20/11/08

Primeira Asemblea Nacionalista


O 17 de novembro de 1918 daba comezo, na cidade de Lugo, a primeira Asemblea Nacionalista. Van aló, xa que logo, noventa anos. Nove décadas de nacionalismo galego. Xuntáronse en Lugo os representantes de todas as Irmandades da Fala do país. O movemento das Irmandades, que ten a súa orixe en 1916, representaba un verdadeiro rexurdir da nosa lingua propia, sobre todo no que toca á súa normalización social. Nun histórico manifesto, publicado tras a celebración da Asemblea, os homes das Irmandades proclamaban: declarámonos de hoxe e para sempre nacionalistas galegos. O rexionalismo ficaba atrás e nacía un movemento que chega até os nosos días. Convén lembrar que o manifesto nacionalista de 1918 era un documento nidiamente democrático, que proclamaba ademais a igualdade de homes e mulleres. O nacionalismo galego nacía, pois, vencellado á democracia, aos valores liberais e progresistas, e así permanecerá ao longo da súa xa dilatada historia. Por estes días, a Deputación provincial de Lugo dedica unhas xornadas a conmemorar esta histórica data. Sen dúbida ten moito que ver isto co traballo do deputado de cultura, Antonio Veiga, o noso amigo Toñito. Eis un exemplo dunha institución posta ao servizo do país. É sabido que os nacionalistas nunca gostamos das deputacións; emporiso, mentres haxa que tragar con elas mellor é poñelas ao servizo de Galiza e non que sirvan de base ao entramado caciquil do PP. Parabéns, pois, para a Deputación provincial de Lugo por esta iniciativa. Nunca pensei que tería que escribir isto!