14/12/08

Huber Matos


Hai uns días, falando con Esperanza Uz, a presidenta da sociedade El Valle de Oro da Habana, entereime de algo sorprendente. Resulta que un dos asociados de El Valle de Oro tiña agochada na casa unha parabólica, para poder ver canles estranxeiras, seica as cubanas son pouco plurais (por dicilo dun xeito delicado). Todo ía ben até que á filla deste señor escapáronselle na escola os detalles dun programa de televisión que comezaron a levantar sospeitas. O resultado: a policía presentouse na súa casa e levoulle a parabólica. Pero o peor non foi iso. O señor estivo nove meses en prisión. Si lestes ben, nove meses no cárcere por ter unha parabólica. Dentro do drama, o máis gracioso foi que mentres estivo en prisión dedicábase a arranxar radios e outros aparellos electrónicos (algúns dos seus propios carcereiros). Considero que o sistema político de Cuba é unha ditadura, un réxime no que non se respectan nin as liberdades fundamentais nin os dereitos humanos. O curioso é que todo este caso lembroume a Huber Matos. Matos foi un dos comandantes da Revolución cubana que en 1959 derrocou a ditadura de Batista. Pouco despois do triunfo da Revolución, Matos opúxose ao devalar autoritario de Fidel Castro. Pagouno caro: vinte anos de prisión, non saíu do cárcere até 1979, tendo despois que marchar ao exilio. Matos é hoxe o secretario xeral da organización Cuba Independiente y Democrática. Admiro a Huber Matos porque foi quen de deixalo todo para loitar contra a ditadura que oprimía o seu país. Mais, admíroo sobre todo porque nun momento decisivo tivo que arriscalo todo para oporse a outra ditadura que estaba a piques de comezar. Xa vedes que o camiño da heterodoxia non é o máis recomendábel, pero si é o vieiro máis ético e digno. Louvados sexan os disidentes.

Post scriptum: Matos deixou testemuño da súa vida. En 2002 publicou o libro Cómo llegó la noche, un relato das súas experiencias que recomendo vivamente. É emocionante a descrición da súa actuación na guerrilla, e as narracións do seu paso polas cadeas de Fidel Castro son durísimas. En definitiva, unha boa lectura contra as tentacións autoritarias.

4 comentarios:

Anónimo dixo...

Contra o autoritarismo: SEMPRE! E nesta liña, aínda que nunha onda diferente, pregúntome... que sentido ten que os deputados dos partidos "deban" opinar o mesmo??

Roi Buligan dixo...

que hai Prudencio? a verdade é que escoiteille ao fillo de Esperanza, un extenso anecdotario do día a día do réxime cubano, manipulación informativa de canto ven fora da illa e a súa filtraxe aos cidadáns, a corrupción da burocracia cubana, a sorprendente redistribución das axudas estranxeiras previo pago dolarizado, etc, etc. Todo esto contado sen emotividade por un rapaz educado na revolución e derivado na observación da realidade dende fora. É curioso como xente como Pascual Serrano denuncia a manipulación dos mass media estatais (que a hai) e xustifica TODAS e cada unha das medidas que adopta o réxime ademais da súa curiosa politica informativa, incluidos prensa, televisión, parabólicas, cine e internet.

Prudencio Viveiro Mogo dixo...

A contradición entre a defensa das liberdades en Europa e o apoio (ou cando menos mirar cara a outro lado) é algo bastante comun na esquerda. Como pode unha persoa defender a liberdade, a democracia e o pluralismo e logo admirar o réxime dos Castro en Cuba? Eu tívenme que enfrontar a esa contradición e, afortunadamente para min, gañou a defensa das liberdades. Precisamente penso que algo disto lle debeu pasar a Huber Matos no seu día. Loitou contra unha ditadura feroz e despois, ao ver que se estaba afianzando outra,tivo que opoñerse a ela. Claro, os custes foron terríbeis. A esquerda en xeral debería ser máis coherente no tema de Cuba. Lembro cando o réxime de Castro fusilou a dúas persoas que secuestraran un barco para fuxir da illa; naquela situación até José Saramago criticou a Fidel Castro. En fin, o único que sería desexábel sería unha transición pacífica en Cuba e, tamén, que non entren a saco os de Miami, que eses tamén son "bos peixes".

Anónimo dixo...

Non coñecía este blog e hei dicir que foi unha grata surpresa atopalo. Noraboa ao seu mantedor, a quen coñezo dende hai tempo e de quen aprecio fondamente a súa valía humana e intelectual. Procurarei entrar de cando en vez. Concordo plenamente co teu comentario e só engadiría que, por mágoa, dende o nacionalismo galego actual, e dende a esquerda europea en xeral, se segue a ser comprensivo en exceso con réximes ditatorais ou populismos que deturpan o adxectivo "socialista". Sempre nos ficará o mito do Che, con todo o discutíbel que sexa. Mais o réxime cubano actual é indefendíbel. Precisamente, dende posicións progresistas.
Unha forte aperta e bo Nadal.