O norte de África e Oriente Medio viven momentos de convulsión. O lume que prendeu en Tunicia espallouse por Exipto e arrasa agora Libia. As monarquías absolutas do Golfo Pérsico tampouco se libraron dalgunha faísca, aínda que sen chegar ás lapas. Mais, que hai detrás destas revolucións? Non falta quen pense que o integrismo islámico –coa longa man de Al Quaeda− está detrás de todo. Eu coido que non. Nin os partidos políticos da oposición, nin o exército, nin a prensa non domesticada chegaron a rematar con Ben Ali ou con Mubarak. Non, foi simplemente o Pobo –e dentro del moi especialmente a xuventude− quen rematou con eses ditadores. O Pobo –así como maiúscula− foi quen, cun notábel esforzo de organización, de rematar con ditaduras que duraban décadas. Cansos da corrupción e dun nepotismo sen fin, demandan liberdade, demandan democracia ao seu xeito, sen ter que copiar a que exportamos desde Occidente. Ese esforzo de autoorganización é digno de admiración, tanto máis canto que non creo que por estes territorios foramos quen de imitalo.E xa que falamos de Europa, non sorprende o silencio cómplice dos nosos políticos? Cantas veces vimos aos dirixentes (democráticos) europeos apertándose cos ditadores que agora foron derrubados? Por que se predica democracia e liberdade para algúns países, mentres que se fai a vista gorda noutros? Europa, o continente que ten moita fachenda democrática, non tivo ningún problema en vender armas a estes tiranos, que logo as empregaron contra o seus propios Pobos. A esa mesma Europa non lle importou recibir os capitais de países como Libia, Árabia Saudita, Bahrein ou Catar, países todos que se caracterizan por violentar sistematicamente os dereitos humanos. Eses mesmos ditadores eran considerados por moitos políticos occidentais como baluartes fronte ao islamismo radical. É lícito apoiar unha ditadura para impedir outra? Non, non todo vale.
Post scriptum. E cal é a moralexa deste conto? Pois que mentres que os tunecinos ou os exipcios, aos que considerabamos non preparados para a democracia, se dedicaron a abalar os seus tiramos; os políticos europeos, que presumen de demócratas, o que fixeron foi avalalos. E nós, cidadáns de a pé, con que nos quedamos, abalar tiranos ou avalar tiranos? Velaí a encrucillada na que nos atopamos. Quizais sexa tamén o momento de deixar de ollarnos o embigo e aprender, ao tempo que admirar, a forza duns Pobos en loita polo seu futuro.
0 comentarios:
Publicar un comentario en la entrada