10/05/13

LINCOLN & MARX


A Historia ten un aquel paradoxal. Como se non poderiamos considerar –desde unha perspectiva actual− o interese de Karl Marx por un presidente dos Estados Unidos? E, non obstante, Marx, como atento observador da realidade que era, seguiu de perto os pasos de Abraham Lincoln e da súa causa: a abolición da escravitude. Velaquí o principal paradoxo que nos atopamos no libro Guerra y emancipación. Lincoln & Marx, que vén de tirar do prelo a editora “Capitán Swing”. Max publicou no xornal vienés Die Presse unha serie de artigos sobre a guerra civil norteamericana, que aparecen agora recollidos neste volume. Por outra parte, o libro tamén inclúe os principais discursos de Abraham Lincoln sobre a cuestión da escravitude nos Estados Unidos. O volume conta cunha introdución de Robin Blackburn, profesor da Universidade de Essex, que analiza as converxencias de ambos persoeiros, a principal das cales era a defensa da traballo libre fronte á escravitude. A modo de gorentosa sobremesa, o libro inclúe tamén as cartas intercambiadas entre Marx e Lincoln, no caso do segundo a través do embaixador norteamericano en Londres.

Porén, a paradoxal relación de Marx e Licoln, non é a única que se nos presenta neste libro. Sabemos que Abrahan Lincoln foi o primeiro presidente republicano dos Estados Unidos. A imaxe que temos na actualidade do Partido Republicano é a dunha forza política valedora dos ideais conservadores e reaccionarios. Non obstante, o nacemento do Partido Republicano está intimamente unido á causa da abolición da escravitude. En efecto, a mediados do século XIX eran os republicanos estadounidenses os de defendían abertamente a necesidade de rematar coa escravitude, mentres que o Partido Demócrata era o valedor dos intereses dos propietarios de escravos. De feito, a elección de Lincoln como presidente foi a chispa que prendeu a secesión dos estados do sur. Nunha carta a Henry L. Pierce, datada o 6 de abril de 1859, Lincoln explicaba a aberta defensa que os demócratas facían da escravitude: «A democracia de hoxe sostén que a liberdade dun home non é nada en absoluto cando entra en conflito co dereito de propiedade doutro home. Os republicanos, pola contra, están de parte tanto do home como do dólar, mais, en caso de conflito entre un e outro, antepoñen ao home». Como se pode comprobar nada máis lonxe dos estereotipos que hoxe temos a respecto de demócratas e republicanos nos Estados Unidos.

Continuando cos paradoxos, a política abolicionista de Lincoln unha vez que chegou á presidencia foi errática e nada clara. Por que? Polas obrigas da guerra. En efecto, a necesidade que tiña o presidente de asegurar a fidelidade de estados fronteirizos como Maryland ou Kentucky –estados escravistas, mais partidarios da Unión− obrigouno a retrasar o seu compromiso abolicionista. Karl Marx criticou esta situación e denunciou que Lincoln estaba preso do que el chamaba “escravistas leais”. Consonte a evolución da guerra foi favorecendo ás tropas federais, Licoln puido avanzar no seu programa  de abolición da escravitude. É así como se explica a aprobación da décimo terceira emenda da Constitución, que rematou para sempre coa escravitude nos Estados Unidos. Por outra parte, unha cousa era que Lincoln defendese a necesidade de liberar aos escravos e outra, completamente diferente, era que estivese a favor de concederlles dereitos cidadáns a eses escravos. O presidente foi durante moitos anos partidario dunha política de colonización, é dicir, favorecer que os escravos liberados puidesen asentarse en África ou no Caribe.

Non deixa de ser tamén paradoxal que os anos precedentes á elección de Lincoln como presidente poden ser considerados como de avance das teses escravistas, sobre todo no que toca aos territorios federais, campo de batalla entre os valedores e os detractores da escravitude. En efecto, en 1857 a sentenza do Tribunal Supremo referente ao caso Dred Scott aseguraba o dereito de posesión de escravos en calquera punto do territorio dos Estados Unidos. Esta sentenza daba por rematados tanto o compromiso de Missouri (1820) e a lei Kansas-Nebraska (1854), que xa de por si supuxeran un adianto para as posicións dos partidarios de ampliar os territorios escravistas.

Xa que logo, xúntanse neste libro tanto a literatura abolicionista de Abrahan Lincoln como os traballos xornalísticos de Karl Marx sobre a guerra civil estadounidense e as súas causas. Un volume útil e práctico que recolle as converxencias de dous persoeiros capitais do século XIX, para alén de ideas preconcebidas e estereotipos.

Guerra y emancipación. Lincoln & Marx, Madrid: Capitán Swing Libros, 2013, 213 páxinas. 

Ningún comentario: