06/10/08

Na Asemblea


Os compañeiros Iván Marrube, Eduardo Chao –alias Pichín−, e mais eu acudimos este domingo á Asemblea Nacional Extraordinaria do BNG, como delegados da Asemblea comarcal da Mariña. Era a primeira Asemblea que se celebraba polo sistema de delegados e, para servos sincero, non notei eu que houbera menos xente que noutras asembleas. Eu son partidario do sistema de delegados porque supón equiparar, que non igualar, ao BNG con outras forzas políticas. Por outra parte, o proceso asembleario nacional non se reduce só aos debates en pleno o día da Asemblea Nacional, senón que tamén abrangue ás Asembleas comarcais, e, se me apurades, mesmo ás locais. Indo xa ao que aconteceu neste Asemblea é claro que estivo marcada polo seu carácter electoral, aínda así non faltou a discusión dun informe político do Consello Nacional, que foi refrendado pola gran maioría dos delegados e delegadas. Non era un informe de autobombo, pois tamén se aludía a aquelas cuestións que cómpre mellorar, ás descoordinacións propias dunha organización que chega por primeira vez a altas responsabilidades de goberno. Despois deste debate procedeuse á presentación de propostas para ser o candidato do BNG á presidencia da Xunta. A min, persoalmente, Anxo Quintana foi unha persoa que me foi gañando pouco a pouco. Penso que ten un discurso claro, co que chega á xente con facilidade. Desta vez amosou tamén unha oratoria máis calorosa, sen por iso deixar de tratar os temas fundamentais do momento (léase a grave crise económica que suportamos). Un BNG ao lado da xente deste país, un BNG que saiba responder aos problemas cotiáns da xente, un BNG útil ao servizo do pobo galego, sen ningún tipo de peaxes alleas. Temos candidato. Temos presidente. Agora só queda pórmonos a traballar para que os resultados electorais sexan, como o mesmo Anxo Quintana dixo, os mellores da historia do BNG. Sempre en beneficio da nosa Terra. Por Galiza.

5 comentarios:

jotavaladouro dixo...

¿Non foi nestor a asamblea?

Prudencio Viveiro Mogo dixo...

Pois non, lamentabelmente unha indisposición impediulle acudir, e mira que o botamos de menos! Pero, de todas formas, Néstor cando dá o mellor de si e durante as campañas electorais, cando todos, sen discusión, nos pomos ás súas ordes. Para min que está gardando forzas para as vindeiras eleccións. O que nos agarda!!

ramotxi dixo...

hola compañeiro,falando da asamblea para min,faltaron á asamblea persoas cun peso histórico no partido,con este cerre de filas parecemos do pp ou do psoe.
xcerto:foi levantarme e ver o noso glorioso alcalde polas rúas de Lugo acompañado por Lucindo de festa polo san froilán.

Anónimo dixo...

O importante, penso eu, coa miña visión dende fóra, de non militante, é que o BNG se achegue aos votos dos indecisos e indecisas, eses que saben que queren votar esquerda e que dubidan entre o Bloque e o PSOE (enténdeme o de esquerda, que sei que me retrucarás por isto). Aí vanse decidir a maioría de cousas das próximas eleccións. Musi.

Prudencio Viveiro Mogo dixo...

Eu sempre pensei que no BNG, coma en todo colectivo ou asociación, non sobra ninguén, pero tampouco ninguén é imprescindíbel. Por outra parte, persoas como Xosé Manuel Beiras ou Camilo Nogueira se non estiveron na asemblea foi porque non quixeron, non porque ninguén os excluíra. Ambos, coma membros do Consello Nacional (e Beiras da Executiva) eran membros natos da Asemblea Nacional, pero aínda que non o foran, non creo que tiveran ningún problema en ser delegados. Unha cousa é que te exclúan e outra, moi diferente, é autoexcluírse. Como tamén ten o seu aquel defender unha asemblea aberta a todos os militantes e despois cuestionar unha decisión tomada por unha asemblea aberta, caso dos delegados/as. Que nos imos parecendo máis ao PSOE e ao PP? Home, pois eu penso que as diferenzas son moitas, entre outras cousas porque en Galiza hai xente que non perdoa que o BNG estea no goberno, e que hai medios de comunicación que recorren abertamente ao golpismo para evitar que o nacionalismo siga medrando. Se foramos como os demais, non nos terían esa xenreira. Evidentemente, hai xente que dubida entre o BNG e o PSOE, eu non o nego. A cuestión clave é: quen vai entrar na bolsa de votos do PP? Porque o PP vai perder votos (aínda que non tantos como sería desexábel). Para onde van ir eses votos? Depende. Eu penso que se falamos de voto rural (o máis fiel ao PP) hai máis posibilidades que se inclinen polo BNG, mentres que o voto PP urbano pode decidirse máis polo PSOE. Aínda que todo isto só son cábalas. Para min, o importante é que a xente perciba ao BNG como unha organización politica normal, entendendo por normal unha forza política que está, principalmente, para resolver os problemas que afrontan todos os días os nosos concidadáns. E é evidente que, para nós, para os nacionalistas, canto máis autogoberno, canto máis poder de decisión teña Galiza, máis posibilidades hai de solucionar as eivas deste país. Ao lado da xente, ao lado do pobo, tan simple coma iso.