11/02/09

Festa bilingüe

Anda a parroquia españolista en festas. O pasado domingo, 8 de febreiro, tiveron o seu día grande, con procesión e misa cantada. Oficiou a gran sacerdotisa Gloria Lago. Como en toda boa romaría sacaron a pasear o patrón, neste caso Santa Rosa Díez, santa mártir do españolismo furibundo. En fin, festa rachada, amenizada pola orquestra Nós-Unidade Popular, que aínda lle deu máis publicidade ao acto. Practicaron o vello deporte nacional galego: andar a paus nas festas. Tanta fama colleu a festividade, que vén de ser declarada de interese turístico nacional, o que explica a cantidade de romeiros que viñeron da villa y corte de Madrid. Para que todo se desenvolvese en orde e concerto, varias ducias de antidisturbios estiveron presentes, deixándolle a máis dun as orellas quentes.

Prometinme a min mesmo que non ía escribir sobre a manifestación de Galicia Bilingüe, canto máis se fala deles máis publicidade gratuíta teñen. Caio na tentación e escribo estas liñas. Valerá de algo lembrar que o único idioma suxeito de deberes é o castelán, que estamos obrigados a saber, segundo a Constitución? Podemos traer á actualidade o feito de que o PSOE acudiu en 1983 ao Tribunal Constitucional para impedir que o galego fose suxeito de deberes? A lei de Normalización Lingüística (esa que pretenden revogar) só determina dereitos, non deberes. Esta mesma lei prohibe que os rapaces e rapazas sexan separados en aulas por idiomas. Por que, daquela, teiman estes viles nun apartheid lingüístico: dun lado os que aprenden en castelán, doutro os pobres galeguiños. Sabe Galicia Bilingüe o que é a diglosia? Non debería chamarse mellor Galicia diglósica? Son sabedores de que a inmensa maioría dos funcionarios galegos falan en castelán? Que queren logo, que nós suicidemos como pobo? Non, resistiremos a Galicia Bilingüe e ao seu brazo armado (xa sabedes, os u-peideiros). Venceremos nós, que non vos caiba ningunha dúbida.

Post scriptum: na última saída da Santa Compaña puido escoitarse este diálogo:
− E estes de UPyD de onde saíron, irmán Alexandre?
− Moitos veñen do PSOE, irmán Daniel.
− Do PSOE! Manda carallo! E eu que pensaba que Piñeiro os galeguizara.

28/01/09

DE ONTE A HOXE: POR UNHA ACTUALIZACIÓN ORGÁNICA DO BNG

O escenario político galego mudou moito desde 1982, ano da fundación do BNG. Sería inxusto dicir que a organización non foi asumindo eses cambios, adaptándose aos novos tempos. Así, o BNG que nace no 82 xa non era a AN-PG, nin o BNG que chega da man de Beiras ao Parlamento galego era en 1985 o mesmo que nacera tres anos antes. A conxuntura, e os paus electorais, fixérono mudar. A III Asemblea Nacional do Carballiño (1987) e a evolución política dos anos noventa son exemplos que tamén nos falan desa adaptación. Só avanzando coa sociedade, ao servizo da cal estamos, poderá o BNG influír decisivamente na vida política.


O modelo frontista amosouse como un instrumento acaído para conseguir a unidade do nacionalismo nunha soa organización. Emporiso, o que no seu momento foi un modelo de organización axeitado, hoxe amósase como un impedimento para o avanzo do nacionalismo e, xa que logo, do proceso de construción nacional e emancipación social que o BNG representa.

Que ocorreu? Os distintos partidos e colectivos que integran o BNG teñen unha influencia que non se corresponde co seu peso real dentro da fronte. O sucesivo crecemento da organización levou a que os militantes que só somos afiliados ao BNG sexamos a inmensa maioría. Urxe recoñecer esta realidade. Os partidos e colectivos do BNG son hoxe en día grupos de presión, pequenos cenáculos onde se cociña a política do BNG sen que a inmensa maioría dos militantes poidamos influír na toma real de decisións. Esta situación vai en detrimento da participación da militancia na vida orgánica do Bloque, nas asembleas comarcais, moi especialmente. A información non flúe cara ás bases, que só acoden ás asembleas a ratificar o que foi decidido previamente. A deturpación do frontismo levou a que os sectores que patrimonializan o BNG manteñan un vergoñento control sobre a organización, levando a unha desmobilización e desmoralización da militancia. Como poderemos mudar esta situación sen repensarmos o frontismo? O movemento dos Non Adscritos foi unha grande esperanza precisamente porque aspiraban a representar a esa moitedume de militantes que non tiñan voz. O seu “éxito” debeuse, baixo a miña opinión, a que supuña un ataque directo a esa pequena política dos partidos e colectivos. Penso que calquera política renovadora para o Bloque ten que pasar por un discurso elaborado para os militantes que só teñan como fidelidade ao BNG.



Post scriptum: non hai moito tempo que o portavoz nacional falou da necesidade de construír o Partido Galeguista do século XXI. Non, non se trata de pasar do frontismo a un modelo partidario clásico, porque o mesmo modelo dos partidos entrou, na miña opinión, en crise. Emporiso, estamos en condicións de deseñar, de pensar, un novo modelo organizativo que reflicta, a un tempo, o carácter unitario do nacionalismo coa súa inherente pluralidade. E non, a min o discurso da pluralidade como desculpa do frontismo non me serve. O BNG é plural porque plural é Galiza. Tamén debo recoñecer que, malia o escrito até este momento, vexo no Bloque un maior nivel de cohesión que no PP e no PSOE. Entre outra cousas por isto é polo que penso que o exemplo de Unidade Galega no 2005 debería espallarse.

12/01/09

Un só val, un só concello


A división de Galiza en provincias (1833) e a posterior instalación dos concellos (1835) foi resultado da centralización patrocinada polo liberalismo español. Temos que ter presente que a cuestión municipal foi chave durante toda a historia da España contemporánea: absolutistas, liberais, moderados, progresistas, etc. sabían perfectamente que quen dominase os concellos controlaría tamén o poder central do Estado. De aí que durante todo o século XIX houbo unha continua loita por ocupar os concellos, e non está demais lembrarmos que en Abril de 1931 a monarquía española caeu após unhas eleccións municipais. Aínda hoxe o control das entidades locais continua a ser chave para a consolidación das máis altas institucións. Podemos dicir, desta maneira, que a división da provincia de Lugo en concellos, e en xeral de todas as provincias, foi consecuencia do centralismo do Estado liberal español, que de ningunha maneira tivo en conta as peculiaridades específicas do territorio galego.

Foi así que unha comunidade natural perfectamente integrada como a que forma o Val do río Ouro, foi dividida arbitrariamente en dous concellos. As posteriores reformas da división municipal non corrixiron este erro, de maneira que a ruptura en dous concellos permanece até hoxe. Calquera persoa que coñeza minimamente o territorio de que estamos a falar, sabe que as 19 parroquias deste Val forman un conxunto plenamente integrado, unha comunidade natural de intereses sociais e económicos. Chega con aproximarse ás vellas terras do rio Ouro para comprendermos que os seus habitantes funcionan como se dunha só entidade se tratase, superando amplamente unha división que lles foi imposta por un centralismo opresor e ignorante. Talvez a mellor proba do que comentamos foi ofrecida polos nosos emigrantes. En efecto, tanto na Arxentina como en Cuba xuntáronse en sociedades que agrupaban os naturais do Valadouro e Alfoz conxuntamente e sen se facer ningún tipo de diferenzas entre os dous concellos. Velaí as fachadas das escolas patrocinadas por estes emigrantes para o demostrar. Todas locen orgullosamente o nome de Hijos del Valle del Oro para demostrar que nin para eles, nin para os seus coetáneos, nin para os veciños e veciñas de hoxe hai unha división do Val. Ao dito, débese engadir a existencia de organizacións políticas, económicas e culturais que abranguen os dous concellos, símbolo de que na vida cotiá hai unha plena integración do Val.

Seguindo os argumentos expostos, no ano 1995 creouse a Asemblea Local do BNG no Valadouro-Alfoz, tendo como un dos seus principais obxectivos a fusión de ambos concellos. O descenso de poboación que afecta toda a Galiza é tamén un dos problemas destes municipios. Coa perda de poboación minguan os recursos económicos de que dispón cada concello para emprestar servizos aos cidadáns. Tamén habería que falar dunha escasa racionalidade na prestación deses servizos, porque non parece moi razoábel que para unha poboación que non chega aos 5.000 habitantes haxa dúas casas da cultura, dúas piscinas, dúas de todo. Non sería máis acaído ter unha boa piscina cuberta e climatizada? É só un exemplo. A mancomunidade dos dous concellos non se ten mostrado como a solución para atinxir un notábel desenvolvemento económico. A fusión de ambas entidades municipais preséntase como unha forma de atallar a perda de recursos provocada pola caída da poboación. Ao mesmo tempo a unificación suporía unha clara racionalización económica, evitando así unha duplicación na dotación de infra-estruturas, claramente innecesaria na situación actual do Val. Este debe ser o principal sentido da fusión de ambos municipios: o progreso e o desenvolvemento económico. Pouco a pouco, o debate verbo da necesidade da unidade dos dous concellos foise facendo cada vez maior, tanto entre as organizacións sociais como entre os propios cidadáns. Soamente dúas cuestións fan pór en perigo a necesaria fusión do Valadouro e Alfoz. Por un lado, un localismo estéril que hogano, afortunadamente, non existe. Por outro lado, os intereses políticos dos alcaldes empoleirados no poder, que non negan a necesidade de chegar á fusión, mais deixándoa sempre para un futuro indefinido. É evidente que para eles é moito mais fácil continuar a manter a pequena cota de poder co que contan do que pór en perigo os seus cacicatos persoais.

Post scriptum: o Val do río Ouro non pode darse ao luxo de continuar a esmorecer vital e economicamente mentres que os responsábeis políticos non fan nada por evitalo. Urxe, pois, a necesidade de avanzarmos cara a unión dos dous concellos. Con esta medida estaríamos a solucionar os erros do centralismo español e, o que é mais importante, pondo as bases para un desenvolvemento económico e social do Valadouro e de Alfoz. É responsabilidade de todos e de todas conseguilo.

26/12/08

Vontade de nación


Nestes días estou lendo o libro de conversas entre Xosé Luís Barreiro Rivas e Anxo Quintana. Gosto especialmente deste tipo de libros, teñen a frescura da inmediatez, a intensidade do diálogo e da conversa amábel. Claro, hei de recoñecelo, a simpatía que sinto por Anxo Quintana fixo que me faltase tempo para facerme cun exemplar do libro; grazas á dilixencia e ao cariño da miña Musa non tiven que agardar moito. No entanto, e aínda sen rematar o libro, non podo deixar de comentarvos unhas frases que me impresionaron, non de Quintana, senón de Xosé Luís Barreiro, son as seguintes: “Galiza é cada vez menos unha herdanza, e cada vez máis unha tarefa comprometida desde a profesión democrática. A nosa condición nacional é cada vez menos unha necesidade histórica, e cada vez máis unha continxencia posíbel”. Penso que nestas palabras está o cerne do novo nacionalismo galego que Quintana teima en levar ao BNG. Hogano, o nacionalismo non pode basearse nun pasado celta remoto, nin pode seguir reivindicando a figuras como a Pardo de Cela. A nación galega é froito da vontade dos cidadáns e cidadás que a compoñen. Si, hai unha lingua, unha cultura, unha terra, uns feitos diferenciais, pero por si sós non constitúen a nación galega; estes signos de identidade teñen que ser activados, ten que existir unha vontade nacional. O traballo dos nacionalistas galegos é axudar a contruír esa vontade nacional. E como se constrúe esa vontade de nación? Pois exercendo un labor político que leve aos cidadáns e cidadás a confiar no nacionalismo galego, a confiar no BNG. Galiza é unha tarefa común que facemos entre todos e todas. Uns parágrafos máis adiante, Anxo Quintana afirma: “Porque só na medida en que sexamos capaces de crear benestar teremos futuro”. A nación galega constrúese cunha xestión eficaz, dando respostas aos problemas que afectan á nosa sociedade. Por iso Quintana afirma a cotío que máis autogoberno é máis benestar. Sempre tendo en conta que, como dicía Castelao, Galiza ten que ser unha célula de universalidade, é dicir, debemos contruír unha Galiza mellor para un mundo máis xusto e solidario. Isto é o que significa para min ser nacionalista galego.

Post scriptum: nese camiño de construírmos a nosa nación, o vindeiro 1 de marzo de 2009 temos que pór unha nova pedra nesta casa común e plural que é Galiza. Agardando que chegue esa data, deséxovos a todos o mellor para o vindeiro ano 2009.

14/12/08

Huber Matos


Hai uns días, falando con Esperanza Uz, a presidenta da sociedade El Valle de Oro da Habana, entereime de algo sorprendente. Resulta que un dos asociados de El Valle de Oro tiña agochada na casa unha parabólica, para poder ver canles estranxeiras, seica as cubanas son pouco plurais (por dicilo dun xeito delicado). Todo ía ben até que á filla deste señor escapáronselle na escola os detalles dun programa de televisión que comezaron a levantar sospeitas. O resultado: a policía presentouse na súa casa e levoulle a parabólica. Pero o peor non foi iso. O señor estivo nove meses en prisión. Si lestes ben, nove meses no cárcere por ter unha parabólica. Dentro do drama, o máis gracioso foi que mentres estivo en prisión dedicábase a arranxar radios e outros aparellos electrónicos (algúns dos seus propios carcereiros). Considero que o sistema político de Cuba é unha ditadura, un réxime no que non se respectan nin as liberdades fundamentais nin os dereitos humanos. O curioso é que todo este caso lembroume a Huber Matos. Matos foi un dos comandantes da Revolución cubana que en 1959 derrocou a ditadura de Batista. Pouco despois do triunfo da Revolución, Matos opúxose ao devalar autoritario de Fidel Castro. Pagouno caro: vinte anos de prisión, non saíu do cárcere até 1979, tendo despois que marchar ao exilio. Matos é hoxe o secretario xeral da organización Cuba Independiente y Democrática. Admiro a Huber Matos porque foi quen de deixalo todo para loitar contra a ditadura que oprimía o seu país. Mais, admíroo sobre todo porque nun momento decisivo tivo que arriscalo todo para oporse a outra ditadura que estaba a piques de comezar. Xa vedes que o camiño da heterodoxia non é o máis recomendábel, pero si é o vieiro máis ético e digno. Louvados sexan os disidentes.

Post scriptum: Matos deixou testemuño da súa vida. En 2002 publicou o libro Cómo llegó la noche, un relato das súas experiencias que recomendo vivamente. É emocionante a descrición da súa actuación na guerrilla, e as narracións do seu paso polas cadeas de Fidel Castro son durísimas. En definitiva, unha boa lectura contra as tentacións autoritarias.

02/12/08

O voto da emigración


Achéganse as eleccions ao Parlamento galego e, unha vez máis, o tema do voto emigrante volve estar na primeira liña do debate político. É curioso, a importancia, pola cantidade, do voto dos emigrantes galegos fixo xurdir un novo tipo de emigración. Nas vésperas da campaña electoral, os políticos galegos desprázanse para gañaren as Américas: os nosos avós ían na procura de cartiños, para un futuro mellor; os nosos políticos van na procura de votos, tamén para un futuro mellor. Xa vedes, Hegel escribiu que a Historia, cando se repite, primeiro faino como drama e despois como farsa. E iso é o voto emigrante. Unha farsa. Un escándalo. Unha fraude. E parecía que desta volta todo ía ser diferente. Os tres principais partidos políticos de Galiza puxéronse de acordo no Parlamento para realizar unha reforma profunda do voto emigrante. Esta reforma pasaba, sobre todo, porque os emigrantes votaran como votamos o resto dos galegos, é dicir, en urna. Si, si, que felices estabamos todos. Cando o tema chegou ao Congreso dos Deputados, ao PSOE como que xa non lle corría tanta présa. Sabido é que os emigrantes galegos votan ao partido do poder: antes votaban ao PP e agora votarán ao PSOE. E os adoradores de ZP non queren perder un galano tan saboroso como é o voto emigrante, saben que en Galiza pode chegar a ser determinante. Puxeron a súa cobiza política por riba da moral e da ética. E hai que dicilo ben alto, o voto emigrante, tal e como está na actualidade, é unha gran fraude. Non só porque en moitos casos votan os mortos, senón tamén porque non se garante o segredo do sufraxio. Os nosos emigrantes teñen que poder votar como votan o resto dos galegos: nunha urna, nun colexio electoral acondicionado para tal fin, en consulados e embaixadas. Non facelo así é unha fraude á democracia galega e unha tomadura de pelo aos emigrantes, empregados só como simples votos, e non como cidadáns con dereitos. O PSOE ten que explicar por que non favoreceu a reforma elecoral para que os nosos emigrantes votaran como é debido. Púidolles máis a cobiza que os valores democráticos.

Post scriptum: é comprensíbel que os emigrantes conten para votar pero non sexan contabilizados á hora de repartir escanos? Se contaramos o número dos votos da emigración Galiza tería catro ou cinco escanos máis no Congreso dos Deputados. Por que non interesa isto? Estamos diante dunha nova fraude? Hai temas para o debate, só falta que os grandes partidos antepoñan os valores democráticos ao seu beneficio propio. Antes o PP e agora o PSOE están vulnerando as regras máis elementais da democracia ao se aproveitaren impunemente do voto da emigración. Algún día terá que lles pasar factura.

20/11/08

Primeira Asemblea Nacionalista


O 17 de novembro de 1918 daba comezo, na cidade de Lugo, a primeira Asemblea Nacionalista. Van aló, xa que logo, noventa anos. Nove décadas de nacionalismo galego. Xuntáronse en Lugo os representantes de todas as Irmandades da Fala do país. O movemento das Irmandades, que ten a súa orixe en 1916, representaba un verdadeiro rexurdir da nosa lingua propia, sobre todo no que toca á súa normalización social. Nun histórico manifesto, publicado tras a celebración da Asemblea, os homes das Irmandades proclamaban: declarámonos de hoxe e para sempre nacionalistas galegos. O rexionalismo ficaba atrás e nacía un movemento que chega até os nosos días. Convén lembrar que o manifesto nacionalista de 1918 era un documento nidiamente democrático, que proclamaba ademais a igualdade de homes e mulleres. O nacionalismo galego nacía, pois, vencellado á democracia, aos valores liberais e progresistas, e así permanecerá ao longo da súa xa dilatada historia. Por estes días, a Deputación provincial de Lugo dedica unhas xornadas a conmemorar esta histórica data. Sen dúbida ten moito que ver isto co traballo do deputado de cultura, Antonio Veiga, o noso amigo Toñito. Eis un exemplo dunha institución posta ao servizo do país. É sabido que os nacionalistas nunca gostamos das deputacións; emporiso, mentres haxa que tragar con elas mellor é poñelas ao servizo de Galiza e non que sirvan de base ao entramado caciquil do PP. Parabéns, pois, para a Deputación provincial de Lugo por esta iniciativa. Nunca pensei que tería que escribir isto!