Ao longo destes tres anos e medio as bases cansamos de denunciar a escasa comunicación entre o goberno e as asembleas locais, o que imposibilitaba a estas para dar a coñecer o labor de goberno do BNG; esta tarefa era xa de por si difícil, tendo en conta que eran os alcaldes (do PP na súa maioría) os encargados de facer visíbeis os grandes proxectos do BNG. O aparello gobernamental do BNG, e non tanto conselleiros como directores xerais ou delegados provinciais, viviron de costas á realidade orgánica do BNG, e deste xeito é moi difícil explicarlle á sociedade as actuacións do Bloque. Evidentemente, se a comunicación non funcionou de arriba a abaixo tampouco o fixo en sentido contrario, co que iso ten de descoñecemento das demandas reais da nosa sociedade, ás que temos ineludíbel obriga de responder. As actitudes tampouco axudaron. A prepotencia dalgunhas persoas e o sectarismo doutras (ese vello vicio) contribuíron a ofrecer unha opinión negativa da administración do BNG. Durante a campaña electoral cometéronse erros graves. Se en 2005 a campaña axudara nos resultados, desta volta sucedeu todo o contrario. É nestes asuntos nos que hai que reflexionar, con calma pero con decisión. Debemos pedir perdón aos nosos exvotantes e tamén aos que, malia todo, nos votaron. Hai que recoñecer de xeito claro os erros.
Que dúbida cabe de que o contexto tampouco axudou. A crise económica que sufrimos favoreceu ao PP e prexudicou a PSOE e BNG (e non só ao PSOE como pensabamos moitos nacionalistas). Desde que teño memoria política, non vivira nunca unha campaña electoral tan sucia. O PP, e a fronte mediática que lle dá cobertura, empregáronse a fondo contra o bipartito en xeral e contra o BNG en particular. O Bloque pagou moi caro enfrontarse aos poderes económicos e mediáticos tradicionais en Galiza. Sufrimos en Galiza unha prensa infame, en gran medida ao servizo de poderes alleos aos intereses da nosa terra. Fomos leais ás nosas conviccións, que poñen por riba de todo o servizo ao noso pobo e non a poderes económicos alleos. Así tiña que ser, non nos laiemos disto.
Como adoita acontecer nestes casos, pasada a derrota electoral aparecen os voitres cos coitelos afiados. No BNG xa están aparecendo. Agora veñen pedir responsabilidades os que ao longo da última lexislatura non fixeron máis que pór paus nas rodas do xestión do BNG. Que o pensen ben, porque eu, cando estes individuos (algún con asento na executiva nacional) pidan responsabilidades, heilles pedir se están ao día dos seus deberes coa organización. Tamén hei pedir que me expliquen cal foi o seu traballo durante a campaña electoral e onde estaban mentres os militantes gastabamos os zapatos percorrendo cidades, vilas, parroquias e lugares da nosa nación. Vouno dicir moi claro. Malia todos os erros que se cometeron, Anxo Quintana, e o seu xeito de facer política, é o mellor que lle puido pasar ao Bloque Nacionalista Galego. Acredito no BNG que el quere construír e lamento que os malos resultados electorais poidan impedir seguir avanzando nun BNG máis partido político aberto e menos coalición de chiringuitos interesados. Máis abertos á sociedade á que servimos. Ao lado do noso pobo, sempre ao lado do noso pobo, para escoitar máis que para adoutrinar.
Remato. Dentro dos malos resultados xerais, a cidadanía do Valadouro volveu premiar o traballo do BNG. En ambos concellos o BNG subiu notabelmente, mentres que o PP e o PSOE experimentaban senllas baixadas. Imos, xa que logo, no bo camiño. E por aí imos continuar. Aquí estamos para traballar polo benestar dos nosos concellos, con firmeza e humildade.