26/03/10

HISTORIAS DE EMIGRANTES


A emigración galega a América é unha historia colectiva, unha suma de pequenas historias. Algunhas desas memorias de vida son coñecidas, ben polo éxito económico, ben polo importante labor cultural. Emporiso, a maioría desas experiencias individuais permanecen inéditas. No libro que imos comentar, Catro historias de emigrantes, xúntanse a un tempo a memoria dos emigrantes descoñecidos e a lembranza daqueloutros que tiveron unha repercusión pública. En calquera caso, o traballo de Manuel Losa descóbrenos, unha vez máis, a importancia da emigración na Galiza contemporánea. Para ben ou para mal, velaquí unha historia que tivo un protagonismo colectivo: os milleiros de galegos e galegas ciscados por América adiante.

O libro encétase cunha introdución que ofrece un contexto xeral da emigración galega no Uruguai, ben coñecida polo autor ao ser el mesmo emigrante neste país. Manuel Losa Rocha (Santiago de Compostela, 1940) é autor dunha bibliografía centrada, basicamente, na súa experiencia como emigrante no Uruguai. Así podemos destacar os títulos O vendedor de libros e Relato dun emigrante, ambos publicados en Montevideo en 2007. Losa é autor tamén dunha biografía de Xesús Canabal Fuentes, unha das principais figuras da colonia galega no Uruguai, editada co gallo do seu nomeamento como fillo predilecto do Concello do Pino. Aínda que na súa introdución o autor pasa revista aos principais fitos da emigración galega na República Oriental, cómpre ter en conta que a perspectiva que se emprega é a do actor implicado, non a do investigador no tema. Afirmamos isto porque, ás veces, no texto nótase unha visión idealizadora do emigrante galego, así como demasiadas xeneralizacións. Ora ben, o afirmado non lle quita mérito á obra, pois o devalar destas vidas achega moita información susceptíbel de ser aproveitada polos investigadores da emigración galega no Uruguai.

As catro biografías que se nos presentan no volume poderiamos, á súa vez, dividilas en dous bloques. Por un lado, consonte ao que afirmabamos no primeiro parágrafo, as dúas primeiras responderían ás memorias de vida de dous emigrantes anónimos. Por outro lado, nas dúas restantes atopariámonos a dous emigrantes cunha maior proxección social. Uns e outros tiveron unha relación persoal co autor do libro, feito que se demostra nos detalles e nas anécdotas que se nos relatan nestas biografías. Estamos, xa que logo, diante de memorias de vida elaboradas máis coa entrevista e a conversa cos protagonistas que coa referencia bibliográfica, feito que sen dúbida déixase notar na frescura do relato.

As dúas primeiras biografías corresponden a Isidoro Manuel García García (Monfero, 1933) e a Eduardo Martínez Filgueira “O Cañotas” (Noia, 1926). Ambos personaxes poden situarse no pulo migratorio dos anos cincuenta. Tamén en ambos casos hai unhas situacións traumáticas que motivaron a emigrar. No caso de Isidoro M. García foi o asasinato do pai, militante socialista e tamén antigo emigrante no Uruguai. As penurias da posguerra foron determinantes para que O Cañotas decidise seguir o camiño da emigración. A emigración de Isidoro M. García desenvolveuse por medio de vieiros legais, pois foi reclamado por un irmán que emigrara previamente. Eduardo Martínez, pola contra, entrou no Uruguai de xeito ilegal, tras ter pasado dous anos no Rio de Janeiro. A descrición das súas vidas na emigración segue un modelo prototípico, equiparábel a moitos casos: traballo duro desde o máis baixo, asentamento e reclamo da familia que quedara en Galiza, integración na sociedade de acollida e participación en actos da colectividade galega. Porén, no caso do Cañotas hai un engadido: estamos diante do emigrante que toma consciencia de Galiza na emigración. En efecto, tal e como nos lembra Manuel Losa na súa introdución: “Moitos emigrantes galegos, do medio rural principalmente, comezaron a coñecer a súa terra a partir da chegada a América e a concorrencia ás bibliotecas, aos faladoiros e aos actos culturais das institucións” (p. 30). No caso de Eduardo Martínez o compromiso coa terra natal concretouse na elaboración de imaxes en madeira –era carpinteiro de profesión− de Rosalía de Castro e Castelao, que repartiu entre as entidades galegas do Uruguai.

Os outros dous emigrantes biografados no volume tiveron unha maior dimensión pública. Atopamos, en primeiro lugar, a Xosé Lage Sierra (Ortigueira, 1916), Pepe Montoya de alcume artístico. Non estivo exento este emigrante duns comezos traumáticos, motivados pola súa condición de fillo natural e a tormentosa relación cunha tía. Ora ben, a diferenza dos dous anteriores, Pepe Montoya só tivo no Uruguai traballos relacionados co eido da cultura. Así, foi durante moitos anos profesor de danza no Centro Gallego e director do Ballet España desta institución. O seu traballo viuse recompensado co recoñecemento de varias entidades galegas de Montevideo.

Antón Crestar Faraldo (Miño, 1896 – Montevideo, 1983) é, sen dúbida, o máis coñecido dos emigrantes presentes neste libro. A súa historia como emigrante repártese entre Uruguai, a onde emigrou entre 1910 e 1915, e os Estados Unidos, onde residiu entre 1916 e 1922. A partir deste último ano, Crestar, xa coa súa familia asentada en Montevideo, abandonou Norteamérica para se asentar definitivamente no Uruguai. A actividade social deste emigrante foi moi intensa, sobre todo nas dúas principais institucións galegas de Montevideo: o Centro Gallego e a Casa de Galicia, entidades das que foi membro das súas xuntas directivas. O labor cultural de Antón Crestar estendeuse tamén ao Banco de Galicia, onde colaborou estreitamente con Xesús Canabal. Mais, Crestar desempeñou tamén un papel moi importante no movemento galeguista en Montevideo. Así, en 1934 participou na fundación da Irmandade Galeguista da capital uruguaia. Nesta mesma liña, debemos destacar tamén que tivo un importante protagonismo no apoio aos refuxiados republicanos tras a derrota na Guerra Civil. No desenvolvemento destas tarefas Crestar relacionouse cos principais líderes do exilio galego, tales como Castelao ou Ramón Suárez Picallo. Como no caso de Pepe Montoya, o seu labor a prol de Galiza viuse recoñecida, non só polas entidades galegas no Uruguai, senón tamén polo seu concello natal.

Os emigrantes recollidos neste volume poden representar un paradigma bastante acaído do que foi a emigración galega, pois a carón daqueles emigrantes que viviron soamente para o seu traballo, temos aqueloutros que tiveron un destacado compromiso coa terra que os viu nacer. Uns e outros merecen ser lembrados e recoñecidos, pois son protagonistas sobranceiros da Historia contemporánea de Galiza. A Historia de Galiza que se construíu lonxe da propia Galiza, aínda que para os emigrantes as distancias sempre foron relativas.

Catro historias de emigrantes
Manuel Losa
Vigo: Galaxia, 2009, 210 páxinas

Reseña publicada na revista Estudos Migratorios, Vol. III, nº 1 (2010)

15/03/10

ESTEREOTIPOS

A estas alturas xa todo o mundo debe coñecer as lindas palabras que nos dedicou Rosa Díez. Cando Inaki Gabilondo lle pediu que describira brevemente a Zapatero, a ilustre estadista afirmou que “podería ser galego no sentido pexorativo do termo”. Non se estendeu tanto con Rajoy, do cal afirmou, simplemente, que “é galego”. Non era a primeira vez que esta política (no sentido pexorativo do termo) empregaba “galego” como un cualificativo insultante; hai arredor dun ano xa describira así ao actual presidente da Xunta. Francamente, a min non me sorprende que Rosa Díez teña interiorizada esta visión dos galegos, despois de todo só é a punta do iceberg da opinión que merecemos a moita xente pola meseta adiante. O que me sorprendeu foi a chulería de pronuncialo nunha canle de televisión, facelo sabendo que non lle ía traer consecuencias. Isto corroborouse cando, unha vez que estoupou a polémica, negouse a desculparse, amosando así ás claras o endeusada que está esta persoa. A soberbia pódelle demasiado a esta muller. Non quedou aí a cousa. Días despois, un dos “intelectuais” orgánicos do partido de Rosiña, o catalán Arcadi Espada, dedicounos unha nova morea de insultos, que se nos enfadábamos era porque eramos uns “pueblerinos” e outras cousas polo estilo. Desta volta, este simpático foi para a casa coas orellas quentes, diso encargouse Xulia Otero, que lle deu un bo repaso. Xa antes en UPyD pensaban que os que protestabamos eramos uns “perturbados nacionalistas”. É normal. Non están afeitos a que os galegos protestemos. Por iso reaccionaron con violencia. O asunto non é novo, vén de vello. Xa as grandes plumas do “Siglo de Oro” español se despachaban a gusto á nosa conta. O estereotipo, sempre o estereotipo. Hoxe quero reproducir a opinión que lle mereciamos a unha das cabezas máis brillantes do século XX en España: o filósofo José Ortega y Gasset (1883-1955). Degustade os eloxios que nos dedicou na súa obra España Invertebrada (1921):

En Galicia, tierra pobre, habitada por almas rendidas, suspicaces y sin confianza en sí mismas, el particularismo será reentrado, como erupción que no puede brotar, y adoptará la fisonomía de un sordo y humillado resentimiento, de una inerte entrega a la voluntad ajena, en que se libra sin protestas el cuerpo para reservar tanto más la íntima adhesión.
No he comprendido nunca por qué preocupa el nacionalismo afirmativo de Cataluña y Vasconia y, en cambio, no causa pavor el nihilismo nacional de Galicia o Sevilla.


Que? Que vos parece? Non son palabras semellantes ás que o partido de Rosa Díez empregou para xustificarse? Como vedes hai precedentes. Don José estaba preocupado polo proceso de dispersión que sufría España desde o Desastre de 1898. Pero, no canto de procurar unha solución, o filósofo non só non busca rectificar o centralismo, senón que aínda se reafima nel. Vede:

España es una cosa hecha por Castilla, y hay razones para ir sospechando que, en general, sólo cabezas castellanas tienen órganos adecuados para percibir el gran problema de la España integral. Más de una vez me he entretenido imaginando qué habría acontecido si, en lugar de hombres de Castilla, hubieran sido encargados, mil años hace, los “unitarios” de ahora, catalanes y vascos, de forjar esta enorme cosa que llamamos España.

Pois xa llo digo eu don José. Se fora a periferia a que tivera que facer España ao mellor viviamos nun Estado plural, respectuoso cos particularismos, incluído o castelán, que tanto ten que aportar. Non, don José, non. Non foron cabezas castelás as que crearon esta España decrépita, foron cabezas madrileñas. Velaí o problema. E así nos foi e segue indo.

Post scriptum I: Non obstante, tamén quero lembrar unha visión moito máis amábel de Castela. Podemos atopala nas páxinas marabillosas de Miguel Delibes, que acaba de deixarnos. Non importa, queda a súa obra. Lendo a prensa estes días atópome cunha entrevista onde Delibes afirmaba: “Para mi Madrid es la ciudad del miedo. A mí Madrid me da miedo, porque si Valladolid me parece un enorme aparcamiento, Madrid me parece cinco veces ese aparcamiento” (El País, 13/03/2010). Xenial.

Post scriptum II: Xa o dixo Xulia Otero. O problema de se os galegos subimos ou baixamos pola escaleira está en quen mira, non nos propios galegos. Aínda así, sempre poderemos responder: e a ti que carallo che importa se subo ou baixo!

Post scriptum III: Cambiando de tema, para rematar. En Santiago, na Costa de Santa Isabel, hai un cidadán cubano que está en folga de fame para protestar contra a violación dos dereitos humanos en Cuba e para pedir a liberación dos presos políticos. Desde este blogue fágolle chegar a miña solidariedade e apoio. Eu non vou mirar para outro lado.