18/04/11

ACHEGAS DA GALIZA EMIGRADA


Nos últimos anos a historiografía galega sacou á luz o importante papel xogado pola emigración transoceánica na Galiza contemporánea. Deixando atrás as visións pesimistas herdadas, o labor dos emigrados a prol do noso país foi xustificado documentalmente. Velaí están todas as iniciativas culturais que viñeron de alén mar e, sobre todo, a preocupación dos americanos polo progreso da educación e a construción de escolas. Nesta tarefa reivindicativa xogan un rol destacado os libros que poderiamos denominar de testemuño, que traen ao presente as figuras ou os fitos máis recoñecidos da nosa emigración. É nesta liña onde temos que situar o libro que imos comentar, que atende ao percurso vital do emigrante Xesús Canabal Fuentes (1897-1985). Natural do concello de O Pino, Canabal é o prototipo do emigrante triunfador e, no entanto, tamén do emigrado comprometido co desenvolvemento de Galiza. Xa que logo, podemos dicir que non estamos só diante dunha biografía dun home destacado, senón que a vida deste emigrante serve para analizar a propia historia da emigración galega no Uruguai. O responsábel do volume, Manuel Losa (Santiago de Compostela, 1940), é autor de varios libros sobre a súa emigración no Uruguai. Presenta agora, case sen cambios, a segunda edición dunha obra que foi publicada por ver primeira en Montevideo (Edicións Losa, 2007).

A vida de Xesús Canabal na emigración estivo vencellada á industria do papel. Pouco despois de chegar a Bos Aires en 1910 xa traballaba na empresa de José Iturrat, onde axiña prosperaría. En 1917, como delegado do devandito negocio, marchou a Montevideo, cidade na que remataría por se instalar pola súa conta. Foi así como comezou a labrarse unha importante historia empresarial, que tería como fitos destacados a creación da marca de sobres “Suevia” e, en 1935, a fundación da “Industria Papelera Uruguaya” (IPUSA), á fronte da cal estaría até o seu pasamento.

Emporiso, a dimensión empresarial só é unha das moitas facetas desenvolvidas por Xesús Canabal. Como moitos dos seus compatriotas emigrados, estivo vencellado ao tecido societario galego en Montevideo, con especial relación coa Casa de Galicia, da cal ocuparía diversos postos na súa directiva. A súa pegada tamén se deixou sentir na fundación de entidades como o Padroado Rosalía de Castro e, sobre todo, o Patronato da Cultura Galega, verdadeiros fachos culturais de Galiza na emigración. A estas entidades dedicou moitos esforzos, tempo e non poucos recursos económicos Xesús Canabal. Neste senso, podemos dicir que este emigrante d’O Pino foi un importante benefactor da colonia galega emigrada, este papel mesmo se estedeu máis alá do seu pasamento, ao deixar un importante legado ao Horgar Español de Ancianos. Podemos afirmar que o seu compromiso co artellamento da emigración galega chegou ao seu cumio en 1956, cando desempeñou a presidencia do primeiro Congreso da Emigración Galega celebrado en Bos Aires. En definitiva, non había nada relacionado con Galiza no Uruguai onde Canabal non estivese presente, aportando sempre o seu traballo e o seu peculio.

Porén, ademais da perspectiva económica, societaria e cultural debemos lembrar tamén a súa vertente política. En efecto, Canabal foi un decidido valedor do galeguismo e da República na emigración. Neste tema, maís unha vez, a súa aportación foi alén dun apoio moral, chegando a participar activamente nos Comités de axuda aos refuxiados republicanos tras a fin da Guerra Civil. O seu labor a prol dos exiliados –algúns dos cales foron empregados directamente por Canabal nas súas empresas− non pasou desapercibida para os dixentes republicanos no exilio, pois en 1958 foi nomeado ministro plenipotenciario da República española en Montevideo. O seu compromiso político veríase tamén recompensado en 1954 coa concesión da “Orden de la Liberación de España”. Nesta actividade política Canabal colaborou con outros destacados membros da colonia galega, tales como Xulio Sigüenza ou Antón Crestar; este último tamén presente noutro libro Manuel Losa: Catro historias de emigrantes (Galaxia, 2009).

Todas estas facetas da vida de Xesús Canabal non debemos entendelas como isoladas, afastadas unhas doutras. Así, no desenvolvemento dos seus negocios había sempre unha vertente cultural, vertente que tiña, por suposto, como centro a Galiza. Neste senso, o caso máis destacado foi o Banco de Galicia, do cal Canabal foi un dos seus promotores en 1956. Esta entidade financeira patrocinou a edición de numerosos volumes dedicados a Galiza, ao tempo que publicou un mapa de Galiza elaborado polo propio Canabal durante un dos seus retornos en 1958.

Se o papel da emigración foi fundamental na Galiza contemporánea, e se da emigración galega Xesús Canabal foi un representante sobranceiro, podemos concluír, xa que logo, que a súa figura ten que ocupar un papel destacado na historia de Galiza no século XX. Porque, para alén dos detalles e anécdotas da súa vida, que abundan no libro, o máis importe da obra é que a figura de Canabal sérvenos como fío condutor para coñecer e entender a emigración e as institucións galegas no Uruguai, das cales foi protagonista aquel rapaz d’O Pino que marchou a facer as Américas en 1910. E, malia que Canabal foi premiado coa medalla Castelao en vida (1985) e co título de fillo predilecto do seu concello natal (2006), non está demais traer á memoria actual a súa figura, e con ela, a de todos os emigrantes que construíron Galiza lonxe da propia Galiza.

A Galicia de Montevideo. Unha biografía de Xesús Canabal, 1897-1985
Manuel Losa Rocha
Editorial Galaxia, 2010, 299 páxinas

Reseña publicana na revista Grial, nº 188, outubro-decembro de 2010.