07/03/11

SUÁREZ PICALLO: CIDADÁN DA DEMOCRACIA


En 2008 o Concello de Sada decidiu homenaxear a dous dos seus máis ilustres veciños: Ramón Suárez Picallo (1894-1964) e seu irmán Xohán Antón (1907-1936). Froito desta decisión foi a creación da Comisión Irmáns Suárez Picallo, que organizou ao longo de 2008 varias xornadas e promoveu diversas publicacións, destinadas a recuperar o traballo e a memoria destes dous sadenses. O momento culminante viviuse o 14 de outubro de 2008 cando, coincidindo co corenta e catro cabodano do seu pasamento, regresaron a Sada os restos de Ramón Suárez Picallo. Como colofón destas actividades, xa en 2009, ve a luz o libro que imos comentar: Ramón Suárez Picallo. A voz esquecida do galeguismo, obra colectiva que pretende pór de actualidade a vida e a obra de quen foi un loitador infatigábel por Galiza e polo seu pobo.

O libro estrutúrase en varias partes, nas cales diversos especialistas pasan revista á polifácética vida de Súarez Picallo. A primeira parte está decicada á súa vida persoal e profesional. Xesús Torres, nun texto no que estabelece un diálogo simbólico con Suárez Picallo, aproxímanos aos aspectos máis persoais da súa biografía. O contributo de Hernán M. Díaz achéganos aos anos da súa emigración na Arxentina, anos nos que o noso protagonista pasa de líder sindical e da esquerda a un decidido compromiso co galeguismo que mantería ao longo da súa vida. Son tamén os anos nos que Suárez Picallo comezou a ter unha estreita relación coa prensa, outro dos aspectos relevantes do persoeiro. A temática tratada por Hernán M. Díaz na súa achega foi desenvolvida máis extensamente na introdución ao volume Años de formación política: selección de textos (1916-1931), libro publicado pola Federación de Sociedades Gallegas en Bos Aires no que se recolle unha escolma do traballo xornalístico auroral de Suárez Picallo.

A colaboración de Emilio Grandío sitúa politicamente a Suárez Picallo na Galiza republicana e pon énfase no seu compromiso democrático. Neste senso, son ben significativas as palabras que pronuncia no seu primeiro discurso parlamentar, reproducidas no texto do profesor Grandío: “Es la primera vez que hablo en estas Cortes y no tengo títulos realmente valederos, como no sea el de ciudadano de la democracia, el hijo del pueblo y del trabajo…” (p. 49). Seguindo nesta liña, o seu paso polo Parlamento republicado é analizado por Francisco Rodríguez, quen relata tanto a evolución política como a principal actividade parlamentar do sadense. Conclúe este autor que o campo galego e as clases traballadoras foron as principais destinatarias das iniciativas do deputado Suárez Picallo, apuntando deste xeito a unha xuntanza entre esquerda e nacionalismo, síntese que converte a este persoeiro nun pioneiro da futura evolución do nacionalismo galego. Justo Beramendi realiza unha contextualización de Suárez Picallo dentro do galeguismo. Así, este investigador confirma o seu protagonismo na afirmación do carácter democrático e esquerdizante do Partido Galeguista fronte a un sector máis conservador e tradicionalista. Ese compromiso coa esquerda e co galeguismo reflectiuse no semanario Ser, dirixido por Suárez Picallo, foi editado ao longo de 1935. Beramendi dedica a última parte do seu estudo á análise do Grupo Galeguista de Sada, no cal tivo un rol protagonista Xohán Antón Suárez Picallo, asasinado polos sublevados franquistas en 1936.

A segunda parte do libro está dedicada ao labor xornalístico de Ramón Suárez Picallo. Manuel Pérez Lorenzo analiza as súas colaboracións na prensa durante a II República. Os artigos publicados en El Pueblo Gallego, Claridad ou Ser estannos a describir un xornalismo militante e comprometido, un apoio fundamental á causa política. Pola contra, os seus artigos do exilio, malia ser tamén un xornalismo comprometido, teñen que ver máis coa crónica, coa colaboración literaria para gañar a vida. Da análise do xornalismo no exilio chileno (1941-1956) encárgase Edmundo Moure. Este investigador foi un dos editores do libro La Feria del Mundo, obra publicada polo Consello da Cultura Galega na que se recolle unha ampla escolma dos artigos publicados por Suárez Picallo en xornais como La Hora ou La Opinión. Informa Moure que estes artigos, publicados moitos dentro da sección denominada “La Feria del Mundo”, cumprían co obxectivo de ofrecer ao lector unha visión ampla do acontecer da época. Desde a súa tribuna chilena, Suárez Picallo abriu unha fiestra ao mundo. Para finalizar esta sección, Francisco Pita Fernández ofrécenos unha visión xeral da obra xornalística americana de Suárez Picallo. Neste senso, é de destacar o seu papel na revista Céltiga, xa que amosa os seus comezos no galeguismo, a onde chega da man doutro ilustre emigrado: Eduardo Blanco Amor. Ese compromiso co galeguismo pode seguirse tamén nos seus traballos publicados en El Despertar Gallego ou Correo de Galicia. E se a consciencia galeguista estivo presente no comezo da actividade xornalística de Suárez Picallo, non o estivo menos nos seus anos finais. Así, desde 1956, asentado novamente en Bos Aires, dirixe a revista Lugo, do Centro Lucense da capital arxentina.

A terceira parte deste libro está composta de dous traballos que analizan parte do labor epistolar de Ramón Suárez Picallo. O primeiro destes textos, obra de Esperanza Mariño, achégase á análise das cartas remitadas a Eduardo Blanco Amor, con quen mantivo ao longo da sua vida unha estreita relación persoal, profesional e política. No segundo dos traballos, asinado por Alfredo Erias, achéganos á comunicación epistolar entre Suárez Picallo e César Alvajar, representante do Consello de Galiza en París desde 1957. Este intercambio de cartas tivo como obxectivo fundamental asegurar a presenza do exilio galego nos foros internacionais.

Se a palabra é unha parte importante deste libro, non o é menos a súa parte gráfica. En efecto, as páxinas deste volume están adornadas cun abundante material fotográfico. Emporiso, é aínda máis importante a reprodución facsimilar de numerosos documentos autógrafos de Ramón Suárez Picallo, parte deles procedentes do arquivo da Real Academia Galega. Así, este libro é unha achega notábel para futuras investigacións, tanto sobre Suárez Picallo como sobre o nacionalismo galego.

Mais, se ben é certo que será unha obra de referencia no estudo da figura de Suárez Picallo, este libro cumpre aínda un papel maís destacado: o de tributar unha merecida homenaxe á súa vida e á súa obra. Ben merecida homenaxe a quen foi, como indica Ramón Villares na introdución do volume, un loitador por Galiza e pola democracia.

Ramón Suárez Picallo. A voz esquecida do galeguismo
Varios autores
Comisión Irmáns Suárez Picallo, 2009, 199 páxinas

Reseña publicada na revista Grial, nº 185, xaneiro-marzo de 2010.