08/02/11

JOSÉ ALMOINA MATEOS

En 1939 milleiros de republicanos valedores da democracia víronse condenados ao exilio. Comezaban daquela uns longos anos de desterro, tempo no que aqueles homes e mulleres deron o mellor de si lonxe das súas terras. Se cadra unha das características máis definitorias do exilio español era a súa alta cualificación, desde o punto de vista intelectual. É deste xeito como debemos comprender a magnitude da perda. Os exiliados ofreceron aos países de acollida unha produción cultural que, pola contra, perdeu España, por outra parte asolagada pola reacción e a represión.

O libro que comentamos ofrece un percurso pola vida dun deses exiliados: José Almoina Mateos (1903-1960). O perfil deste galego, natural de Lugo, é o prototípico do exiliado de alta capacitación intelectual. Ora ben, como moi ben indica o autor do volume, o historiador cubano asentado en México Salvador Morales, Almoina sufriu un duplo exilio. En efecto, viuse na necesidade de fuxir da ditadura de Franco en España e do despotismo de Trujillo na República Dominicana. A relación de Almoina co réxime tiránico de Trujillo ocupa a maior parte do libro, estudando tanto a súa inicial colaboración, como, sobre todo, as súas actividades contra o désposta dominicano. Adiantamos xa que o autor deste libro defende a tese dun Almoina claramente antitrujillista, malia a cercanía inicial co ditador e a súa familia. De feito, o achádego en Venezuela dun “Informe Confidencial”, elaborado por Almoina e reproducido como anexo neste volume, motivou o interese de Salvador Morales polo biografado.

Tras rematar os estudos de Filosofía e Letras na Universidade de Santiago de Compostela, José Almoina obtivo en 1931 praza de funcionario de Correos en Benavente. Foi nesta localidade zamorana onde comezaría a súa actividade política, axudando na fundación da agrupación local do Partido Socialista. Neste senso, debemos sinalar tamén que Almoina tivo unha importante participación na masonaría. Por esta época comezaría tamén a súa actividade como investigador, dando ao prelo en 1935 a obra Monumentos históricos y artísticos de Benavente. En 1936, co comezo da sublevación militar, viuse na obriga de fuxir e agocharse. Quen non tivo esa oportunidade foi a súa dona, Pilar Fidalgo, que foi encarcerada cun fillo acabado de nacer. Os meses que pasou presa, até que finalmente quedou en liberdade por un intercambio de prisioneiros, ficaron reflectidos na obra Une jeune mére dans les prisons de Franco, verdadeiro testumuño do horror das cárceres franquistas[1].

Durante a Guerra Civil Almoina desempeñou diversos cargos consulares en Francia. A definitiva derrota da República condenouno ao exilio, xunto con toda a súa familia. Santo Domingo sería o seu primeiro destino, país ao que chegou en novembro de 1939. Os países americanos máis comprometidos co acollemento de refuxiados españois foron México e a República Dominicana. Ora ben, lonxe dos motivos humanitarios do presidente mexicano Lázaro Cárdenas, Rafael L. Trujillo tiña unhas intencións ocultas para dar a benvida aos republicanos. Por un lado, a necesidade de reivindicarse internacionalmente logo das matanzas de haitianos en 1937. Por outro lado, había un motivo racial: o desexo de “branquear” a poboación dominicana. Estes motivos espurios, máis as práticas ditatoriais, motivaron que a República Dominicana tan só fora unha primeira etapa para moitos exiliados, caso, por exemplo, de Ramón Suárez Picallo, que permanece apenas un ano no país. No entanto, a estreita relación acadada por Almoina co ditador Trujillo motivou a sua presenza en Santo Domingo entre 1939 e 1946[2].

Os traballos realizados polos exiliados nos países de acollida correspondíanse co seu marcado perfil intelectual: colaboracións en prensa e pertenza a institucións docentes. Así o ratifica o autor deste libro: “El arribo de los exiliados españoles vino como anillo al dedo para reforzar los centros de educación superior y especializada de República Dominicana” (p. 99). Almoina, tras colaborar na revista Hogar e no xornal La Nación, foi nomeado catedrático da Facultade de Filosofía da Universidade de Santo Domingo, impartindo tamén aulas na Escola Diplomática e na Escola Nacional de Belas Artes.

O creto acadado por Almoina na súa actividade docente axiña o levaría perto da familia Trujillo. En efecto, o noso protagonista foi contratado como titor de Ramfis, fillo do ditador. Paseniñamente iría gañando confianza, chegando primeiro a ser autor de varias obras que levaron a sinatura de María Martínez, dona de Trujillo, e máis tarde Secretario Particular do propio tirano. Dúas son as razóns achegadas por Salvador Morales para explicar a colaboración de Almoina. Dunha parte, a presión exercida pola ditadura, máis grande aínda ao se tratar dun estranxeiro convidado. Doutra parte, naquela altura os exiliados entendían a súa situación como transitoria, contaban con regresar, sobre todo tras a derrota do fascismo na Segunda Guerra Mundial. No entanto, cando a posibilidade da volta foi ficando lonxana, Almonia non tardou en arredarse de Trujillo, marchando en 1946 a México.

Unha vez en México Almoina destacaríase como un notorio antitrujillista. En efecto, decontado elaborou un “Informe Confidencial”, onde daba conta das actividades desestabilizadoras financiadas pola ditadura dominicana noutros países da área. Este informe foi remitido a varias chancelarías de países americanos. Pero non quedou aí a cousa, en 1949, baixo o pseudónimo de Gregorio R. Bustamente, Almoina publicou Una satropía en el Caribe, onde puña á luz do día todas as vergoñas da ditadura de Trujillo.

Evidentemente, esta actitude desgustou aos partidarios do ditador, que non tardaron en ameazar a Almoina. Dentro desta campaña de intimidación é como podemos entender que o exiliado galego publicase Yo fui secretario de Trujillo (1950), obra de carácter laudario. O que non aceptou de ningunha maneira foi colaborar no acoso realizado a outros exiliados. En efecto, a través de Almoina, Trujillo tentou mercar o silencio do nacionalista vasco Jesús de Galíndez, tamén bo coñecedor das miserias do réxime trujillista. Tanto a falta de colaboración como as ofensas pasadas foron letais. En efecto, o 4 de maio de 1960 sicarios a soldo asasinaron a José Almonio na cidade de México; anos antes, en 1956, Galíndez sufrira o mesmo destino.

Este libro é un contributo sobranceiro para a historia do exilio galego, amosando asemade aspectos relevantes da era de Trujillo na República Dominicana. Xa que logo, inscríbese dentro dos modernos postulados da biografía histórica, isto é, empregar a figura particular como fío condutor para o coñecemento dunha época. A obra reproduce documentos de importancia que, sen dúbida, han de servir de base a outras investigacións. O propio Salvador Morales contou co testemuño de primeira man dos fillos de José Almoina, o que contribúe a sinalar a importancia do libro. Saudamos, pois, a súa aparición e agardamos que sexa un revulsivo para outras investigacións sobre o exilio galego.

SALVADOR E. MORALES PÉREZ
Almoina, un exiliado gallego contra la dictadura trujillista
Santo Domingo: Archivo General de la Nación, 2009
363 páxinas

Reseña publicada na revista Murguía, Revista galega de Historia, nº 21-22, 2010

O Archivo General de la Nación da República Dominicana ten este libro accesíbel desde a súa páxina web, polo que se pode consultar integramente premendo aquí.



[1] Para a represión que tiveron que sufrir as mulleres nas cadeas franquistas véxase: HERNÁNDEZ HOLGADO, Fernando: Mujeres encarceladas. La prisión de Ventas: de la República al franquismo, 1931-1941, Madrid: Marcial Pons, 2003. Neste libro tamén atopamos unha referencia á obra de Pilar Fidalgo, vid. p. 31.
[2] A presenza galega na República Dominicana, así como noutros países caribeños, pode seguirse no libro: MARTÍNEZ CRESPO, Xurxo: Galiza en Dominicana, Nicaragua, Panamá e Venezuela. Unha ollada fotográfica, Vigo: FESGA, 2007.