06/06/22

HOMENAXES AO MESTRE

O feliz costume de dedicar un libro de homenaxe, ao chegar a hora da xubilación da docencia universitaria, tamén se cumpriu con Ramón Villares (Xermade, 1951). En efecto, desta volta son os seus discípulos, as persoas a quen Villares dirixiu as teses de doutoramento, os que asinan un libro colectivo que vén de publicar Xerais: Á volta do tempo. Estudos de Historia Contemporánea. Facemos un repaso de todas estas achegas, agrupándoas tematicamente, xa que no volume dispóñense por orde alfabética.

A trama civil do golpe de Estado de xullo de 1936, sobre todo aquela non militante en partidos da ultradereita, é un dos aspectos máis descoñecidos na investigación sobre a guerra civil. Aurora Artiaga no seu estudo achégase ao caso particular de Wenceslao González Garra, cuxa relación co xeneral Mola foi determinante para a organización e desenvolvemento da insurrección, sendo tamén de axuda o inmenso capital relacional de González Garra, tecido ao longo de moitos anos de home de negocios.

A xestión das políticas da memoria por parte do franquismo é analizada por José María Cardesín na súa achega. O autor emprega as imaxes xeradas polo franquismo para lexitimar o seu réxime; con exemplos paradigmáticos como a análise do antigo Museo do Exército, a análise de cadros como Motín no Acoirazado España ou as ilustracións da obra Historia de la Cruzada Española, de Joaquín Arrarás. Cardesín emprega o método iconográfico, desenvolvido polo historiador da arte Panofsky, como método de análise.

Na súa achega Luís Domínguez Castro pescuda as raíces da recepción do federalismo europeo na Galiza dos anos cincuenta do século XX. Fronte á idea do federalismo europeísta promovidas desde o exilio, no interior tratábase de apostar por un europeísmo de raíz católica, sería neste eido onde destacou a figura de José Miguel de Azaola, cuxa actuación tivo eco en Galiza a través da súa correspondencia con sobranceiros galeguistas: Celso Collazo Lamas, Xaime Isla Couto, Valentín Paz Andrade ou, sobre todo, Ramón Lugrís, a quen Azaola enviou moitos materiais, que están na orixe da difusión do federalismo europeo en Galiza.

No seu traballo Eduardo Rico Boquete estuda as consecuencias inmediatas da construción do encoro das Conchas, na Baixa Limia, nos anos corenta, particularmente para os propietarios dos predios asolagados. O autor constata os prexuízos para os propietarios, cuns prezos moi por debaixo do seu valor, ademais de atentar directamente contra os seus medios de vida. Fenosa, a concesionaria, non dubidou en recorrer a prácticas ilícitas para acadar os seus obxectivos, contando ademais coa conivencia das autoridades locais. O estudo de Rico Boquete ten o valor de amosar luz sobre os comezos dunha conflitividade, que logo se estendería a outras centrais hidroeléctricas galegas.

Xesús Balboa achégase á problemática dos montes veciñais a través do exemplo dun preito actual entre dúas comunidades do Porriño. No seu texto, ademais das reflexións sobre a evolución histórica dos montes en man común, hai unha reivindicación do papel dos historiadores e da súa capacidade para ditaminar neste tipo de preitos.

A folga das leiteiras, no Ferrol de 1910, sérvelle a Lourenzo Fernández Prieto para rescatar a importancia do agrarismo: “...motriz e expresión dun tempo de democratización e de construción dunha sociedade civil plural no mundo rural galego fundada sobre a asociación voluntaria e comunitaria” (209). Os eixos do seu traballo son: a presenza da muller na mobilización campesiña, as dinámicas mundo rural / mundo urbano e as relacións entre o movemento obreiro e as organizacións campesiñas.

O traballo de Rafael Vallejo achéganos ás pioneiras investigacións de Ramón Villares, no que toca aos estudos sobre a desamortización en Galiza. En efecto, a publicación en 1982 do libro La propiedad de la tierra en Galicia 1500-1936 iniciou unha etapa decisiva para o avance da historia agraria galega, sobre todo na pescuda da desamortización como orixe das mudanzas do réxime de propiedade en Galiza. As investigacións de Villares, como tamén as dos seus discípulos, amosaron que a desamortización non provocou unha reforma agraria: en Galiza non se venderon terras, senón os dereitos á percepción de rendas. Na súa achega Rafael Vallejo tenta aproximar, en termos de superficie, o que supuxo a liberación de bens e a liberación ou supresión de rendas provocadas polas desamortizacións.

A adaptación das monarquías ás novas formas políticas liberais, no século XIX, é o principal obxecto de pescuda de Margarita Barral. O xeito de achegarse a este tema é mediante as visitas que os distintos monarcas realizaron a distintos puntos de España. Así, conclúe esta historiadora, a partir do século XIX hai máis unha nacionalización da monarquía, que unha monarquización da nación.

Alberte Martínez-López achega un estudo sobre os capitais británicos no ferrocarril galego, co exemplo significativo da liña Compostela – O Carril, e a súa posterior prolongación até Pontevedra (1873-1928). Esta compañía, malia posuír unha ampla maioría de capital británico, tiña un gran número de accionistas galegos, destacando neste senso os capitais procedentes da emigración en Cuba. O autor destaca que a liña foi sobre todo rendíbel na época da súa construción, existindo importantes problemas económicos na súa xestión posterior.

Finalmente, o traballo de Concha Varela Orol é un resumo do sobranceiro labor científico e cultural de Juan Cuveiro Piñol (1821-1906), pondo o acento no seu papel como comerciante de libros, unha máis das súas moitas actividades. Unha visión polo miúdo aos catálogos da libraría de Cuveiro Piñol en Pontevedra, con especial atención aos libros de historia. A investigación permite tamén coñecer o negocio do comercio de libros no século XIX, así como as principais modas literarias desta época.

En resumo, xúntanse neste libro temas e motivos da Historia de Galiza obxecto de investigación por Ramón Villares e polos seus discípulos. Unha merecida homenaxe a quen agora pon o ramo á súa carreira universitaria, ben no campo docente, pois no investigador aínda son moitas as páxinas que lle quedan por escribir a Ramón Villares.

Recensión publicada na revista Grial, nº 233, xaneiro-marzo de 2022, p. 113-114.

Á volta do tempo. estudos de Historia Contemporánea
Aurora Artiaga Rego, Xesús L. Balboa López, Lourenzo Fernández Prieto e Eduardo Rico Boquete (eds.)
Edicións Xerais de Galicia, 2021, 380 páxinas

25/03/22

CELEBRARMOS A FESTA. UNHA MENSAXE OPTIMISTA


Veciños e veciñas:

Despois de dous anos volvemos celebrar o noso Mercado de Primavera por todo o alto. Por fin! Comeza hoxe o XVI Mercado de Primavera que ha de encher de festa e ledicia a capital do noso Val. A maldita Covid-19 obrigou a suspender unha festividade, que xa atopou o seu lugar no calendario festivo do noso Consello. Debemos, xa que logo, felicitármonos por recuperar na súa plenitude o Mercado de Primavera.

Por este motivo, porque nos facía falta esta festividade, este pregón quere ser unha reivindicación da festa. Da necesidade que temos as persoas dese lecer compartido que chamamos festa. A pandemia obrigounos a pecharnos en nós mesmos e agora, pouco a pouco e co sentidiño debido, recuperamos a festa en común, xunto con amigos e familiares aos que tanto botamos de menos. Velaquí, pois, unha mensaxe festiva e optimista.

Non obstante, os momentos duros que vivimos na actualidade xa existiron noutras épocas. E non sabedes vós o parecidos que foron aos tempos que nos tocou vivir! Por iso, imos facer unha breve excursión ao pasado, para comprobarmos como os nosos devanceiros, malia as adversidades que sufrían, souberon celebrar a festa. Tal e como imos celebrala nós neste Mercado de Primavera.

Imos retroceder no tempo 104 anos. Trasladámonos á Ferreira de 1918 para asistirmos ás festas desde ano. E imos facelo a través dos ollos dunha persoa de fóra do Val, porque sempre é boa unha ollada exterior, unha perspectiva diferente. En setembro de 1918 o escritor e xornalista Jaime Solá, director da revista Vida Gallega de Vigo, visitou O Valadouro convidado por Ramón Fernández Mato, unha figura do noso Concello que sempre levou o nome do Val polo mundo

As cousas eran, en principio, bastante diferentes naquel momento. Xa para comezar a viaxe entre Vigo e Ferreira eran 300 quilómetros e dous días enteiros: de Vigo en tren a Monforte, desde esta vila outra vez en tren a Lugo. Desde Lugo coche de liña até Mondoñedo, e desde aquí outra vez coche de liña até Ferreira. Chegáballe ben! Pero coñecer O Valadouro ben o valía. Ou non?

Pois claro que si! E moito máis se chegabas para as festas do 8 de setembro, como lle aconteceu a Jaime Solá. Serán os seus comentarios os que describan a festa no Valadouro. Esa festa que hoxe estamos a reivindicar. O amigo Solá viña coa intención de escribir unha crónica sobre o noso Concello, pero non o tivo doado. A festa chamaba por el, como chama agora por todos nós. Escoitade o que escribiu Solá: “Hace tres días que estoy en Ferreira y no he escrito todavía una cuartilla. ¿Por qué? Porque yo no escribo cuando estoy haciendo la digestión, y hace tres días que no hacemos otra cosa que comer y digerir”. Como vedes, daquela ao igual que hoxe, as enchentes eran propias das festas. Comer e comer como se non houbese mañá! Neste tema as cousas non cambiaron.

Xunto coa comida, a música é fundamental para calquera festexo. A música pode existir sen a festa. Mais, coñecedes algunha festa na que non haxa música? Pois na Ferreira de 1918 a música estaba moi presente, aínda que o tempo non acompañara. Volvemos escoitar a Jaime Solá: “Salimos a la calle. Ferreira está nubosa estos días. Hace frío. De cuando en cuando un aguacero sacude los techos de pizarra y un hálito del vendaval ulula al hilo de las casas. No obstante, la comisión de festejos realiza heroicamente su misión preminar (...) Y se nos dijo que van a venir ¡diez músicos! de Santa Marta de Ortigueira”.

A festa é o momento no que os que están fóra retornan. A festa xunta as familias, e só por iso merece ser celebrada. Tamén en 1918 os emigrantes, que daquela eran moitos máis ca hoxe, regresaban ao Val. E diso tamén nos fala Solá: “...por los caminos aldeanos iban llegando los americanos. El Valle de Oro tiene cerca de dos mil hijos en la emigración. De cuando en cuando vienen a visitarlo. Y los que no son de la misma villa, los que salieron de humildes chozas lugareñas, se proveen de unas flamantes botas y corredoira adelante acuden a Ferreira a distraer sus ocios. Viven en la fonda, pasean en la carretera -que es la grande y casi única vía de la población- y si son solteros, aunque no sean jóvenes, se procuran un querer”. Canto fixeron polo Valadouro os emigrantes, especialmente os nosos cubanos! Cantos cartiños mandaron! Tamén para as festas do oito, que pagaron varios anos. E canto festexaron eles na Habana, recreando as festas e romarías que celebraban nas parroquias do Val.

Daquela, ao igual que hoxe, exteriorizábase a festa mediante cantigas e coplas -os cantos de taberna, como os poderiamos denominar hoxe-. É tamén Solá deixou testemuño destas coplas, que eran amplamente reproducidas. Escoitade unha delas, que nos volve levar á emigración do Valadouro:

Dime cantinela

si vas a la Habana,

á recoger el salero

y la flor de la canela.

Tengo de ir á la Habana

aunque no traiga dinero

para que diga la gente

allí viene un habanero.

Como podedes ver, Ferreira e A Habana estaban daquela moito máis preto do que o están hoxe. As continuas saídas e chegadas dos emigrantes minguaban as distancias con América. Por aquel tempo, A Habana era unha parroquia máis do Valadouro, os que alí estaban tiñan noticias do que aquí pasaba e tamén en Ferreira se coñecía en detalle todo os que lles sucedía aos da Habana.

Como puidestes escoitar en 1918 celebraban a festa coas mesmas ansias que o imos facer nós. E non porque non tiveran problemas, que os tiñan, e moi parecidos aos nosos. Tamén había unha pandemia, daquela non era a Covid-19, era a gripe. Pero levou tamén moitísima xente, tanta que no mundo esta pandemia foi coñecida como a gripe española. E que dicir das guerras! Diso, infelizmente, sempre hai. En 1918 rematou a Primeira Guerra Mundial e en Marrocos seguían morrendo os soldados españois que non tiñan cartos para librar do servizo militar. Como vedes penurias sempre houbo, e sempre haberá. Mais a festa, aínda así, celebrábase. Tal e como imos celebrala nós. Porque o merecían e porque o merecemos. Por certo, os nosos devanceiros sufriron unha pandemia terríbel, e aínda así souberon superala e seguir adiante. Como faremos nós, porque a vida segue... coas súas complicacións, e tamén coas súas festas. Sairemos, sen máis. A pandemia non nos fará mellores -nin tampouco peores-. Só debemos esforzarnos en seguir sendo persoas... e en gozar das festas.

Non teñades medo de celebrar. As tristuras e as obrigas han seguir aí o luns que vén. A festa non as fará esmorecer, tan só esquecer brevemente. O Mercado de Primavera é a vosa festa. A festividade da que vós sodes as persoas protagonistas. Gozádeo! Porque o merecedes. Porque sen vós non habería festa. Oxalá teñades o mellor dos Mercados de Primavera! Iso si, que sexa un pouquiño menos bo que o do vindeiro ano, para que o amigo Pichín teña que seguir esforzándose. E oxalá, oxalá!, poidamos coincidir de novo o ano que vén, todos xuntos, neste Valadouro que tanto queremos.

Os meus saúdos para todos e todas.

Viva o Mercado de Primavera!

Viva O Valadouro!

OS IRMÁNS DE AMÉRICA

 A meu pai, Prudencio Viveiro Uz, que estudou e aprendeu nunha escola construída polos fillos do Valadouro na Habana.


En setembro de 1907 un grupo de emigrantes do Valadouro e de Alfoz na Habana crearon a sociedade El Valle de Oro. O obxectivo principal desta entidade era edificar escolas e mellorar a instrución nos concellos de Alfoz e O Valadouro. Entre 1921 e 1933 esta sociedade inaugurou catro edificios escolares, axudando tamén economicamente á construción doutras escolas e á dotación das mesmas. Non obstante, ademais do obxectivo escolar, outras foron as angueiras de El Valle de Oro: a mellora das igrexas e a axuda ao agro estiveron tamén entre as súas misións.

Este libro pretende seguir as pistas deste labor a través das pegadas que deixou na prensa. nas primeiras décadas do século XX a emigración formaba parte da paisaxe cotiá de Galiza. Porén, agás excepcións, a imaxe que chegou a nós da emigración é basicamente negativa. Neste traballo arredámonos desta percepción, para considerar a emigración galega (a través do caso do Valadouro) como un proceso histórico que achegou moitas oportunidades para Galiza, axudando á súa modernización e mesmo á súa construción nacional.