
Agora ben, en
non poucas ocasións tamén se manifestaron as individualidades. Referímonos ao
indiano enriquecido que dedica parte do seu capital a mellorar as condicións de
vida dos seus antigos veciños. As achegas destes persoeiros manifestáronse de
moi diferentes formas, de tal xeito que o galeguismo político tampouco foi
alleo ás doazóns de destacadas personalidades emigradas. É neste senso como
debemos entender a figura de Perfecto López, a quen Xosé María Rei Lema dedica
unha completa biografía publicada pola Editorial Galaxia. Segue esta obra o
ronsel doutras publicadas por esta mesma editora, dedicadas á lembranza de
grandes figuras da emigración galega en América. Son de destacar así as obras
de Manuel Losa Catro historias de
emigrantes (2009) e A Galicia de
Montevideo. Unha biografía de Xesús Canabal, 1897-1985 (2010), as dúas na
colección “Memoria”.
Nos comezos a
historia de Perfecto López é a de moitos emigrantes. De orixes humildes, o noso
protagonista naceu en 1904 en Vimianzo. Á pobreza da súa infancia engadíuselle
tamén a marca social de ser fillo de
solteira –como antes fora súa mai–, algo que quedou rexistrado de por vida no
seu único apelido. Con cartos emprestados Perfecto López mercou a pasaxe que o
levou a Bos Aires en 1922, onde se dedicou á profesión de taxista. Tras un
breve regreso en 1931, Perfecto instálase definitivamente na capital arxentina.
Primeiro en sociedade e máis tarde en solitario, o vimiancés foi un sobranceiro
representante de marcas automobilísticas norteamericanas, acadando unha moi
notábel posición e unha destacada fortuna.
Si, Perfecto
López chegou a ser un home moi rico, e case desde o comezo vai dedicar parte
desa riqueza a todo o que tiña que ver con Galiza e co galeguismo. As
inquedanzas sociais espertaron nel co comezo da Guerra Civil e coa axuda
organizada en Bos Aires para defender o bando republicano. Mais, foi coa
chegada a Bos Aires de Castelao o 18 de xullo de 1940 que virou nun decidido
valedor do galeguismo. Desde ese día amosaría un firme compromiso galeguista
que xa non abandonaría até a súa morte en 1970, dedicando tempo e diñeiro á
causa de Galiza. Perfecto López, xunto con outros destacados membros da
colectividade galega como Manuel Puente, Xosé Abraira, Rodolfo Prada...
apareceron sempre como financiadores de variadas iniciativas que tiñan por
denominador común Galiza e a súa cultura. Nas páxinas do libro que comentamos
podemos comprobar como estes homes –e Perfecto sempre entre eles– achegaron os
seus capitais para financiar todo tipo de actividades culturais e políticas, a
comezar pola liberación de Castelao, para que o guieiro puidera dedicar todo o seu tempo ás actividades políticas.
Entre as iniciativas de calado que puideron frutificar grazas á financiación de
Perfecto López cómpre destacar o labor da Editorial Citania, impulsada por Luís
Seoane, nesta editora publicaría Eduardo Blanco Amor a súa novela A esmorga en 1959. Nesta mesma liña,
Perfecto tamén figurou entre os accionistas iniciais da Editorial Galaxia, polo
que as súas doazóns non se restrinxiron só á colonia galega de Bos Aires, senón
que chegaron tamén a Galiza. Con razón, en xuño de 1959 o deputado Ramón Suárez
Picallo escribía a Ramón Piñeiro, nunha carta reproducida neste libro, “Eu
coñezo galeguistas (...) ós que lles costa tanto a Patria como o sostén dos
seus fogares, en diñeiro, aparte de traballo e esforzo persoal” (p. 111). Non
hai dúbida de que o nome de Perfecto López debe figurar na nómina deses homes
comprometidos con Galiza desde a emigración americana.
Porén, ademais
das achegas económicas Perfecto López dedicou moito tempo as actividades
societarias. En efecto, case desde a súa chegada a Bos Aires foi membro da
Asociación Benéfica y Cultural (ABC) del Partido de Corcubión, onde ocuparía
tamén destacados postos de responsabilidade na súa directiva, sendo un decidido
impulsor da revista Alborada, órgano
de expresión desta sociedade. Tamén debemos destacar a súa actuación dentro da
principal institución mutualista dos galegos e das galegas de Bos Aires: o
Centro Gallego, sendo membro da agrupación Unión Gallega. Por outra parte,
cando nos anos corenta se crean os centros provinciais Perfecto López farase
socio de todos eles, sendo tamén directivo social dos mesmos, unha nova mostra
do seu compromiso con Galiza.
As frecuentes
viaxes a Galiza posibilitaron que Perfecto López cumprise outra importante
misión para o galeguismo. En palabras do autor deste libro: “Perfecto vai ser a
partir de aquí, mercé ás súas constantes viaxes, a perfecta «andoriña» entre as
dúas partes do Atlántico. El traerá e levará correspondencia, libros e outros
obxectos que enviaban as elites galeguistas das dúas beiras, sendo portador,
polo tanto, de documentos de extraordinaria importancia, tanto a nivel político
como cultural” (p. 81-82). Este labor de mensaxeiro cobrou especial relevancia
en dúas ocasións. Perfecto López foi o encargado de levar a Bos Aires a terra
galega que se depositaría no cadaleito de Castelao. Anos máis tarde cumpriría
idéntica misión ao trasladar á Arxentina os manuscritos da Historia de Galiza, dirixida por Ramón Otero Pedrayo, e que
financiaba en Bos Aires Manuel Puente. A Perfecto López tamén se lle encomendou
levar a Bos Aires o informe crítico elaborado polos galeguistas do interior,
que emendaba a estratexia seguida polos galeguistas do exilio. Este texto
foille entregado nunha transcendental reunión que tivo lugar o 14 de setembro
de 1958.
Tras a lectura deste
libro fica claro o compromiso de Perfecto López con Galiza, tanto polas súas
achegas económicas como polo tempo dedicado a moitas tarefas de extensión
cultural. Un compromiso que abrangue ao seu fillo, Perfecto López Romero, do
que tamén se nos fala deste libro, pois foi un destacado membro a Asociación
Argentina de Hijos de Gallegos. Xa que logo, estamos perante un exemplo máis da
importancia que a emigración tivo para o devir da Galiza contemporánea.
Agardamos que con libros coma este se poida mudar a imaxe que a emigración
galega segue a ter na Galiza actual: dun proceso negativo a unha oportunidade
real; mesmo para o galeguismo que, malia ser moi beneficiado polas achegas da
emigración –este libro é un novo testemuño–, aínda hoxe non se librou desa
visión distorsionada da emigración galega a América.
Perfecto López. Un vimiancés na Galiza ideal
Xosé
María Rei Lema
Editorial
Galaxia, 2018, 196 páxinas
Recensión publicada na revista Grial nº 220, outubro-decembro de 2018, p. 85-87.
Ningún comentario:
Publicar un comentario