20/07/12

FEDERICA MONTSENY EN GALIZA


Ninguén mellor para escribir a Historia que quen foi protagonista dela. O relato autobiográfico, as memorias, os diarios e os libros de viaxes son fontes de inestimábel valor para os historiadores. Baixo estas premisas debemos saudar a aparición do libro Impresións dunha viaxe por Galicia en 1935, no se se recollen as crónicas elaboradas pola líder anarquista Federica Montseny (1905-1994) durante a súa estadía en Galiza no ano 1935. Estes relatos, agora reunidos no volume que comentamos, foron publicados por entregas en La Revista Blanca, medio anarquista que dirixía Joan Montseny, pai da nosa protagonista.

Non obstante, debemos sinalar que non é a primeira vez que estas crónicas ven a luz nun libro. En efecto, existe unha edición anterior a cargo do Ateneo Libertario “Ricardo Mella” da Coruña. Si estamos, porén, diante dunha primeira edición destes textos en lingua galega, motivo polo que debemos felicitar á editorial Trifolium, que vén publicando dentro da súa colección “Fume de Leña” unha serie de textos de igual valor memorialístico para a Historia de Galiza. O libro conta, ademais, cun limiar do especialista no anarquismo galego Eliseo Fernández, que nos axuda a contextualizar a presenza de Federica Montseny en Galiza.

A viaxe á que fan referencia estes relatos desenvolveuse entre o 3 e o 16 de decembro de 1935, dentro dunha campaña de propaganda promovida pola Confederación Regional Galaica da CNT. Tras visitar A Coruña, Betanzos, Ferrol, Cariño, Santiago, Carballo e Lugo, o periplo ten a súa fin en Ourense, onde Federica Montseny asiste ao plenario dos anacosindicalistas galegos. A viaxe, aínda así, quedou incompleta, pois a caída do goberno encabezado por Joaquín Chapaprieta fixo imposíbel a presenza da propagandista noutras vilas e cidades de Galiza, nomeadamente Vigo.

Nestes textos podemos observar a unha Federica Montseny impresionada pola paisaxe galega, tema recorrente nos seus desprazamentos por Galiza. Podemos comprobar tamén a súa actitude favorábel cara o galego, lingua empregada nos mitins por algún dos seus camaradas. E, por suposto, especial preocupación amosa nas súas alocucións pola situación da muller. Das súas inquedanzas pola muller traballadora en Galiza dan bo exemplo a súa visita a unha conserveira en Cariño e unha conferencia  organizada na Coruña só para mulleres.

As liortas internas dentro do anarquismo español tamén se deixaron sentir na viaxe. Como nos lembra Eliseo Fernández no prologo deste libro: “Federica aliñábase na corrente máis radical da CNT, que impulsara os movementos insurreccionais de 1933, e era moi crítica coa militancia anarcosindicalista máis moderada” (p. 13). En efecto, na maioría dos lugares visitados o bando ao que pertencía Montseny era maioritario polo que non tivo ningún problema. Ora ben, en Santiago os seus adversarios eran maioría, o que contribuíu en boa medida a deslucir os actos nos que participou. Deste xeito, na súa crónica compostelá a líder anarquista foi moi dura co sector vencellado ao Partido Sindicalista, organización que lideraba Ángel Pestaña. Igualmente, Montseny era moi crítica coas alianzas obreiras, pois pensaba que o movemento anarquista non debía facer concesións para acadar acordos con outras forzas obreiras. Neste senso, nas súas intervención en Galiza, foi especiamente dura cos socialistas e coas posicións que este partido representaba.

No anarquismo ibérico sempre existiu unha destacada preocupación pedagóxica, entendendo o ensino como un medio para acadar tamén a liberación da clase obreira. Son de destacar, neste senso, experiencias tan sobranceiras como a “Escola Moderna” vencellada ao anarquista catalán Francisco Ferrer i Guàrdia (1859-1909). Xa que logo, os esforzos dos anarcosindicalistas galegos no eido educativo non podían quedar sen mención por parte de Federica Montseny. Reproducimos, así, este fragmento do libro: “Gardo moi grata impresión de Lugo e da actividade modesta e rexa dos compañeiros. Que pracer para os meus ollos ver a escola en funcionamento, chea de rapaces e rapazas, con profesores noviños de boa vontade e abnegación, que, na loita co ambiente convencional da vella cidade, aprenden as primeiras letras aos fillos e fillas dos obreiros!” (p. 62). Impresión positiva que tamén recollería en Ferrol, louvando os traballos pedagóxicos de Francisco Iturralde.

En definitiva, estamos diante dun importante documento para a historia do anarcosindicalismo galego, un testemuño de primeira orde correspondente a unha das principais líderes anarquistas. Cómpre destacar tamén a coidada edición realizada pola Editorial Trifolium, que tivo o acerto de intercalar entre capítulo e capítulo unha serie de cartaces propagandísticos da CNT. Unha mostra máis de que o contido e continente poden ir da man.

Impresións dunha viaxe por Galicia en 1935
Federica Montseny
Oleiros: Editorial Trifolium, 2011, 77 páxinas

Ningún comentario: