
O libro encétase cunha introdución que
ofrece un contexto xeral da emigración galega no Uruguai, ben coñecida polo
autor ao ser el mesmo emigrante neste país. Manuel Losa Rocha (Santiago de
Compostela, 1940) é autor dunha bibliografía centrada, basicamente, na súa
experiencia como emigrante no Uruguai. Así podemos destacar os títulos O vendedor de libros e Relato dun emigrante, ambos publicados
en Montevideo en 2007. Losa é autor tamén dunha biografía de Xesús Canabal
Fuentes, unha das principais figuras da colonia galega no Uruguai, editada co
gallo do seu nomeamento como fillo predilecto do Concello do Pino. Aínda que na
súa introdución o autor pasa revista aos principais fitos da emigración galega
na República Oriental, cómpre ter en conta que a perspectiva que se emprega é a
do actor implicado, non a do investigador no tema. Afirmamos isto porque, ás
veces, no texto nótase unha visión idealizadora do emigrante galego, así como demasiadas
xeneralizacións. Ora ben, o afirmado non lle quita mérito á obra, pois o
devalar destas vidas achega moita información susceptíbel de ser aproveitada
polos investigadores da emigración galega no Uruguai.
As catro biografías que se nos presentan
no volume poderiamos, á súa vez, dividilas en dous bloques. Por un lado,
consonte ao que afirmabamos no primeiro parágrafo, as dúas primeiras
responderían ás memorias de vida de dous emigrantes anónimos. Por outro lado,
nas dúas restantes atopariámonos a dous emigrantes cunha maior proxección
social. Uns e outros tiveron unha relación persoal co autor do libro, feito que
se demostra nos detalles e nas anécdotas que se nos relatan nestas biografías.
Estamos, xa que logo, diante de memorias de vida elaboradas máis coa entrevista
e a conversa cos protagonistas que coa referencia bibliográfica, feito que sen
dúbida déixase notar na frescura do relato.
As dúas primeiras biografías
corresponden a Isidoro Manuel García García (Monfero, 1933) e a Eduardo
Martínez Filgueira “O Cañotas” (Noia, 1926). Ambos personaxes poden situarse no
pulo migratorio dos anos cincuenta. Tamén en ambos casos hai unhas situacións
traumáticas que motivaron a emigrar. No caso de Isidoro M. García foi o
asasinato do pai, militante socialista e tamén antigo emigrante no Uruguai. As
penurias da posguerra foron determinantes para que O Cañotas decidise seguir o
camiño da emigración. A emigración de Isidoro M. García desenvolveuse por medio
de vieiros legais, pois foi reclamado por un irmán que emigrara previamente.
Eduardo Martínez, pola contra, entrou no Uruguai de xeito ilegal, tras ter
pasado dous anos no Rio de Janeiro. A descrición das súas vidas na emigración
segue un modelo prototípico, equiparábel a moitos casos: traballo duro desde o
máis baixo, asentamento e reclamo da familia que quedara en Galiza, integración
na sociedade de acollida e participación en actos da colectividade galega.
Porén, no caso do Cañotas hai un engadido: estamos diante do emigrante que toma
consciencia de Galiza na emigración. En efecto, tal e como nos lembra Manuel
Losa na súa introdución: “Moitos emigrantes galegos, do medio rural
principalmente, comezaron a coñecer a súa terra a partir da chegada a América e
a concorrencia ás bibliotecas, aos faladoiros e aos actos culturais das
institucións” (p. 30). No caso de Eduardo Martínez o compromiso coa terra natal
concretouse na elaboración de imaxes en madeira –era carpinteiro de profesión−
de Rosalía de Castro e Castelao, que repartiu entre as entidades galegas do
Uruguai.
Os outros dous emigrantes biografados no
volume tiveron unha maior dimensión pública. Atopamos, en primeiro lugar, a
Xosé Lage Sierra (Ortigueira, 1916), Pepe
Montoya de alcume artístico. Non estivo exento este emigrante duns comezos
traumáticos, motivados pola súa condición de fillo natural e a tormentosa
relación cunha tía. Ora ben, a diferenza dos dous anteriores, Pepe Montoya só tivo no Uruguai
traballos relacionados co eido da cultura. Así, foi durante moitos anos
profesor de danza no Centro Gallego e director do Ballet España desta
institución. O seu traballo viuse recompensado co recoñecemento de varias
entidades galegas de Montevideo.
Antón Crestar Faraldo (Miño, 1896 –
Montevideo, 1983) é, sen dúbida, o máis coñecido dos emigrantes presentes neste
libro. A súa historia como emigrante repártese entre Uruguai, a onde emigrou
entre 1910 e 1915, e os Estados Unidos, onde residiu entre 1916 e 1922. A
partir deste último ano, Crestar, xa coa súa familia asentada en Montevideo,
abandonou Norteamérica para se asentar definitivamente no Uruguai. A actividade
social deste emigrante foi moi intensa, sobre todo nas dúas principais
institucións galegas de Montevideo: o Centro Gallego e a Casa de Galicia,
entidades das que foi membro das súas xuntas directivas. O labor cultural de
Antón Crestar estendeuse tamén ao Banco de Galicia, onde colaborou
estreitamente con Xesús Canabal. Mais, Crestar desempeñou tamén un papel moi
importante no movemento galeguista en Montevideo. Así, en 1934 participou na
fundación da Irmandade Galeguista da capital uruguaia. Nesta mesma liña,
debemos destacar tamén que tivo un importante protagonismo no apoio aos
refuxiados republicanos tras a derrota na Guerra Civil. No desenvolvemento
destas tarefas Crestar relacionouse cos principais líderes do exilio galego, tales
como Castelao ou Ramón Suárez Picallo. Como no caso de Pepe Montoya, o seu labor a prol de Galiza viuse recoñecida, non só
polas entidades galegas no Uruguai, senón tamén polo seu concello natal.
Os emigrantes recollidos neste volume
poden representar un paradigma bastante acaído do que foi a emigración galega,
pois a carón daqueles emigrantes que viviron soamente para o seu traballo,
temos aqueloutros que tiveron un destacado compromiso coa terra que os viu
nacer. Uns e outros merecen ser lembrados e recoñecidos, pois son protagonistas
sobranceiros da Historia contemporánea de Galiza. A Historia de Galiza que se
construíu lonxe da propia Galiza, aínda que para os emigrantes as distancias
sempre foron relativas.
Catro historias de emigrantes
Manuel Losa
Vigo: Galaxia, 2009, 210 páxinas
Reseña publicada na revista Estudos Migratorios, Vol. III, nº 1 (2010)
Ningún comentario:
Publicar un comentario