Sempre pensei que o PP non era un simple partido, senón máis ben unha coalición de intereses. E non o digo de xeito despectivo, nin moito menos. Cando as cousas van ben é o partido no que mellor se ven reflectidos os galegos, debido precisamente a esa pluralidade de intereses que pode acubillar no seu interior. E velaí están os resultados electorais que o demostran. Ano tras ano, desde 1981, foi sempre a forza máis votada, as máis das veces con maioría absoluta. A variedade de intereses aos que pode dar protección fai que, ás veces, adopte actitudes que, para os que estamos nas súas antípodas, poden parecer contraditorias. Un exemplo: que outro partido podería predicar galeguismo (con notábel éxito, todo hai que dicilo) e estar nas manifestacións de Galicia Bilingüe ao mesmo tempo? Pois cal vai ser: o PP. E de ambas actitudes tirou beneficio. No PP, coma nos cochos, todo se aproveita.Mais, ás veces, hai problemas. E iso sucede cando na coalición de intereses xorde unha contradición faltal. Basicamente, cando entran en colisión os intereses persoais dalgúns dos seus dirixentes. Apreciase isto sobre todo na política local, e máis cando hai eleccións ás portas. E como se resolve o conflito? Pois moi fácil: os pepeiros que resultaron derrotados crean unha lista independente ou ben aproveitanse dalgún partido refugallo, dos que hai tempo xa falei neste blogue. Entón sucede algo abraiante. O PP concorre ás eleccións con dúas candidaturas: o PP normal e o PP cabreado (disfrazado doutra cousa). E moi raro que, un ou outro, non volva gañar. E logo, cando o tempo pasa e as liortas van quedando atrás, todos os cabreados volven á casiña do PP orixinal. É dicir, o PP sabe manexar perfectamente as súas tensións internas para non perder nunca o poder, que sempre estará nas mans dos seus homes, xa sexa directamente ou por medio dunha candidatura alternativa (PP tamén).
Algo disto estamos vendo no Valadouro nos últimos anos. Pasou en 2007 coa candidatura de Terra Galega e está a piques de ocorrer de novo en maio de 2011 con UDIVAL. A creación de Unión Democrática Independente do Val (UDIVAL nas súas siglas, aínda que os nosos veciños han de dicir “adival”, xa veredes) entra dentro do marco político exposto nos parágrafos anteriores. A saber, unha militante/simpatizante do PP que non dá chegado á cabeza do PP local e que, xa que logo, ten que procurar unha vía de escape. O notorio do Valadouro é que, se ben é normal que iso sucedera en 2007, xa é máis estraño que volva suceder en 2011. Catro anos son tempo de abondo para solucionar problemas internos, e máis cun alcalde en retirada. Pero, en fin, no Valadouro sómosche así: cando turramos, turramos de vez. A teimudos non hai quen nos gañe. Iso si, que ninguén se engane: PP e UDIVAL é a mesma cousa. Dúas caras dunha mesma moeda. E a actitude dos presuntos independentes vai ser a mesma que en 2007: apoiar de novo ao PP. A non ser que se lle ofreza a alcadía. E iso non vai pasar.
Post scriptum I: Segundo o dicionario da Real Academia Galega adival defínese como: “Corda longa e grosa que se usa para suxeitar a carga do carro ou dun remolque”. Aviso a navegantes: no BNG non hai corda que nos suxeite nin que nos ate. Só estamos atados aos intereses do Valadouro e de Alfoz.
Post scriptum II: E, xa que logo, soamente a candidatura do BNG pode representar un cambio real para O Valadouro e para Alfoz. As candidaturas que encabezan Pichín e Marrube son a mellor maneira de pór os nosos concellos a traballar polo desenvolvemento do Val. Basta xa de parálise. Co BNG, un Valadouro e un Alfoz novos.
0 comentarios:
Publicar un comentario en la entrada