31/07/18

BRINCANDO COA HISTORIA



Que cal é a maior tentación dunha persoa que se dedica á investigación histórica? Pois caer na historia contrafactual. Deixarse seducir polo “que pasaría se...”. Para nos curarmos deste mal están as novelas, os escritores de ficción non están sometidos a regras estritas e poden xogar cos feitos históricos (dentro duns límites, claro). Por iso traio a este blogue dúas novelas semellantes, ambas xogan con personaxes históricos moi coñecidos, sacándoos do seu ambiente e levándoos a mundos que, a priori, lles son alleos. A ver se gostades das propostas.



A primeira novela é Ha vuelto (Seix Barral, 2013), do escritor alemán Timur Vermer. O argumento é simple: verán de 2011, Adolf Hitler esperta nunha leira en Berlín, e así comeza todo (outra vez). Tras moitas ocorrencias, Hitler vese na obriga de traballar para sobrevivir; mais, en que podería ocuparse? Pois de imitador del mesmo na televisión. O tremendo suceso do seu programa fai que os partidos políticos alemán queiran gañarse a este humorista para recadar votos e, todo volta comezar? Baseada neste libro –de gran éxito na Alemaña– en 2015 realizouse unha película.



A segunda novela é La muerte de Napoleón (Acantilado, 2018), de Simon Leys, alcume literario do escritor belga Pierre Ryckmans. Credes que Napoleón morreu na illa de Santa Helena? Pois non. Despois de ser substituído por outra persoa, e logo dunha longa travesía por mar, Napoleón volve a Europa. Visita Waterloo, que atopa convertido nunha atracción turística, onde case nada do que contan os guías é verdade. Regresa a Francia. Para que? Para rematar de vendedor de melóns e sandías en París. Non todo vai ser heroico e imperial.