20/10/08

125


Máis unha vez o BNG volveu ser decisivo. Co tempo as cousas vense máis claras, e agora é cando se nota realmente a importancia de ter unha forte representación nas Cortes do Estado. Os que rían pensando que dous deputados eran unha exigua representación, tentando minimizala, teñen agora a demostración de que, tal e como dixo Anxo Quintana no seu día, o BNG, con estes dous deputados, foi decisivo. E cantas veces van xa? Cantas veces dous deputados do BNG resultan máis importantes para Galiza que toda unha recua de deputados do PP e do PSOE? Despois dunha apurada negociación, o BNG acadou que os Orzamentos Xerais do Estado inclúan 125 millóns de euros máis para o noso país. Máis cartos para as infraestruturas, máis cartos para a Lei de Dependencia, máis cartos para as Galescolas, máis cartos para Galiza. Non faltan, por suposto, os que cualifican de migallas o que o BNG acadou. Como nos gusta neste país cuspir ao ar! Tamén haberá quen se preocupará polo feito de que os galegos poidamos ser alcumados de insolidarios. Fronte a isto, hai que afirmar que para Galiza vén o que previamente saíu, que non todo o diñeiro que sae deste país o fai en forma de IRPF, que hai moitas empresas que traballan en Galiza que teñen o domicilio fiscal fóra (nomeadamente Madrid), que non facemos máis que recuperar o que a Galiza lle corresponde. Traballemos, mentres outros se automortifican. Galiza e os galegos saberán recoñecelo.

1 comentario:

Anónimo dixo...

Ben certo é que os dous deputados do BNG están sendo claves: quizais agora os militantes do BNG deberíadesvos centrar en facer entender a boa parte da cidadanía a importancia que ten votar ao Bloque nas Xerais (moita xente pensa que é máis produtivo apostar por unha das dúas grandes formacións e nese lado de votantes do Bloque que abeiran para o PSOE de cando en vez, pérdense nas Xerais bastantes papeletas!). Eu.