30/05/08

Comezo


Lembro a meus pais traballando a terra. Eu, namentras, brincaba nos cómaros verdes. Ás veces, sen poder evitalo, saltaba á terra, desfacéndolle a meu pai os cadullos que con tanto rigor trazara co arado. Entón o papá berraba: "neno, que desfás os cadullos!". Aquelas palabras están tan dentro de min que mesmo parece que todo sucedera onte. Lembro a meu pai. Lembro os cómaros. Lembro os cadullos. Lembro ao "Cuco", o noso burriño. Mais, sobre todo, a quen lembro é a mamá, peiteando coas súas mans os gallos do millo. De entre todas as fotos que teño dela, a que máis me gusta é a que sacou nas festas do San Xoán da Laxe, cando tiña só dezanove anos. Ela, que sempre me acompañou e aínda me acompaña, é a mellor imaxe para saltar de novo polos cómaros. Queres brincar comigo, aínda que desfagamos os cadullos?

2 comentarios:

Jota dixo...

Noraboa polo blog, e segiremoste atentamente.

Un saudo

Anónimo dixo...

Desde logo que xeito máis lindo de escomezar un blog, penso que é a millor homenaxe que lle podes facer a Esperanza: lembrala.
Xa o teño en favoritos para porme ao día coas túas reflexións politicas, culturais....
Un abrazo da "pataquiña da pastoriza".