15/11/13

DON PACO OU COMO ENXERGAR GALIZA ENTEIRA

A egrexia figura de Francisco Fernández del Riego (Lourenzá, 1913 – Vigo, 2010) tráeme sempre ao maxín o mesmo cadro: «O camiñante sobre o mar de nubes», do pintor romántico alemán Caspar David Friedrich. Nel, o excursionista, logo de rematar o seu percurso, olla desde o cumio dun outeiro a paisaxe toda. Pois ben, eu vexo a don Paco do mesmo xeito. Coa diferenza de que el ollaba, desde a súa altura intelectual, a Galiza enteira. Non só a que podía apreixar cos ollos, senón tamén a que se ve co corazón e os moitos anos de dedicación plena ao país.

Neste 2013, ano no que o Del Riego cumpría cen anos, son varias as iniciativas encamiñadas a honrar a súa memoria de traballador pola causa da Terra. Comentamos nas liñas que seguen a aparición dun libro no que se analizan todos os seus contributos desde a perspectiva da cidade que o acolleu. En efecto, desde 1939 Francisco Fernández del Riego residiu en Vigo e foi desde esta localidade desde onde despregou todo o seu labor de difusión cultural. Non obstante, engánanse os que coiden que esta é unha obra dun perfil localista. Nada máis lonxe da realidade. A través das páxinas deste volume podemos achegarnos aos traballos de don Paco que, aínda que tiñan como centro de operacións a cidade olívica, a súa orixe e a súa significación eran plenamente galegas. Estamos, como o lector pode supor, diante dun libro coral, na que unha multitude de voces ofrecen diferentes visións da vida persoal e intelectual do noso protagonista. A realización do volume estivo ao coidado de María Dolores Cabrera Iglesias e María Dolores Villanueva Gesteira.

O libro encétase cunha completa cronobiografía –acompañada de numerosas fotografías− na que podemos coñecer os principais trazos da vida e da obra de Francisco Fernández del Riego. O corpo do libro corresponde ao epígrafe rotulado de xeito significativo «Volver sobre o camiño andado», que recolle achegas sobre a súa traxectoria que fan amigos e colaboradores. De todos os proxectos nos que participou a Fundación Penzol foi, sen dúbida, unha das columnas vertebrais. Desde a súa creación, en 1963, até pouco antes do seu pasamento, Del Riego estivo á fronte desta entidade clave para a memoria de Galiza, como ben podemos deducir dos textos de Méndez Ferrín e Franco Grande. De non menos importancia foi a Editorial Galaxia, creada en 1950 como empresa chave do galeguismo cultural para manter acesa a causa do país na negra noite franquista. Don Paco foi o animador das grandes iniciativas desta editora, comezando pola primeira: a revista Grial. Esta publicación converteuse nun símbolo do duplo obxectivo procurado polo homes de Galaxia, isto é, ofrecer a cultura galega ao mundo e asemade verter á nosa lingua as principais achegas da cultura universal. Nas súas propias palabras os obxectivos de Grial eran: “Endereitábase a recoller e canalizar as variadas expresións do noso espírito cara ó universal. Pero, así mesmo, a recoller e a traducir o universal ó idioma propio” (63). Apaixonado da letra impresa, Don Paco deitou o seu saber el multitude de colaboracións espalladas por xornais e revistas tanto de Galiza como da emigración americana. Neste senso, podemos afirmar que Francisco Fernández del Riego foi un dos homes que serviron de ponte entre a resistencia político-cultural que se levaba adiante en Galiza e o traballo dos nosos exiliados en América, con razón Ramón Piñeiro –como lembra María Dolores Villanueva no seu texto (109)− dicía del que era o ministro de asuntos exteriores do galeguismo. Non queremos abandonar o comentario das publicación periódicas nas que colaborou sen mencionarmos as revistas especializadas Industrias Pesqueras e Industria Conservera, coas que mantivo unha relación de longo percorrido que ademais o converteron nun especialista verbo da pesca en Galiza. Hai espazo para o persoal neste parte do libro, destacando neste senso as colaboración de Gerardo González Martín e Ana María Fernández del Riego. Nelas podemos apreixar a un Don Paco preocupado pola súa mai e irmáns, acadando finalmente xuntar a case toda a familia en Vigo.

Vigo cobra protagonismo na terceira parte do libro. Desta volta é o propio Francisco Fernández del Riego quen toma a palabra para lembrarnos, grazas a unha escolma de textos, o que a cidade olívica supuxo para a súa vida e para os seus traballos. E cal é o Vigo que se nos aparece? A cidade sentimental, a urbe moderna símbolo do progreso económico, un Vigo no que traballan escritores e artistas, a base de operacións dos seus proxectos culturais… Estamos, xa que logo, diante dun cronista oficioso de varias décadas de vida viguesa. Finalmente, o libro péchao, nuns sentidos versos, quen sen dúbida foi un dos principais compañeiros de andaina: Xaime Isla Couto.

A xenerosidade de Vigo con Francisco Fernández del Riego foi, non cabe dúbida, correspondida. En 1995 fixo doazón á cidade da súa biblioteca, do seu arquivo e da súa colección de arte que hoxe están dispoñíbeis para o goce do público en xeral. Esta doazón era comprendida polo propio interesado como un servizo máis a Galiza e como un agradecemento á cidade que o acolleu: “Doei en vida e non leguei para despois de finado, libros e cadros para que non se crebase unha traxectoria longa de servizo a Galicia. Quixen así chegar ó remate sendo fiel ós principios que inspiraron o decorrer da miña existencia (…) Escollín ó pobo de Vigo como receptor, porque nesta cidade refixen un andar esperanzado, que o drama da guerra civil tronzara. A ela débolle a inesquecible asistencia na recuperación” (128). Pola nosa parte só nos queda, parafraseando a Álvaro Cunqueiro, outra das súas amizades e tamén vigués de adopción, desexar para Galiza mil Fernández del Riego máis.

Francisco Fernández del Riego. Vigo dende o corazón de Galicia
María Dolores Cabrera Iglesias / María Dolores Villanueva Gesteira (Eds.)
Editorial Galaxia / Fundación Penzol, 2013, 133 páxinas

Reseña publicada na revista Grial, nº 199, xullo-setembro, 2013, p. 93-94.

Ningún comentario: