sampayo. Velaquí unha das chaves destas novas eleccións, porque grazas a este cambio (ou a pesar del, quen sabe) AP pasou de dous a catro concelleiros. La Voz de Galicia, sempre tan fina nas súas apreciacións, definía a candidatura de Fernández Sampayo como “fresca y seria” (e así segue, quen o dubida). Pola súa parte, o PSOE, encabezado por Luís Martínez, acadou 5 concelleiros; mentres que Coalición Galega, con Enrique Geada como cabeza, lograba 2 concelleiros. Á repetición das eleccións no Valadouro concorreu unha nova lista: o Centro Democrático y Social (CDS), candidatura encabezada por Ana María Mille Galán, que non acadou representación.

Pero, para entender os sucesos de 1987, hai que retrotraerse a 1983, o que ocorrera nas eleccións locais dese ano xa dera moito que falar. En efecto, Coalición Galega obtivera 5 escanos, por 4 de AP e 2 do PSOE. E que credes que pasou? Milagre! Os aliancistas, encabezados por Ramón Gasalla (por certo, dito de paso, o médico que me trouxo a min a este mundo), entregáronlle a alcaldía a Luís Martínez, malia que o PSOE só tiña 2 concelleiros. E xa se sabe, como di o refrán castelán: quien siembra vientos recoge tempestades; ou para ser aínda máis explícitos: daqueles polvos de 1983, viñeron despois os lodos de 1987.

Así, e volvendo ao asunto que tratamos, en 1988 un pacto entre Coalición Galega e Alianza Popular dáballe a alcaldía a Eulogio Fernández Sampayo. E de aquí, maioría tras maioría, até hoxe. Xa vedes, como di o tango: que veinte años no es nada…

Post scriptum 1: afirma Ramón Villares no limiar do meu segundo libro que a historia ensina, pero non nos ata. E é verdade, todo o que pasou debe axudarnos a tirar ensinanzas, pero non ten que determinar o futuro. Se algo podemos aprender tamén da última desfeita electoral é que debemos ser máis serios nas coalicións de goberno: dous partidos si, pero un só goberno. PSOE e BNG teñen, ambos, a responsabilidade de chegar a unha converxencia a favor do Valadouro. Eu penso que podemos logralo, ao Valadouro vaille moito niso.

Post scriptum 2: cando sucederon os feitos relatados máis arriba eu tiña trece anos. Que lonxe estaba eu de saber que, once anos despois, sería eu quen encabezaría a candidatura do BNG nas eleccións municipais de 1999, feito do que axiña se cumprirán dez anos (tempus fugit). É verdade que faltaron catro votos para obtermos representación, pero aquela primeira tentativa serviu de base para os éxitos de 2003 e 2007. Pero, como diría Ramotxi, o mellor aínda está por chegar. En calquera caso, compañeiros, foi toda unha honra e un privilexio poder traballar convosco todos estes anos. E o que nos queda!

20/03/09

PNV e CDC

Ás veces teño a sensación de que a nosa vida está demasiado condicionada por estereotipos, por ideas preconcibidas que damos por certas sen cuestionalas. A este tipo de cuestións corresponde definir ao Partido Nacionalista Vasco (PNV) como un partido de dereitas. E xa está, quedamos tan tranquilos. Emporiso, eu pregúntome, que organización política se negaría a colaborar cunha forza que se define como: partido vasco, democrático, participativo, plural, aconfesional e humanista, aberto ao progreso e a todos os movementos de avance da civilización que redunden en beneficio do ser humano? Esta é a definición do PNV nos seus estatutos, podedes velo na súa páxina web. Recoñézome admirador do PNV, e moi en especial do seu expresidente Josu Jon Imaz, un auténtico valor. O seu abandono da política activa non só foi unha perda para o PNV e para Euskadi, senón tamén para todos os que consideramos que os nacionalismos periféricos teñen moito que dicir na política do Estado. Xa que logo, eu agardo a que o BNG poida seguir profundizando na súa relación co PNV, no marco de Galeuscat. Será beneficioso para o BNG e creo que tamén para a política española.

Algo semellante se pode afirmar de Convergència Democràtica de Catalunya (CDC). Na páxina web deste partido podemos ler a súa definición: partido político nacionalista catalán, democrático, plural, humanista e progresista, que ten como eixo da súa filosofía política (discurso e actuación) o desenvolvemento integral e benestar das persoas e que pretende acadar unha sociedade xusta, solidaria, libre e independente. Eu desde logo non deixo de identificarme con estas palabras. Por que non estamos máis atentos ao real e deixamos de acreditar en falsos estereotipos?

18/03/09

Unha forza transformadora


Nun artigo, publicado no xornal Galicia Hoxe, Xosé Manuel Beiras denunciaba a domesticación do BNG. Para isto acudía a un relato de Castelao, en Cousas da Vida, aquel no que o raposo lle dicía ao can: “Domestícate, hom, verás que vida tan regalada”, ao cal o can contestaba: “Eu non che nacín para can”. Non estou de acordo con Beiras, nin o estou tampouco con aqueles que denuncían o abandono por parte do BNG dos seus principios fundacionais. O BNG non pode ser unha forza antisistema, Beiras sábeo, porque el contribuíu moito a sacar ao nacionalismo galego das catacumbas. Acaso non houbo quen criticou a domesticación do Bloque cando el, en 1985, chegou por primeira vez ao Parlamento de Galiza? O BNG ten que ser unha forza homologábel a calquera outra do sistema de partidos de Galiza, desde unha posición nacionalista e socialdemócrata. Emporiso, o BNG non deixou de ser, nos seus anos de responsabilidade gobernamental, o que sempre foi: unha forza transformadora. Non transformaron a vida dos cidadáns as Galescolas? Non ía o Banco de Terras darlle pulo ao rural? Non acadabamos pór a enerxía ao servizo do país co concurso eólico, creando riqueza e traballo na nosa terra? Non se crearon centros de día? Non se creou un sistema de transporte adaptado para discapacitados? Non estaba funcionando o programa “xantar na casa”? Estes son só algúns exemplos que demostran que o BNG levou adiante unha política transformadora. E iso sábeno ben os nosos inimigos sociais e mediáticos. Se estiveramos domesticados, como afirmou Beiras, non atacarían con tanta carraxe ao BNG; non desañarían unha campaña electoral chea de mentiras e difamacións. Non compañeiro Beiras, non. Non estamos domesticados. A chegada do BNG ao goberno trouxo cambios estruturais de moito calado para Galiza, cunha política que, estou seguro, o mesmo Beiras asinaría. Se cadra, o que hai que facer é o que tamén dixo Castelao: non pórlle tachas á obra mentres non estea rematada. Así que xa sabes, máis traballar e menos rolda de prensa.

04/03/09

De volta ao deserto

As pasadas eleccións ao Parlamento galego decretaron a volta do PP ao goberno da Autonomía. É tempo agora de reflexións e análises, máis ou menos calmas. A derrota do bipartito é froito dunha acumulación de causas; todas elas contribuíron, en maior ou menor medida, a pór fin á experiencia de goberno encetada en 2005. Centrareime no BNG, pois é, loxicamente, o que máis me importa. Cómpre sermos humildes e recoñecermos os erros, os cometidos ao longo da lexislatura e os realizados durante a campaña electoral. Por aquí debe comezar a análise, pois son os factores internos nos únicos nos que temos completa marxe de manobra.

Ao longo destes tres anos e medio as bases cansamos de denunciar a escasa comunicación entre o goberno e as asembleas locais, o que imposibilitaba a estas para dar a coñecer o labor de goberno do BNG; esta tarefa era xa de por si difícil, tendo en conta que eran os alcaldes (do PP na súa maioría) os encargados de facer visíbeis os grandes proxectos do BNG. O aparello gobernamental do BNG, e non tanto conselleiros como directores xerais ou delegados provinciais, viviron de costas á realidade orgánica do BNG, e deste xeito é moi difícil explicarlle á sociedade as actuacións do Bloque. Evidentemente, se a comunicación non funcionou de arriba a abaixo tampouco o fixo en sentido contrario, co que iso ten de descoñecemento das demandas reais da nosa sociedade, ás que temos ineludíbel obriga de responder. As actitudes tampouco axudaron. A prepotencia dalgunhas persoas e o sectarismo doutras (ese vello vicio) contribuíron a ofrecer unha opinión negativa da administración do BNG. Durante a campaña electoral cometéronse erros graves. Se en 2005 a campaña axudara nos resultados, desta volta sucedeu todo o contrario. É nestes asuntos nos que hai que reflexionar, con calma pero con decisión. Debemos pedir perdón aos nosos exvotantes e tamén aos que, malia todo, nos votaron. Hai que recoñecer de xeito claro os erros.

Que dúbida cabe de que o contexto tampouco axudou. A crise económica que sufrimos favoreceu ao PP e prexudicou a PSOE e BNG (e non só ao PSOE como pensabamos moitos nacionalistas). Desde que teño memoria política, non vivira nunca unha campaña electoral tan sucia. O PP, e a fronte mediática que lle dá cobertura, empregáronse a fondo contra o bipartito en xeral e contra o BNG en particular. O Bloque pagou moi caro enfrontarse aos poderes económicos e mediáticos tradicionais en Galiza. Sufrimos en Galiza unha prensa infame, en gran medida ao servizo de poderes alleos aos intereses da nosa terra. Fomos leais ás nosas conviccións, que poñen por riba de todo o servizo ao noso pobo e non a poderes económicos alleos. Así tiña que ser, non nos laiemos disto.

Como adoita acontecer nestes casos, pasada a derrota electoral aparecen os voitres cos coitelos afiados. No BNG xa están aparecendo. Agora veñen pedir responsabilidades os que ao longo da última lexislatura non fixeron máis que pór paus nas rodas do xestión do BNG. Que o pensen ben, porque eu, cando estes individuos (algún con asento na executiva nacional) pidan responsabilidades, heilles pedir se están ao día dos seus deberes coa organización. Tamén hei pedir que me expliquen cal foi o seu traballo durante a campaña electoral e onde estaban mentres os militantes gastabamos os zapatos percorrendo cidades, vilas, parroquias e lugares da nosa nación. Vouno dicir moi claro. Malia todos os erros que se cometeron, Anxo Quintana, e o seu xeito de facer política, é o mellor que lle puido pasar ao Bloque Nacionalista Galego. Acredito no BNG que el quere construír e lamento que os malos resultados electorais poidan impedir seguir avanzando nun BNG máis partido político aberto e menos coalición de chiringuitos interesados. Máis abertos á sociedade á que servimos. Ao lado do noso pobo, sempre ao lado do noso pobo, para escoitar máis que para adoutrinar.

Remato. Dentro dos malos resultados xerais, a cidadanía do Valadouro volveu premiar o traballo do BNG. En ambos concellos o BNG subiu notabelmente, mentres que o PP e o PSOE experimentaban senllas baixadas. Imos, xa que logo, no bo camiño. E por aí imos continuar. Aquí estamos para traballar polo benestar dos nosos concellos, con firmeza e humildade.