A egrexia
figura de Francisco Fernández del Riego (Lourenzá, 1913 – Vigo, 2010) tráeme
sempre ao maxín o mesmo cadro: «O camiñante sobre o mar de nubes», do pintor
romántico alemán Caspar David Friedrich. Nel, o excursionista, logo de rematar
o seu percurso, olla desde o cumio dun outeiro a paisaxe toda. Pois ben, eu
vexo a don Paco do mesmo xeito. Coa diferenza de que el ollaba, desde a súa
altura intelectual, a Galiza enteira. Non só a que podía apreixar cos ollos,
senón tamén a que se ve co corazón e os moitos anos de dedicación plena ao
país.
Neste 2013,
ano no que o Del Riego cumpría cen anos, son varias as iniciativas encamiñadas
a honrar a súa memoria de traballador pola causa da Terra. Comentamos nas liñas
que seguen a aparición dun libro no que se analizan todos os seus contributos
desde a perspectiva da cidade que o acolleu. En efecto, desde 1939 Francisco
Fernández del Riego residiu en Vigo e foi desde esta localidade desde onde
despregou todo o seu labor de difusión cultural. Non obstante, engánanse os que
coiden que esta é unha obra dun perfil localista. Nada máis lonxe da realidade.
A través das páxinas deste volume podemos achegarnos aos traballos de don Paco
que, aínda que tiñan como centro de operacións a cidade olívica, a súa orixe e
a súa significación eran plenamente galegas. Estamos, como o lector pode supor,
diante dun libro coral, na que unha multitude de voces ofrecen diferentes
visións da vida persoal e intelectual do noso protagonista. A realización do
volume estivo ao coidado de María Dolores Cabrera Iglesias e María Dolores
Villanueva Gesteira.
O libro
encétase cunha completa cronobiografía –acompañada de numerosas fotografías− na
que podemos coñecer os principais trazos da vida e da obra de Francisco
Fernández del Riego. O corpo do libro corresponde ao epígrafe rotulado de xeito
significativo «Volver sobre o camiño andado», que recolle achegas sobre a súa traxectoria
que fan amigos e colaboradores. De todos os proxectos nos que participou a
Fundación Penzol foi, sen dúbida, unha das columnas vertebrais. Desde a súa
creación, en 1963, até pouco antes do seu pasamento, Del Riego estivo á fronte
desta entidade clave para a memoria de Galiza, como ben podemos deducir dos
textos de Méndez Ferrín e Franco Grande. De non menos importancia foi a
Editorial Galaxia, creada en 1950 como empresa chave do galeguismo cultural
para manter acesa a causa do país na negra noite franquista. Don Paco foi o
animador das grandes iniciativas desta editora, comezando pola primeira: a
revista Grial. Esta publicación
converteuse nun símbolo do duplo obxectivo procurado polo homes de Galaxia,
isto é, ofrecer a cultura galega ao mundo e asemade verter á nosa lingua as
principais achegas da cultura universal. Nas súas propias palabras os
obxectivos de Grial eran:
“Endereitábase a recoller e canalizar as variadas expresións do noso espírito
cara ó universal. Pero, así mesmo, a recoller e a traducir o universal ó idioma
propio” (63). Apaixonado da letra impresa, Don Paco deitou o seu saber el
multitude de colaboracións espalladas por xornais e revistas tanto de Galiza
como da emigración americana. Neste senso, podemos afirmar que Francisco
Fernández del Riego foi un dos homes que serviron de ponte entre a resistencia
político-cultural que se levaba adiante en Galiza e o traballo dos nosos
exiliados en América, con razón Ramón Piñeiro –como lembra María Dolores
Villanueva no seu texto (109)− dicía del que era o ministro de asuntos
exteriores do galeguismo. Non queremos abandonar o comentario das publicación
periódicas nas que colaborou sen mencionarmos as revistas especializadas Industrias Pesqueras e Industria Conservera, coas que mantivo unha
relación de longo percorrido que ademais o converteron nun especialista verbo
da pesca en Galiza. Hai espazo para o persoal neste parte do libro, destacando
neste senso as colaboración de Gerardo González Martín e Ana María Fernández
del Riego. Nelas podemos apreixar a un Don Paco preocupado pola súa mai e
irmáns, acadando finalmente xuntar a case toda a familia en Vigo.
Vigo cobra
protagonismo na terceira parte do libro. Desta volta é o propio Francisco
Fernández del Riego quen toma a palabra para lembrarnos, grazas a unha escolma
de textos, o que a cidade olívica supuxo para a súa vida e para os seus
traballos. E cal é o Vigo que se nos aparece? A cidade sentimental, a urbe
moderna símbolo do progreso económico, un Vigo no que traballan escritores e artistas,
a base de operacións dos seus proxectos culturais… Estamos, xa que logo, diante
dun cronista oficioso de varias
décadas de vida viguesa. Finalmente, o libro péchao, nuns sentidos versos, quen
sen dúbida foi un dos principais compañeiros de andaina: Xaime Isla Couto.
A xenerosidade
de Vigo con Francisco Fernández del Riego foi, non cabe dúbida, correspondida.
En 1995 fixo doazón á cidade da súa biblioteca, do seu arquivo e da súa
colección de arte que hoxe están dispoñíbeis para o goce do público en xeral.
Esta doazón era comprendida polo propio interesado como un servizo máis a
Galiza e como un agradecemento á cidade que o acolleu: “Doei en vida e non
leguei para despois de finado, libros e cadros para que non se crebase unha
traxectoria longa de servizo a Galicia. Quixen así chegar ó remate sendo fiel
ós principios que inspiraron o decorrer da miña existencia (…) Escollín ó pobo
de Vigo como receptor, porque nesta cidade refixen un andar esperanzado, que o
drama da guerra civil tronzara. A ela débolle a inesquecible asistencia na
recuperación” (128). Pola nosa parte só nos queda, parafraseando a Álvaro
Cunqueiro, outra das súas amizades e tamén vigués de adopción, desexar para
Galiza mil Fernández del Riego máis.
Francisco Fernández del Riego. Vigo dende o corazón de Galicia
María
Dolores Cabrera Iglesias / María Dolores Villanueva Gesteira (Eds.)
Editorial
Galaxia / Fundación Penzol, 2013, 133 páxinas
Reseña publicada na revista Grial, nº 199, xullo-setembro, 2013, p. 93-94.