30/10/08

As (miñas) contas da leiteira

Ás veces teño a sensación de que vivimos nun mundo complexo, demasiado difícil de apreixar. Hai temas, como o da crise económica e financeira que nos está afectado, que escapan á comprensión do cidadán medio. Por esta razón eu non quixen falar dos problemas económicos neste blogue, principalmente porque carezo dos coñecementos necesarios para poder explicalos, pero tamén porque a complexidade do tema esgótame e afógame. É por todo o anterior que, cando vexo algo sinxelo, algo que non mudou cos anos, alégrome e sinto que hai cousas que seguen a ser simples, sen necesidade de grandes explicacións. Algo disto quero contarvos. Todas as mañás, cando vou coller o bus urbano para ir ao traballo, vexo na parada a unha señora velliña, coa cara chea de nobres engurras. Sempre co seu paniño na cabeza. Só con vela un pode imaxinar que traballou toda a súa vida, desde moi cativa. Pois ben, a señora leva nunha bolsa unhas leiteiras pequeniñas, onde seguramente vai o leite para algunhas familias ou, se cadra, para algún parente. Para ela a vida non mudou, segue vivindo na época en que as leiteiras ían levar o leite até Santiago. Eu penso: que lle importa a esta muller a globalización? Para ela todo é sinxelo e simple, coma sempre. A señora tráeme imaxes e recordos. Lembro a miña mai co leite acabado de muxir, aquel leite quentiño que tan ben sabía. Si, despois dixéronnos que era mellor ferver o leite, que podiamos coller unha enfermidade. Eu bebín aquel leite durante o tempo que tivemos vacas na casa e nunca nada tiven. Aquí estou, tan só atacado de melancolía. Eu envexo a rotina desta velliña, a súa felicidade cotián. Seguro que a boa da señora ha ter os seus problemas, coma todos. Pero vista desde fóra, e tendo en conta os sarillos desta sociedade presuntamente moderna, un non pode deixar de sentir un andazo de saudade. Remato, antes de que me acusedes de ser un Balbino, o protagonista de Memorias dun neno labrego.

Post scriptum: escribiu Gabriel García Márquez que a vida non é a que un viviu, senón a que lembra e, sobre todo, como a lembra. A min pode pasarme algo semellante: que as cousas non son as que son, senón como un imaxina que son. E gosto de que así sexa.

2 comentarios:

Xema Fernández Rei dixo...

Ola! Gustaríame, en primeiro lugar, darche os meus parabéns por este blogue, que fai pouco atopei, e que estás a encher cada día de interesantes artigos.
Estou totalmente de acordo co que dis neste artigo, vivimos nun mundo demasiado complexo e, ainda que fai pouco que deixei atráis a miña nenez, tamén teño morriña dela...e hoxe ao ler este artigo viñeron a miña mente aqueles recordos...
Teño 19 anos e nacín, teño que dicilo, nun dos sitios máis fermosos do Valadouro, arroupada entre montañas e verdes prados, entre o cantar dos paxariños e o ruxir do río Ouro... Eu xa non bebín ese leite quentiño das vacas pero nacín aínda indo o maíz, vendo esfolladas, facendo magostos, a malla, e por sorte, ainda vin arar as terras coas "vacas de xugo"... Tiven xoguetes mercados pero tamén xoguei cos que miña irma e eu, xunto coas miñas veciñas, inventabamos... e cos que o noso pai nos facía e ensinaba como xogaba el nos seus tempos de neno... Disfrutaba, e aínda disfruto, oíndo os contos dos maiores, dos meus avós, e imaxinando aquel mundo que aínda que foi moi duro e cheio de dificultades me parece fermoso e máxico...
Como ves, non fai tanto que deixei a miña infancia e, sen embargo, non se asemella en nada á dos nenos de hogano que xogan con esas maquiniñas que xa traen todos os xogos inventados, que non saben o que un arado, nin a malla... que, posíbelmente, non sepan nin quen son os seus veciños e só se preocupen de ter máis xogos que os seus compañeiros e non de compartilos e divertir xuntos...
Síntome orgullosa da miña nenez pero entristezo vendo como a están perdendo os nenos actuais...

Prudencio Viveiro Mogo dixo...

Ola Xema, moi agradecido polo teu comentario e alégrome que che guste o blogue. Sempre é un pracer, e unha sorpresa moi agradábel, coñecer a veciños e veciñas do Valadouro por este medio: xa somos toda unha comunidade virtual! As cousas que ti comentas tamén me traen a min lembranzas moi queridas, especialmente o das mallas. Lembro como se implicaba neste traballo toda a parroquia (eu son de Moucide). Realmente ese tipo de solidariedades xa se perderon. Si, eu tamén sinto saudades desa época, e, como me pasa no caso da leiteira, penso que todo era máis sinxelo daquela; ou mellor tamén porque era máis neno e, polo tanto, con menos responsabilidades cotiás. Dá peniña que todo aquilo fique no pasado, pero, dalgún xeito, se está na nosa memoria tamén segue existindo, só temos que transmitilo, deixar constancia de que pasou. Moi obrigado polo teu comentario.