15/10/08

Benvido compañeiro!




Ramón Suárez Picallo xa descansa en Sada. Onte, 14 de outubro, cando se cumprían corenta e catro anos do seu pasamento, os seus restos chegaron a Sada, a súa vila natal. De entre todos os actos de homenaxe que se lle tributaron ao ilustre galeguista, queremos subliñar hoxe a publicación dun libro que recolle unha escolma de textos en galego do autor sadense. O volume foi publicado polo Concello de Sada e o Consello da Cultura Galega. A vida de Ramón Suárez Picallo está marcada por dous procesos definitorios da historia contemporánea de Galiza: a emigración e o exilio. En efecto, moi novo, ao igual que outros milleiros de galegos, Suárez Picallo cruzou o Atlántico e procurou unha nova vida en Bos Aires. No entanto, Suárez Picallo fixo da emigración a súa escola, converténdose nun dos principais publicistas galegos da Arxentina. O compromiso coa terra que o viu nacer manteríao o noso protagonista unha vez retornado a Galiza, converténdose nun dos principais dirixentes do galeguismo. Precisamente ese compromiso político acabaría por condenalo ao exilio, ao igual que outros milleiros de valedores da democracia republicana. De novo, outra vez América abríase perante el. Primeiro os Estados Unidos, despois a República Dominicana, logo Chile, onde gañou a vida colaborando na prensa, e, finalmente Bos Aires, outra vez Bos Aires, no comezo e no final da vida do noso Ramón Suárez Picallo. Deste xeito, podemos comprobar como emigración e exilio xúntanse na figura de Suárez Picallo. Así, non os pode resultar estraño que emigración e exilio tamén estean presentes nas páxinas do libro que hoxe comentamos. Dúas son, principalmente, as fontes dos textos recollidos neste volume. Dunha parte, e correspondendo á etapa da emigración, a revista Céltiga, creada en 1924 e que tivo a Suárez Picallo coma un dos seus codirectores. Por outro lago, desta volta xa no exilio, a revista Lugo, órgano do Centro Lucense da capital arxentina, dirixido por Ramón Suárez Picallo. Xunto a estas dúas publicacións, podemos atopar outras revistas galegas da emigración, onde Suárez Picallo colaborou en numerosas ocasións. As persoas que se acheguen a estes textos atoparán a un Suárez Picallo extremadamente próximo, como se a súa escrita non se realizara a milleiros de quilómetros. E é que para Suárez Picallo, como para o resto dos emigrantes e exiliados, Galiza era un vivir cotián, un pensamento de cada día. Por iso, o noso Picallo fala de Sada, de Veloi, de Carnoedo, como se estivera mesmo nestes lugares, que de seguro nunca abandonou de corazón. Por iso, aínda que este pasado 14 de outubro retornou á súa querida Sada, ben podemos dicir que o seu pensamento, non é que xa volvera, é que nunca marchou. A mellor lembranza que lle podemos tributar a Ramón Suárez Picallo é o espallamento da súa obra, de aí a publicacións de libros coma este, que contribúen a manter viva a memoria dun loitador por Galiza e pola democracia.

1 comentario:

Anónimo dixo...

Por sorte, Ramón descansa no cemiterio onde el quería, tranquilo e mirando á ría, na compaña de seus, que tamén están alí soterrados... E ao fin, deitado fronte ao mar... ese camiño!