14/09/18

CANDO GALIZA TIVO PREFECTURAS

Xosé I, óleo de François Gérad (c. 1808)

Historicamente os leitos fluviais foron un elemento idóneo para servir de fronteira, ben entre países, ben nas divisións interiores. Seguindo o modelo da Administración napoleónica, os ríos resultaron tamén útiles como denominación dos novos departamentos da monarquía centralizada. Tamén en España, durante o efémero goberno de Xosé I, se vai tentar levar adiante unha división en departamentos que se miraba no espello francés.

A crise acontecida en 1808 coa invasión das tropas napoleónicas alterou notabelmente a vida de Galiza. Dende o punto de vista administrativo, a relativa autonomía da que gozou a periferia durante o Antigo Réxime vai ser substituída por unha tentativa firme de centralización. En efecto, tanto os programas de goberno dos liberais españois, como os executivos do rei Xosé I, van tentar someter os territorios a un efectivo control. Dende un comezo se advertiu que, na procura do ideal centralizador, a diversidade existente na división territorial tiña que ser modificada por unha nova división máis racional, quen de dar acubillo ás autoridades nomeadas dende o goberno central[1].

Ao falar da proposta afrancesada de división provincial convén tamén mencionar o alto funcionario que se ía situar á fronte das novas provincias: referímonos por suposto ao prefecto, unha copia máis do modelo francés, de aí que en moitas ocasións estas provincias sexan denominadas tamén prefecturas. Os grandes departamentos foron fragmentados en subprefecturas, onde tamén había un subprefecto. Finalmente, os municipios, cos alcaldes á súa fronte, culminaban a proposta desta nova Administración local centralista[2]. A título de anécdota debemos mencionar que un dos moitos afrancesados que en 1810 ocuparon subprefecturas, concretamente en Almería, foi Javier de Burgos (1778-1849), que en 1833 sería o ministro que asinaría o decreto de división provincial que aínda perdura nos nosos días[3].

A nova administración xosefina deseñou unha nova división provincial dende o primeiro momento. Xa na Asemblea de Baiona, onde se elaborou a arquitectura institucional do novo réxime, se viu a necesidade dunha reforma territorial, cuxo obxectivo básico sería o esmorecemento dos particularismos periféricos e o centralismo. Nesta liña comezaron a traballar en 1808 dous sobranceiros afrancesados: Juan Antonio Llorente (1756-1823) e Francisco Amorós (1770-1848). O proxecto de Llorente baseábase na equiparación entre a división eclesiástica e a civil, creando deste xeito 15 grandes prefecturas (e arcebispados), que á súa vez se subdividirían en 65 subprefecturas (e bispados). Velaí unha descrición de Galiza baixo as perspectivas da división en prefecturas de Llorente:

Retrato de Juan Antonio Llorente, por Goya
“Llorente asignó en su división a cada Departamento una Universidad, una Audiencia y una Diócesis. En su proyecto se atenía a una división fluvial. Así distribuía a Galicia en estos Departamentos: Tambre (A Coruña), Miño Alto (Lugo), Sil (Orense y Monterrey), Miño Bajo (Vigo)”[4].

Non obstante, maior importancia tivo o proxecto elaborado por Amorós, que en 1808 dividía España en 38 departamentos. Nesta división Galiza ficaba partida en catro prefecturas: Santiago, Ourense, Lugo e Tui. Velaquí o antecedente máis antigo da división de Galiza en catro entidades. Neste proxecto, como en xeral en todos os promovidos pola Administración napoleónica, pretendíase a eliminación das diferenzas étnicas entre os territorios, sendo así máis doado o control político. Debemos de mencionar que o modelo de Francisco Amorós non tivo unha aplicación inmediata, mais si serviu de precedente para a importante división que o goberno de Xosé I tentou en 1810.

En efecto, en abril de 1810, por medio do proxecto elaborado polo matemático José de Lanz (1764-1839), España quedou dividida en 38 departamentos. Cómpre sinalar que a característica máis importante desta división foi a fascinación de Lanz polos límites fluviais, que non só separaban os departamentos entre si, senón que mesmo lles daban nome. En base a esta última característica, o modelo proposto por Lanz sería o máis contrario aos reinos históricos de todos cantos se propuxeron na primeira metade do século XIX.[5] A inmensa maioría das prefecturas españolas levaban nomes de ríos, agás algunhas da costa que eran nomeadas mediante outro accidente xeográfico: os cabos.

Prefecturas galegas de 1810
E como quedaba configurada Galiza na proposta de división departamental? O territorio galego fragmentábase en catro prefecturas, ao tempo que cada unha delas sería dividida en tres subprefecturas. Seguindo o ideario de Lanz, cada unha destas prefecturas tería unha denominación fluvial. Atopabamos, en primeiro lugar, a prefectura do Tambre, con capital na Coruña, que estaría dividida nas subprefecturas de Compostela, Corcubión e A Coruña. En segundo lugar, a prefectura do Miño Alto, con capital en Lugo e coas seguintes subprefecturas: Viveiro, Mondoñedo e Lugo. Cómpre sinalar unha característica desta prefectura: a fronteira co inmediato departamento do Cabo de Peñas (Oviedo) non se estabelecía no río Eo, senón no río Navia. En terceiro lugar, a prefectura do Sil, con capital en Ourense e coas subprefecturas de Monforte, Monterrei e Ourense. Finalmente, en cuarto lugar, a prefectura do Miño Baixo, con capital en Vigo e coas subprefecturas de Tui, Pontevedra e Vigo[6]. O curso do río Ulla facía de fronteira entre a prefectura do Tambre e a do Baixo Miño.

A división en departamentos que acabamos de comentar practicamente non se chegou a implantar, quedando só sobre o papel. As dificultades ocasionadas pola guerra facían moi difícil que os gobernos de Xosé I puideran imporse na periferia, onde eran abertamente contestados. Ora ben, si podemos concederlle a esta división o carácter de antecedente destacado da que sería finalmente imposta polos liberais españois, que fragmentaría Galiza en catro provincias. Así, se prescindimos da denominación fluvial das prefecturas e observamos as capitais (A Coruña, Lugo, Ourense e Vigo[7]) advertimos a que no futuro será a división provincial.

Bibliografía:
- CALERO AMOR, Antonio María: La división provincial de 1833. Bases y antecedentes, Madrid: Instituto de Estudios de Administración Local, 1987.
- BURGUEÑO, Jesús: Geografía política de la España constitucional. La división provincial, Madrid: Centro de Estudios Constitucionales, 1996.
- CHAPMAN, Brian: Los prefectos y la Francia provincial, Madrid: Instituto de Estudios Políticos, 1959.
- GARCÍA DE ENTERRÍA, Eduardo: Revolución Francesa y Administración contemporánea, Madrid: Taurus, 1972.
- GAY ARMENTEROS, Juan Cristóbal: Política y Administración en Javier de Burgos, Granada: CEMCI, 1993.
- GONZÁLEZ LÓPEZ, Emilio: Entre el Antiguo y el Nuevo Régimen, absolutistas y liberales: el reinado de Fernando VII en Galicia, Sada: Ediciós do Castro, 1981.
- LÓPEZ TABAR, Juan: Los famosos traidores. Los afrancesados durante la crisis del Antiguo Régimen (1808-1833), Madrid: Biblioteca Nueva, 2001.
- MÍGUEZ MACHO, Luís / CARBALLEIRA RIVERA, María Teresa: A provincia a través da Historia, Santiago de Compostela: EGAP, 1997.
- VIDAL BUSTAMANTE, José: “Cuando Vigo fue provincia. Relieve e historia de la ordenación administrativa española”, en El Pueblo Gallego, Vigo, 12 de decembro de 1954, p. 12.
- VIVEIRO MOGO, Prudencio: “A xénese da provincia de Lugo (1812-1833): Estado liberal e división provincial”, en Lvcensia, nº 23, 2001, p. 213-230.


[1] LÓPEZ TABAR, Juan: Los famosos traidores. Los afrancesados durante la crisis del Antiguo Régimen (1808-1833), Madrid: Biblioteca Nueva, 2001, p. 49.

[2] Para os prefectos e para a influencia da Administración francesa en España pódense consultar os seguintes estudos: CHAPMAN, Brian, Los prefectos y la Francia provincial, Madrid: Instituto de Estudios Políticos, 1959. GARCÍA DE ENTERRÍA, Eduardo: Revolución Francesa y Administración contemporánea, Madrid: Taurus, 1972.

[3] Javier de Burgos é sinalado como o principal responsábel da división provincial aínda vixente hoxe en España. Non obstante, cómpre afirmar que esta división foi estabelecida pouco tempo despois de chegar Burgos ao Ministerio de Fomento. As orixes da devandita división debemos procuralas nas anteriores épocas de vixencia da Constitución de 1812, sobre todo na división provincial fixada en xaneiro de 1822. Verbo da figura de Javier de Burgos pódese consultar GAY ARMENTEROS, Juan Cristóbal: Política y administración en Javier de Burgos, Granada: CEMCI, 1993.

[4] VIDAL BUSTAMANTE, José: “Cuando Vigo fue provincia. Relieve e historia de la ordenación administrativa española”, en El Pueblo Gallego, Vigo, 12 de decembro de 1954, p. 12.

[5] BURGUEÑO, Jesús: Geografía política de la España constitucional. La división provincial, Madrid: Centro de Estudios Constitucionales, 1996, p. 74.

[6] GONZÁLEZ LÓPEZ, Emilio: Entre el Antiguo y el Nuevo Régimen, absolutistas y liberales: el reinado de Fernando VII en Galicia, Sada: Ediciós do Castro, 1981, p. 322.

[7] Curiosamente, A Coruña, Lugo, Ourense e Vigo foron as provincias creadas polas Cortes en xaneiro de 1822, antecedente inmediato da división decretada por Javier de Burgos en 1833, aínda que finalmente Pontevedra conseguiu imporse a Vigo na división final, ao contar con máis apoios en Madrid.


Un traballo de Prudencio Viveiro Mogo, adaptación do texto publicado orixinalmente na revista Nova Ardentía nº 10, 2018.

05/09/18

OS NOMES DO TERROR


No ano 2006 o escritor Suso de Toro publicou Home sen nome. O máis significativo desta novela, de entre as moitas que tratan a Guerra Civil e a represión franquista, era que por vez primeira unha das voces narrativas era a dun represor. O título do libro, a alusión a ese «home sen nome», xa era ben significativo dunha situación anómala até o momento: a escuridade na que permaneceron as identidades dos represores. A paliar esta eiva contribúe de xeito significativo o volume colectivo Os nomes do terror. Galiza 1936: os verdugos que nunca existiron, publicado baixo o selo de Sermos Galiza.

O libro estrutúrase arredor de dous grandes bloques: por un lado, a descrición dos principais axentes da represión por zonas; por outro lado, un repaso aos diferentes xeitos de represión exercido polos vencedores. Antes, porén, atopamos dous textos moi interesantes. Na introdución faise fincapé en todos os condicionantes que aínda hoxe existen no traballo dos historiadores e historiadoras. O coñecemento do ocorrido é necesario, non para procurar vinganzas, senón, como se afirma nesta introdución, “construír entre todas/os un espazo de convivencia no que a liberdade de investigar e o dereito a saber sexan amparados polos poderes públicos e a sociedade no seu conxunto” (p. 22). Só desde a verdade e o coñecemento se poden pechar (de verdade) vellas feridas. O outro texto é obra de Carlos F. Velasco Souto e nel atopamos un estado da cuestión sobre os estudos da represión franquista en Galiza. O relatorio de Velasco ofrece un contexto histórico no que situar os traballos que integran o volume.

As investigacións que integran o bloque «As zonas» fan un repaso dos represores por diferentes comarcas galegas. Xosé Álvarez Castro achégase á violencia desenvolvida pola Garda Cívica de Pontevedra, en especial á figura do seu principal dirixente Víctor Lis Quibén, personaxe que estendeu as súas poutas mortais por toda a provincia de Pontevedra. Por este mesmo vieiro transita o estudo de Dionisio Pereira González, que se achega ás dinámicas represivas na Terra de Montes. Xosé Ramón Ermida Meilán analiza o labor das Escuadras Negras que, conformadas na súa maior parte por falanxistas, levaron a morte e a destrución por toda a zona de Sarria. Dentro da mesma provincia de Lugo Carlos Nuevo Cal estuda a represión exercida na Mariña. Os traballos sinalados analizan a represión exercida polos paramilitares fascistas, os cales, ademais dos asasinatos cometidos, tamén destacaron por un algo grao de corrupción, abertamente permitida polas autoridades franquistas. Así, en palabras de Ermida Meilán: “O franquismo tolerou e animou o uso da violencia por parte das milicias fascistas como instrumento de represión do propio réxime, permitindo, ao tempo, as prácticas corruptas dos dirixentes falanxistas como unha sorte de recompensa pola súa implicación na política do terror” (p. 77). Represión máis corrupción é unha característica que se repite ao longo dos traballos incluídos neste libro.

Finalmente, os traballos de Emilio Grandío Seoane (sobre a Delegación de Orde Pública na Coruña) e de Eliseo Fernández Fernández (sobre a Delegación de Orde Pública en Ferrol) achégannos á represión institucionalizada e aos seus principais protagonistas. Para Eliseo Fernández este organismo, curiosamente nacido na época republicana, xunto co seu máximo responsábel local Victoriano Suanzes, tivo un protagonismo notábel nos asasinatos extraxudiciais na bisbarra de Ferrol. Labor na que estivo secundado por Florentino González Vallés, encargado da Delegación de Orde Pública na provincia da Coruña. O texto de Grandío é moi interesante, pois pon o acento na complexa consideración de vítimas e verdugos. No seu traballo dá a coñecer dúas figuras, ambas mandos da Garda Civil: José Clarés e Eustaquio Heredero, que, se ben inicialmente están no bando franquista (e, xa que logo, represor), acabarán sendo procesados por ter unha actitude autónoma e non dunha obediencia cega ás novas autoridades. Non eran tempos nos que se permitiran as medias tintas, vivíase nunha sospeita permanente.

No bloque rotulado «Os temas» hai un achegamento sectorial á represión. No primeiro dos traballos desta sección, obra de Judith Carvajo, atopamos unha tentativa de categorizar a represión e, xaora, os distintos modelos de represor: colaborador, delator, etc. Ana Cebreiros analiza o labor da Sección Feminina e o papel que as mulleres (as represoras) tiñan no novo réxime. De interese é a achega de Xoán Carlos Garrido Couceiro, que aborda o rol dos cregos galegos na represión. Para alén daqueles que se opuxeron aos asasinatos, tan escasos como honrosos, os cregos non só deron apoio moral á represión, senón que actuaron tamén como delatores. Non obstante, como tamén constatamos na represión dos paramilitares, tamén houbo cregos que se lucraron a conta dos seus fregueses. Garrido Couceiro presenta o caso dalgún párroco que solicitaba rescates a cambio de librar ás persoas da gadaña asasina.

Bernardo Máiz centra o seu estudo na represión “legal”, isto é, na actuación dos tribunais franquistas. Neste senso, constata o claro predominio dos militares na represión. Soamente a partir da Lei de Orde Pública, de 30 de xullo de 1959, se reduciu algo o poder da xurisdición militar. Non obstante, a creación en 1964 do Tribunal de Orde Pública foi un novo exemplo de prolongación no tempo da represión e do control exhaustivo. Finalmente, Julio Prada achégase á represión económica. Certamente, a perda de vidas humanas motivou que outros xeitos de represión non foran até o momento moi estudados, caso das exaccións económicas ou as incautacións de bens (reguladas ou non). Prada constata as dificultades de acceso ás fontes para o estudo da represión económica. Segundo provincias a masa documental é moi variada. Así, mentres é escasa na Coruña e Pontevedra, é significativa en Lugo e abundante en Ourense. O volume da documentación tamén é diferente segundo as manifestacións da represión económica. Os fondos nos que se recollen as requisas do exército son bastante abundantes, mais as incautacións realizadas por falanxistas ou outros paramilitares son moito máis difíciles de documentar. Para rematar, un aspecto do relatorio de Julio Prada que chamou a nosa atención é o aproveitamento da situación por parte dalgunhas persoas para se facer cun patrimonio dun xeito irregular: veciños ou mesmo familiares que aproveitaron a represión para obter propiedades a moi baixo custo. Malia que Prada minimiza a importancia deste tipo de represión, decontado xorde no noso maxín o libro de Daniel Godhagen Os verdugos voluntarios de Hitler, no que este historiador estadounidense documentaba que os alemáns do común non só coñecían, senón que consentiron a represión contra os xudeus. Evidentemente, a experiencia non é análoga, mais si nos fala da condición humana de pescar en río revolto e aproveitarse dos males do veciño.

Valoramos un volume que tenta pór nome aos responsábeis da represión franquista, a eses «homes sen nome» que permaneceron na escuridade todo este tempo, aínda que sexa rotulándoos co eufemismo de «vitimarios». O coñecemento e a verdade son condicións imprescindíbeis para a solución de calquera conflito, así pois agardamos que libros coma o que analizamos sexan un revulsivo para novas investigacións.

Os nomes do terror. Galiza 1936: os verdugos que nunca existiron

Xosé Ramón Ermida Meilán
Eliseo Fernández Fernández
Xoán Carlos Garrido Couceiro
Dionisio Pereira González (Coords.)
Sermos Galiza, Santiago de Compostela, 2017, 285 páxinas

Recensión publicada en Murguía, Revista Galega de Historia, nº 37, xaneiro-xuño 2018, p. 180-183. (ver)