15/02/19

O FIRME COMPROMISO DA EMIGRACIÓN GALEGA

As achegas da emigración foron fundamentais na Galiza contemporánea. A emigración galega a América foi un fenómeno de tanta importancia que afectou ao devir do país en moitos e variados aspectos. En efecto, non hai movemento social ou político actuante na Galiza do século XX que non puxera os seus ollos nas colonias galegas emigradas en América, ben para espallar con éxito a súa mensaxe, ben para procurar apoios –basicamente económicos– para a súa causa. As máis das veces a solidariedade da emigración foi un fenómeno colectivo, canalizado a través de innumerábeis asociacións que sementaron Galiza de escolas, obras públicas e un xeito novidoso de entender a sociedade e as relacións entre as persoas.

Agora ben, en non poucas ocasións tamén se manifestaron as individualidades. Referímonos ao indiano enriquecido que dedica parte do seu capital a mellorar as condicións de vida dos seus antigos veciños. As achegas destes persoeiros manifestáronse de moi diferentes formas, de tal xeito que o galeguismo político tampouco foi alleo ás doazóns de destacadas personalidades emigradas. É neste senso como debemos entender a figura de Perfecto López, a quen Xosé María Rei Lema dedica unha completa biografía publicada pola Editorial Galaxia. Segue esta obra o ronsel doutras publicadas por esta mesma editora, dedicadas á lembranza de grandes figuras da emigración galega en América. Son de destacar así as obras de Manuel Losa Catro historias de emigrantes (2009) e A Galicia de Montevideo. Unha biografía de Xesús Canabal, 1897-1985 (2010), as dúas na colección “Memoria”.

Nos comezos a historia de Perfecto López é a de moitos emigrantes. De orixes humildes, o noso protagonista naceu en 1904 en Vimianzo. Á pobreza da súa infancia engadíuselle tamén a marca social de ser fillo de solteira –como antes fora súa mai–, algo que quedou rexistrado de por vida no seu único apelido. Con cartos emprestados Perfecto López mercou a pasaxe que o levou a Bos Aires en 1922, onde se dedicou á profesión de taxista. Tras un breve regreso en 1931, Perfecto instálase definitivamente na capital arxentina. Primeiro en sociedade e máis tarde en solitario, o vimiancés foi un sobranceiro representante de marcas automobilísticas norteamericanas, acadando unha moi notábel posición e unha destacada fortuna.

Si, Perfecto López chegou a ser un home moi rico, e case desde o comezo vai dedicar parte desa riqueza a todo o que tiña que ver con Galiza e co galeguismo. As inquedanzas sociais espertaron nel co comezo da Guerra Civil e coa axuda organizada en Bos Aires para defender o bando republicano. Mais, foi coa chegada a Bos Aires de Castelao o 18 de xullo de 1940 que virou nun decidido valedor do galeguismo. Desde ese día amosaría un firme compromiso galeguista que xa non abandonaría até a súa morte en 1970, dedicando tempo e diñeiro á causa de Galiza. Perfecto López, xunto con outros destacados membros da colectividade galega como Manuel Puente, Xosé Abraira, Rodolfo Prada... apareceron sempre como financiadores de variadas iniciativas que tiñan por denominador común Galiza e a súa cultura. Nas páxinas do libro que comentamos podemos comprobar como estes homes –e Perfecto sempre entre eles– achegaron os seus capitais para financiar todo tipo de actividades culturais e políticas, a comezar pola liberación de Castelao, para que o guieiro puidera dedicar todo o seu tempo ás actividades políticas. Entre as iniciativas de calado que puideron frutificar grazas á financiación de Perfecto López cómpre destacar o labor da Editorial Citania, impulsada por Luís Seoane, nesta editora publicaría Eduardo Blanco Amor a súa novela A esmorga en 1959. Nesta mesma liña, Perfecto tamén figurou entre os accionistas iniciais da Editorial Galaxia, polo que as súas doazóns non se restrinxiron só á colonia galega de Bos Aires, senón que chegaron tamén a Galiza. Con razón, en xuño de 1959 o deputado Ramón Suárez Picallo escribía a Ramón Piñeiro, nunha carta reproducida neste libro, “Eu coñezo galeguistas (...) ós que lles costa tanto a Patria como o sostén dos seus fogares, en diñeiro, aparte de traballo e esforzo persoal” (p. 111). Non hai dúbida de que o nome de Perfecto López debe figurar na nómina deses homes comprometidos con Galiza desde a emigración americana.

Porén, ademais das achegas económicas Perfecto López dedicou moito tempo as actividades societarias. En efecto, case desde a súa chegada a Bos Aires foi membro da Asociación Benéfica y Cultural (ABC) del Partido de Corcubión, onde ocuparía tamén destacados postos de responsabilidade na súa directiva, sendo un decidido impulsor da revista Alborada, órgano de expresión desta sociedade. Tamén debemos destacar a súa actuación dentro da principal institución mutualista dos galegos e das galegas de Bos Aires: o Centro Gallego, sendo membro da agrupación Unión Gallega. Por outra parte, cando nos anos corenta se crean os centros provinciais Perfecto López farase socio de todos eles, sendo tamén directivo social dos mesmos, unha nova mostra do seu compromiso con Galiza.

As frecuentes viaxes a Galiza posibilitaron que Perfecto López cumprise outra importante misión para o galeguismo. En palabras do autor deste libro: “Perfecto vai ser a partir de aquí, mercé ás súas constantes viaxes, a perfecta «andoriña» entre as dúas partes do Atlántico. El traerá e levará correspondencia, libros e outros obxectos que enviaban as elites galeguistas das dúas beiras, sendo portador, polo tanto, de documentos de extraordinaria importancia, tanto a nivel político como cultural” (p. 81-82). Este labor de mensaxeiro cobrou especial relevancia en dúas ocasións. Perfecto López foi o encargado de levar a Bos Aires a terra galega que se depositaría no cadaleito de Castelao. Anos máis tarde cumpriría idéntica misión ao trasladar á Arxentina os manuscritos da Historia de Galiza, dirixida por Ramón Otero Pedrayo, e que financiaba en Bos Aires Manuel Puente. A Perfecto López tamén se lle encomendou levar a Bos Aires o informe crítico elaborado polos galeguistas do interior, que emendaba a estratexia seguida polos galeguistas do exilio. Este texto foille entregado nunha transcendental reunión que tivo lugar o 14 de setembro de 1958.

Tras a lectura deste libro fica claro o compromiso de Perfecto López con Galiza, tanto polas súas achegas económicas como polo tempo dedicado a moitas tarefas de extensión cultural. Un compromiso que abrangue ao seu fillo, Perfecto López Romero, do que tamén se nos fala deste libro, pois foi un destacado membro a Asociación Argentina de Hijos de Gallegos. Xa que logo, estamos perante un exemplo máis da importancia que a emigración tivo para o devir da Galiza contemporánea. Agardamos que con libros coma este se poida mudar a imaxe que a emigración galega segue a ter na Galiza actual: dun proceso negativo a unha oportunidade real; mesmo para o galeguismo que, malia ser moi beneficiado polas achegas da emigración –este libro é un novo testemuño–, aínda hoxe non se librou desa visión distorsionada da emigración galega a América.

Perfecto López. Un vimiancés na Galiza ideal
Xosé María Rei Lema
Editorial Galaxia, 2018, 196 páxinas

Recensión publicada na revista Grial nº 220, outubro-decembro de 2018, p. 85-87.