26/12/08

Vontade de nación


Nestes días estou lendo o libro de conversas entre Xosé Luís Barreiro Rivas e Anxo Quintana. Gosto especialmente deste tipo de libros, teñen a frescura da inmediatez, a intensidade do diálogo e da conversa amábel. Claro, hei de recoñecelo, a simpatía que sinto por Anxo Quintana fixo que me faltase tempo para facerme cun exemplar do libro; grazas á dilixencia e ao cariño da miña Musa non tiven que agardar moito. No entanto, e aínda sen rematar o libro, non podo deixar de comentarvos unhas frases que me impresionaron, non de Quintana, senón de Xosé Luís Barreiro, son as seguintes: “Galiza é cada vez menos unha herdanza, e cada vez máis unha tarefa comprometida desde a profesión democrática. A nosa condición nacional é cada vez menos unha necesidade histórica, e cada vez máis unha continxencia posíbel”. Penso que nestas palabras está o cerne do novo nacionalismo galego que Quintana teima en levar ao BNG. Hogano, o nacionalismo non pode basearse nun pasado celta remoto, nin pode seguir reivindicando a figuras como a Pardo de Cela. A nación galega é froito da vontade dos cidadáns e cidadás que a compoñen. Si, hai unha lingua, unha cultura, unha terra, uns feitos diferenciais, pero por si sós non constitúen a nación galega; estes signos de identidade teñen que ser activados, ten que existir unha vontade nacional. O traballo dos nacionalistas galegos é axudar a contruír esa vontade nacional. E como se constrúe esa vontade de nación? Pois exercendo un labor político que leve aos cidadáns e cidadás a confiar no nacionalismo galego, a confiar no BNG. Galiza é unha tarefa común que facemos entre todos e todas. Uns parágrafos máis adiante, Anxo Quintana afirma: “Porque só na medida en que sexamos capaces de crear benestar teremos futuro”. A nación galega constrúese cunha xestión eficaz, dando respostas aos problemas que afectan á nosa sociedade. Por iso Quintana afirma a cotío que máis autogoberno é máis benestar. Sempre tendo en conta que, como dicía Castelao, Galiza ten que ser unha célula de universalidade, é dicir, debemos contruír unha Galiza mellor para un mundo máis xusto e solidario. Isto é o que significa para min ser nacionalista galego.

Post scriptum: nese camiño de construírmos a nosa nación, o vindeiro 1 de marzo de 2009 temos que pór unha nova pedra nesta casa común e plural que é Galiza. Agardando que chegue esa data, deséxovos a todos o mellor para o vindeiro ano 2009.

4 comentarios:

Anónimo dixo...

Señor blogueiro: hai que manter máis ao día o blog.... Que xa choveu dende a vontade de nación! E que tal se falamos das listas que esa vontade pon a proba nas próximas eleccións?
Feliz ano

Prudencio Viveiro Mogo dixo...

Prezado/a Isildur: polo que toca á actualización do blogue direille que eu non me impoño escribir neste espazo como unha obriga. Cando teño algo sobre o que opinar escribo, cando non pois non escribo. Por outra parte, non hai limitación ningunha para os opinadores e comentaristas, polo que poden escribir cando lles pete. Eu, pola miña parte, tamén hei de escribir cando me pete.

As listas. Eu non sei se vostede é coñecedor da historia do BNG. Se o é saberá que estas candidaturas non son moi diferentes das que o BNG presentou noutras ocasións. Nin na súa composición, nin na súa elaboración. Como dato direille que na Asemblea comarcal da Mariña, á que pertenzo, as candidaturas aprobáronse por unanimidade. A Asemblea comarcal é aberta a toda a militancia. Teña igualmente en conta que os que critican desta volta ás candidaturas participaron con anterioridade dos vicios do BNG (que os hai) e tamén se beneficiaron deles. Falemos claro: as listas son unha elaboración a medias entre a UPG e o sector que apoia a Anxo Quintana (entre os que me conto). Persoalmente penso que son unhas boas candidaturas, porque aproveitan o labor dos conselleiros do BNG, sen que isto queira dicir que na xestión nacionalista haxa punto negros (que os hai). Estou disposto a escoitar outros modelos máis democráticos de elaboración de listas, pero dubido moito que PSOE ou PP poidan dar leccións neste sentido.

Isildur, considere este blogue como a súa casa. Escriba cando lle pete.

Anónimo dixo...

Non, se as listas semellan nun 80% razoábeis, comparadas con outras ocasións. Polo menos prémiase a capacidade de xestión demostrada por varios conselleiros e conselleiras. Así e todo, hai mandatos (de non recuncar nas listas catro veces, coido; ou son tres?) que desta vez non se aplicaron retroactivamente para permitir que o Sr. Lobeira nos obsequie outros catro anos cos seus debates con Ruiz Rivas sobre Galiza e Galicia...
Canto ao demais, estou de acordo. Os agora excluídos por un xogo de equilibrios no que eles participaron e do que se beneficiaron moitos anos, sen estaren interesados en mudar as regras, agora oubean doentes e se laian de falla de democracia interna.
Só falta consolidar a Quintana e que adquira galóns de xeneral ben arroupado. Os coroneis non han mandar nunha boa tropa... E mesmo no Exército Roxo houbo que reducir o poder dos comisarios políticos para gañar a guerra contra dos nazis. Talvez o BNS comece a parecerse ao PG do século XXI, sen Otero Pedrayo pero con máis Suárez Picallos.
Saúde e Patria

Anónimo dixo...

Ah, e non fai falla responder con tanta brusquidade, hom. Era un reproche amábel. Escriba vostede, faltaría máis, tamén cando lle pete! Como se estivese na súa casa...