Os galegos desempeñaron na emigración
americana unha gran variedade de ocupacións, destacando as relacionadas co
sector servizos. Menos comúns foron as vinculadas coas actividades intelectuais
e culturais, das que pode sobresaír, con todo, o xornalismo. Así, no caso dos
xornalistas emigrados podemos falar dunha emigración cualificada que se
compatibilizou en numerosas ocasións con outras profesións igualmente
capacitadas, nas que destacou o exercicio da docencia.
![]() |
Xornal El Gallego |
O nacemento da prensa galega na Arxentina podemos datalo en 1879 coa aparición de El Gallego; o seu creador, César Cisneros Luces, xa posuía unha
importante bagaxe xornalística, adquirida na emigración cubana e uruguaia. El Gallego naceu como órgano oficioso do primeiro Centro Gallego de
Bos Aires, do cal Cisneros Luces foi promotor e primeiro vicepresidente. Este
xornal sufriu os avatares do Centro Gallego, desaparecendo en novembro de 1880.
Foi na Habana, pola contra, onde
naceu o primeiro medio integramente en galego. Falamos de A Gaita Gallega, periódico que se editou entre 1885 e 1889 baixo a
responsabilidade de Manuel Lugrís Freire e Ramón Armada Teixeiro, ambos desenvolverían
na emigración cubana unha importante carreira literaria. No século XIX a prensa
galega tivo un gran desenvolvemento en Cuba, pois por aquela época esta illa
era a principal receptora de emigrantes galegos. Non é de estrañar, xa que
logo, que fora na Habana onde se fundaron importantes medios de comunicación. O
8 de marzo de 1878 viu a luz El Eco de
Galicia da man de Waldo Álvarez Insua. Este xornal exercería unha
importante influencia tanto na emigración como na propia Galicia, como exemplo
podemos anotar o feito de que foi nas súas páxinas onde o propio Álvarez Insua
propuxo a creación dunha gran entidade que xuntara aos galegos da Habana. Esa
entidade sería o Centro Gallego, creado en 1879. O poeta Manuel Curros Enríquez
emigrou á Habana en 1894 e case inmediatamente ponse á fronte do xornal La Tierra Gallega. Tras a desaparición
deste xornal Curros traballaría noutras cabeceiras da prensa habaneira, entre
as que destacou El Diario de la Marina,
medio creado en 1844 polo tamén galego Isidoro Araujo de Lira, este xornal
marcaría a vida política cubana até a súa incautación en 1960. Outro destacado
xornalista galego da Habana foi Adelardo Novo, director do xornal El Diario Español, cabeceira creada en
1907 e cunha importante influencia en Cuba. Adelardo Novo proviña dunha
importante familia de xornalistas na emigración, pois os seus tíos José e
Enrique Novo García foran os responsábeis do semanario Galicia Moderna, editado na Habana entre 1885 e 1890.
Canto a Bos Aires dous xornalistas
galegos destacarían sobre os demais pola magnitude das súas empresas de
comunicación. Por un lado, Fortunato Cruces Angueira creador do xornal Nova Galicia, sen dúbida un dos de máis
longo percorrido na emigración galega. Fortunato Cruce dirixiu este medio desde
a súa creación, en 1901, até o ano 1951. Por outro lado, José R. Lence, eterno
director de Correo de Galicia, xornal
que viu a luz en 1908 e que se convertería no de medio galego de maior difusión
en América.
![]() |
Xornal A Gaita Gallega |
En resumo, a prensa galega editada na
emigración americana cumpriu o obxectivo de manter aos emigrantes informados
dos problemas da colonia e do que acontecía en Galicia. Ora ben, cómpre afirmar
que a través destes xornais, a maioría dos cales tamén chegaban a Galicia, os
xornalistas emigrados pretendían influír no devir político de Galicia, a máis
das veces en clave galeguista e anticaciquil. Quizais o caso máis claro nese
senso fose o periódico El Emigrado,
editado na Estrada (Pontevedra) e financiado polos emigrantes deste concello na
Habana desde 1920.
Ningún comentario:
Publicar un comentario