26/06/08

Pombiña sociata


A pombiña que vedes na imaxe está estudando o libro de estilo do PSOE. Alguén lle comentou que a prepotencia era condición sine qua non para entrar no partido de ZP. Pobre pombiña, de todos os pecados capitais o da soberbia paréceme o menos desculpábel. Aínda así, a boa da pombiña foi á sede do PSOE e déronlle un curso rápido de como chulear a outros paxaros. Co conto de que son progresistas todo vale. Iso si, menos mal que a pombiña poderá vir voando a Galiza, porque de ter que agardar polo tren de Alta Velocidade non ía chegar nunca. Xa sabedes, a ministra de Fomento volveu anunciar no Senado un novo retraso no AVE galego. En fin, menos mal que hoxe cúmprense cen anos do nacemento de Salvador Allende, un verdadeiro socialista. El demostrou que a esperanza, a ilusión e paixón polas cousas son o adubo necesario da vitoria. Marzo de 2009 agarda por nós.

Post scriptum: notaran os lectores e lectoras desta bitácora que o seu autor ten certa tendencia a, digamos, desfacerlle os cadullos ao PSOE. Si. Préstalle moito. Pero tamén acepta críticas e puntalizacións, pois como non é do PSOE non se cre en posesión da verdade absoluta. Por certo, non escribe PSdeG por que lle dá a risa.

23/06/08

Trinta e catro


Este domingo 22 fixen trinta e catro anos. O peor de cumprir anos non é que te vaias facendo maior, o peor é a saudade dos anos pasados. A min pérdeme a melancolía. Por outra parte, o tempo é do máis subxectivo. Lembro como se fora onte as sensacións que tiña cando cumprín dezanove e, en troques, non teño lembranzas tan nidias de cando fun cumprindo vinte e tantos. Deixémonos de pasados! Se o mellor é o que está por vir! Así que metamos os recordos na maleta e camiñemos cara ao futuro. Este mércores 25 o papá cumpre oitenta anos, este si que non para! Non hai maneira de retelo na casa! En fin, parabéns papá.

18/06/08

Viva a República!


A semana pasada o señor presidente do Congreso dos Deputados, José Bono, chamoulle a atención a un cidadán por despregar unha bandeira republicana en sede partalementaria. O incidente produciuse no marco dunha homenaxe organizada polo Congreso a ex presos políticos represaliados polo franquismo. Pregúntome, que bandeira pensaría o señor Bono que asumen estes cidadáns? A bandeira dos que foron os seus represores? A bandeira que restaurou o franquismo? Mire, señor Bono, que a bandeira oficial de España sexa a roja y gualda, non significa que as cores republicanas sexan ilegais. Nin é tampouco un crime berrar “Viva a República!”, porque é o mesmo que dicir “Viva a democracia!”, ou descoñece vostede que a democracia republicana foi derrubada pola ditadura franquista? A bandeira republicana podería ser ilegal para o seu señor pai, ilustre alcalde falanxista, pero para os que seguimos fieis á República segue a ser a nosa insignia de loita. Este episodio trouxo ao meu maxín as palabras que Castelao estampou ao comezou do seu álbum de debuxos Milicianos, publicado en Nova York en agosto de 1938:

“Estas estampas relembran os primeiros meses de guerra cando a heroica tolería do pobo coutou a marcha dos militares e dounos tempo para crear o Exército da República”.

Pois iso, señor Bono, procure na súa memoria a ver se lle queda algo de “socialista” e lembre que as cores vermella, amarela e mourada, a bandeira republicana, é a insignia da democracia. É o recordo de todos os que morreron pola liberadade.

16/06/08

Como en Irlanda!



A decisión dos irlandeses de dicir NON ao tratado de Lisboa trouxo á miña memoria uns versos de Alfredo Brañas nos que chamaba aos galegos a seguir o exemplo irlandés:

a isla pelra dos mares,
é a doce terra dos meus cantares,
terra de altivos fortes colonos,
onte inda servos, hoxe xa donos...
¡Ergue, labrego! ¡Érguete e anda!
¡Coma en Irlanda! ¡Coma en Irlanda

E é que Irlanda volveu dar exemplo. En 1992 promulgouse o tratado de Maastricht, que creaba a Unión Europea. Irlanda, xunto con Dinamarca, rexeitaron en referendo este tratado. Un ano despois, as cidadanías de ambos países ratificaban o tratado despois de que fora sometido a varias correccións. En 2001 os irlandeses, unha vez máis, rexeitaban o tratado de Niza. Aceptárono en 2002, cunha cláusula que impedía ao país unirse a un exército europeo sen unha consulta popular previa. Por certo, xa que paso por aquí, direi que Irlanda NON é membro da OTAN, co cal se demostra que se pode ser membro da Unión Europea e non participar do imperialismo da OTAN: escoitaron señores do PSOE! Seguimos. En 2005 os franceses e os holandeses rexeitaron en referendo a Constitución europea. Poucos meses antes, os nacionalistas galegos pediamos o NON para esta chamada “Constitución” e fomos demonizados e alcumados de antieuropeos. Polo que toca ao euro, en 2000 Dinamarca rexeitou unirse á moeda única, en 2003 foi Suecia quen seguiu o mesmo camino. Dos británicos xa é mellor non falar. Pero, que significan todas estas negativas? Significan que os irlandeses son antieuropeos? Pois non. O que significa é que hai unha Europa dos cidadáns e unha Europa dos políticos, e mentras que estas Europas sigan percorrendo camiños paralelos, pero diferentes, continuaremos asistindo a episodios como o NON irlandés. Gerry Adams, presidente do Sinn Féin, afirmou logo de coñecerse o resultado do referendo: “Europa non morreu, pero si o tratado está morto. A xente quere unha Europa social e democrática”. Irlanda é, se cadra, o país que mellor invertiu os fondos estruturais da Unión. Mentres que en Galiza nos cansamos de asfaltar currais cos cartos que viñan de Europa, en Irlanda invertiron en coñecemento e en I+D+i, hoxe é unha das economías europeas que máis medra. Galiza e Irlanda son dous países atlánticos que afrontaron problemas moi semellantes, ambos sufriron unha grande emigración. Hoxe hai que ver onde está Irlanda e onde está Galiza. Se cadra é hora de seguir o consello de Alfredo Brañas: como en Irlanda! Capital humano non falta.

10/06/08

Salvador Allende


O vindeiro 26 de xuño cúmprense cen anos do nacemento de Salvador Allende. Como historiador admirei a moitos persoeiros, mais case todos remataron por defraudarme. Se cadra a culpa é miña, por esixir demasiado. Pero, desde que teño memoria histórica, hai unha persoa á que admirei moito, moitísimo. Para min Salvador Allende é moito máis que o presidente constitucional de Chile entre 1970 e 1973. É, sobre todo, a fidelidade e o compromiso á palabra dada. Allende prometeu que respectaria a Constitución e as leis e cumpriuno até o último momento. Dicir Allende é dicir democracia, liberdade e socialismo. El demostrou que se podía construír unha sociedade socialista sen recorrer á violencia, o goberno da Unidade Popular era o instrumento. A demostración de que o vieiro aberto por Allende era posíbel foi que desde o primeiro momento da súa presidencia comezou a conspiración para derrubalo. Instrigas nas que participou, tamén desde o primeiro intre, o departamento de Estado norteamericano, dirixido por un delincuente chamado Henry Kissinger, ao servizo doutro delincuente chamado Richard Nixon. E o golpe triunfou. Augusto Pinochet, a quen o mesmo Allende nomeara xefe do exército, traizoando a Constitución que xurara respectar, encabezou un golpe militar que levaría a unha tiranía de dezasete anos. E despois de tanto tempo, que queda? Queda a traizón? Quedan os asasinatos e as torturas? Non, queda a valentía dun home que serviu ao longo da súa vida á causa dos traballadores. Hoxe, até a dereita reaccionaria de Chile renega de Pinochet (por ladrón, non por asasino). Porque, do mesmo xeito que no debuxo de Castelao, podemos dicir que non enterraron corpos, enterraron unha semente de liberdade. Cercado no pazo presidencial de La Moneda, o 11 de setembro de 1973, Salvador Allende dirixiu a súa derradeira mensaxe ao pobo chileno. As súas palabras, aínda hoxe en día, estremécenme:

Trabajadores de mi patria: quiero agradecerles la lealtad que siempre tuvieron, la confianza que depositaron en un hombre que sólo fue intérprete de grandes anhelos de justicia, que empeñó su palabra de que respetaría la Constitución y la ley y así lo hizo (…) Seguramente Radio Magallanes será acallada y el metal tranquilo de mi voz no llegará a ustedes. No importa, la seguirán oyendo, siempre estaré justo a ustedes. Por lo menos mi recuerdo será el de un hombre digno que fue leal a la lealtad de los trabajadores.

05/06/08

Ética xornalística


Este domingo atopeime en El País unha noticia que me sorprendeu. Nun amplo artigo facíase referencia a unhas presuntas irregularidades da conselleira de Vivenda, Teresa Taboas. Digo que me sorprendeu porque non atopei a noticia noutro xornal, nin a escoite na radio, nin a vin na televisión. Hoxe recibín un correo desde o BNG onde se explica que todo foi unha falsidade. Para que logo digan que somos os nacionalistas os que estamos no Goberno e na oposición a un tempo. E non será máis ben o PSOE, e os seus medios afíns, quen o fan? Neste país sufrimos unha prensa infame. Cópiovos deseguido o correo que recibín desde o BNG, onde se explica todo o asunto.

O domingo 1 de Xuño, a edición galega de El País titula a catro columnas: “Táboas validou vivendas deficientes que proxectou como arquitecta”, unha información que baseaba nun informe –en realidade un preinforme− do Consello de Contas. Segundo El País, en 2002 Teresa Táboas deseña como arquitecta o proxecto dunhas vivendas en Pereiro de Aguiar. Esas vivendas presentarían posteriormente erros construtivos e serían validadas anos despois pola propia Teresa Táboas, xa na súa calidade de conselleira. Tres días despois, El País revela aos seus lectores que esa información é absolutamente falsa. Teresa Táboas, vénsenos dicir agora, non asinou o proxecto arquitectónico das vivendas deficientes e non tivo ningunha participación no deseño. O erro débese a que no seu preinforme o Consello de Contas atribúe falsamente a Táboas a autoría do proxecto dun grupo determinado de vivendas, cando en realidade o que fixo foi asinar o deseño doutra promoción que, iso si, se construíu no mesmo concello. Causa estupor neste asunto que un organismo da relevancia do Consello de Contas, destinado a velar polo correcto funcionamento, a transparencia e a probidade das Administracións públicas, cometa erros tan importantes como atribuír falazmente a unha persoa a autoría dun proxecto no que non tivo nada que ver. Abraia tamén que cometese a imprudencia institucional de facer chegar ao coñecemento do público un documento que nin sequera tiña o carácter de definitivo, pois era un preinforme. Chama poderosamente tamén a atención que El País non presente a información de hoxe como unha rectificación do propio xornal. Se o domingo El País dá por boa unha información falsa, hoxe, en troques, atribúe o erro ao Consello de Contas baixo o titular de “O Consello de Contas rectificará a atribución a Táboas de pisos deficientes”. É de salientar ademais que o domingo o diario se abstivese de ofrecer aos seus lectores a versión da Consellaría de Vivenda. En definitiva, a irreprochábel xestión de Teresa Táboas, sempre en defensa do interese xeral, ábrese paso e deixa atrás erros xornalísticos e lamentábeis imprudencias institucionais.


04/06/08

Insultos


Como vén sendo habitual, o pasado luns houbo escándalo na sede do PP en Madrid. Desta volta, un individuo dedicouse a insultar aos partidarios de Mariano Rajoy. Que se traidor, que se senvergoña, que se vendido. Até aquí todo normal. Normal para quen fixo do insulto o seu principal argumento. Á dereita española aínda lle queda moito para poder equipararse á europea. A sorpresa leveina cando apareceu Alberto Núñez Feijoo. O energúmeno antes citado chamoulle "gallego traidor" ao presidente do PP de Galiza. Cal é o insulto? Gallego? Traidor? Gallego traidor? Empregar o xentilicio gallego coma un insulto ten unha longa tradición na literatura española, xa no Siglo de Oro se despachaban a gusto. Até hai ben pouco algunhas acepcións de gallego no dicionario da RAE eran despectivas. Polo que se ve, para algúns españois en xeral, e madrileños en particular, gallego segue sendo un insulto. Con razón preguntou Fraga, en alusión ao tipo que insultaba: ¿quién es este cretino? Un dos seus, don Manuel, un dos seus.

03/06/08

Hipocresía?


O PSOE opúxose no Congreso dos Deputados a unha proposición de IU que solicitaba a eliminación dos símbolos relixiosos nas tomas de posesión dos cargos públicos. Ao mesmo tempo, tamén rexeitaron unha proposición do BNG que pedía a revisión dos acordos entre o Estado e a Igrexa Católica. Que teme o PSOE? Perder o voto dos bispos? Son da opinión de que o sentimento relixioso debe estar reducido á esfera do privado, ás crenzas íntimas de cada persoa. Cúmprase a Constitución que fala dun Estado aconfesional (que non laico, como sería de desexar). Para alén disto, o PSOE tampouco ve prioritario regulamentar a eutanasia. Argumentan que non é unha demanda maioritaria da sociedade. E eu pregunto: era unha demanda maioritaria a petición dos matrimonios homosexuais? Seguro que non, e, non obstante, levouse a cabo. Como debía de ser. Pois ben, señores “socialistas”, atendan ao sufrimento de moitas persoas, de moitas familias, e dean un marco legal á eutanasia. A ética e a conciencia non poden imporse. Son persoais e intransferíbeis. Advertencia: na fotografía que acompaña a este comentario, Zapatero é o que está á esquerda; dígoo para evitar confusións.

02/06/08

Manuel Lourenzo


Que Manuel Lourenzo acabe de ser galardoado co Premio Nacional da Cultura Galega, na súa categoría de artes escénicas, trae á miña memoria outro premio "nacional". Vanse cumprir dez anos do Premio "Nacional" de literatura dramática que Manuel Lourenzo recibiu en 1998. Daquela, diante da parálise oficial dos concellos do Valadouro, un grupo de amigos (que ademais eramos militantes do BNG) organizamos unha homenaxe na Finca Galea, en Alfoz. Non tardaron os alcaldes en subirse ao carro. Pedimos tamén por carta (entón non tiñamos representación na Corporación local) ao señor alcalde do Valadouro o nomeamento de Manuel Lourenzo como fillo predilecto do noso concello. A súa resposta: estudaremos o asunto. Pois ben, dez anos despois aínda seguen estudando. Logo de tanto tempo, e con tanto estudo, teñen agora unha nova oportunidade de aprobar o exame. Haberá desta volta un recoñecemento oficial? Estaremos atentos. En calquera caso, querido Manuel Lourenzo, querido veciño, os meus parabéns máis entusiastas. Es un orgullo para O Valadouro. Es un orgullo para Galiza.