08/04/10

Localismos

Esta semana santa estiven uns días na Madeira. Para chegar a esta illa tiven que achegarme ao aeroporto “Francisco Sã Carneiro” da cidade do Porto. Na terminal atopeime cun cartaz, bantante grande, que me deu moito que pensar. O cartaz en cuestión tiña escrito “O Porto: o aeroporto de tódolos galegos”. Así, literal. Publicidade? Si, se cadra, pero non deixa de ser unha gran verdade. En Galiza temos tres aeroportos: Alvedro (o aeroporto de todos os coruñeses), Lavacolla (o aeroporto de todos os composteláns) e Peinador (o aeroporto de todos os vigueses). Francisco Cacharro tentou no seu día ter aeroporto en Lugo, pola súa banda non me estrañaría que Baltar tamén o tentase en Ourense, aínda que só sexa para ter un chiringuito máis no que colocar aos seus partidarios. En fin, que así nos vai neste país. Mentres nós nos desangramos en loitas intestinas, o aeroporto do Porto gaña cada día máis pasaxeiros. E o problema non son só os aeroportos, outro tanto se pode dicir das tres universidades. Non sería mellor unha única Universidade galega, con campus distribuídos por todas as cidades? Pois non, é moito mellor ter tres universidades cativas e con multiplas penurias económicas a unha grande e competitiva. Son nacionalista galego, sempre pensei −e sigo pensando− que o meu país foi bastante maltratado. Pero, debemos recoñecer que os galegos estamos demasiado apegados á nosa parroquia, á nosa vila, á nosa cidade, e moi pouco a Galiza. Pensamos antes na terra (en minúscula) que na Terra (Galiza). Do localismo só nós somos culpábeis.

E que dicir do tema das Caixas? Estiven tentado a falar deste asunto, mais o meu descoñecemento do tema fíxome ser prundente e non escribir do que un non coñece con profundidade. Direi, iso si, que son da opinión que nunhas condicións económicas normais (antes da crise financeira) eu sería partidario de que seguisen existindo dúas Caixas, pois penso que a competencia e boa tanto para as empresas como, sobre todo, para os clientes. Emporiso, postos a elixir entre a fusión das dúas Caixas ou que o aforro dos galegos remate por ser xestionado fóra do país, non teño dúbida: é necesaria esa fusión. Non obstante, os alcaldes de Vigo e A Coruña prefiren xogar a carta localista que pensar en clave galega: é natural, de certo que lles ha dar máis votos (e iso que, segundo parece, son do mesmo partido). O que xa me resulta escandaloso é que a prensa fale abertamente da caixa do norte e da caixa do sur, como se en Burela non houbera clientes de Caixanova ou en Tui xente coa nómina en Caixa Galicia. Por favor, pensemos e actuemos en clave galega, procurando o beneficio de Galiza conseguiremos tamén o benestar de todos.