12/01/09

Un só val, un só concello


A división de Galiza en provincias (1833) e a posterior instalación dos concellos (1835) foi resultado da centralización patrocinada polo liberalismo español. Temos que ter presente que a cuestión municipal foi chave durante toda a historia da España contemporánea: absolutistas, liberais, moderados, progresistas, etc. sabían perfectamente que quen dominase os concellos controlaría tamén o poder central do Estado. De aí que durante todo o século XIX houbo unha continua loita por ocupar os concellos, e non está demais lembrarmos que en Abril de 1931 a monarquía española caeu após unhas eleccións municipais. Aínda hoxe o control das entidades locais continua a ser chave para a consolidación das máis altas institucións. Podemos dicir, desta maneira, que a división da provincia de Lugo en concellos, e en xeral de todas as provincias, foi consecuencia do centralismo do Estado liberal español, que de ningunha maneira tivo en conta as peculiaridades específicas do territorio galego.

Foi así que unha comunidade natural perfectamente integrada como a que forma o Val do río Ouro, foi dividida arbitrariamente en dous concellos. As posteriores reformas da división municipal non corrixiron este erro, de maneira que a ruptura en dous concellos permanece até hoxe. Calquera persoa que coñeza minimamente o territorio de que estamos a falar, sabe que as 19 parroquias deste Val forman un conxunto plenamente integrado, unha comunidade natural de intereses sociais e económicos. Chega con aproximarse ás vellas terras do rio Ouro para comprendermos que os seus habitantes funcionan como se dunha só entidade se tratase, superando amplamente unha división que lles foi imposta por un centralismo opresor e ignorante. Talvez a mellor proba do que comentamos foi ofrecida polos nosos emigrantes. En efecto, tanto na Arxentina como en Cuba xuntáronse en sociedades que agrupaban os naturais do Valadouro e Alfoz conxuntamente e sen se facer ningún tipo de diferenzas entre os dous concellos. Velaí as fachadas das escolas patrocinadas por estes emigrantes para o demostrar. Todas locen orgullosamente o nome de Hijos del Valle del Oro para demostrar que nin para eles, nin para os seus coetáneos, nin para os veciños e veciñas de hoxe hai unha división do Val. Ao dito, débese engadir a existencia de organizacións políticas, económicas e culturais que abranguen os dous concellos, símbolo de que na vida cotiá hai unha plena integración do Val.

Seguindo os argumentos expostos, no ano 1995 creouse a Asemblea Local do BNG no Valadouro-Alfoz, tendo como un dos seus principais obxectivos a fusión de ambos concellos. O descenso de poboación que afecta toda a Galiza é tamén un dos problemas destes municipios. Coa perda de poboación minguan os recursos económicos de que dispón cada concello para emprestar servizos aos cidadáns. Tamén habería que falar dunha escasa racionalidade na prestación deses servizos, porque non parece moi razoábel que para unha poboación que non chega aos 5.000 habitantes haxa dúas casas da cultura, dúas piscinas, dúas de todo. Non sería máis acaído ter unha boa piscina cuberta e climatizada? É só un exemplo. A mancomunidade dos dous concellos non se ten mostrado como a solución para atinxir un notábel desenvolvemento económico. A fusión de ambas entidades municipais preséntase como unha forma de atallar a perda de recursos provocada pola caída da poboación. Ao mesmo tempo a unificación suporía unha clara racionalización económica, evitando así unha duplicación na dotación de infra-estruturas, claramente innecesaria na situación actual do Val. Este debe ser o principal sentido da fusión de ambos municipios: o progreso e o desenvolvemento económico. Pouco a pouco, o debate verbo da necesidade da unidade dos dous concellos foise facendo cada vez maior, tanto entre as organizacións sociais como entre os propios cidadáns. Soamente dúas cuestións fan pór en perigo a necesaria fusión do Valadouro e Alfoz. Por un lado, un localismo estéril que hogano, afortunadamente, non existe. Por outro lado, os intereses políticos dos alcaldes empoleirados no poder, que non negan a necesidade de chegar á fusión, mais deixándoa sempre para un futuro indefinido. É evidente que para eles é moito mais fácil continuar a manter a pequena cota de poder co que contan do que pór en perigo os seus cacicatos persoais.

Post scriptum: o Val do río Ouro non pode darse ao luxo de continuar a esmorecer vital e economicamente mentres que os responsábeis políticos non fan nada por evitalo. Urxe, pois, a necesidade de avanzarmos cara a unión dos dous concellos. Con esta medida estaríamos a solucionar os erros do centralismo español e, o que é mais importante, pondo as bases para un desenvolvemento económico e social do Valadouro e de Alfoz. É responsabilidade de todos e de todas conseguilo.

2 comentarios:

Anónimo dixo...

Penso que é ben coñecida a miña aposta por un so concello. Xa houbo un tempo, inda que curto, en que todo o val estaba integrado nunha soa entidade municipal: Tierra Llana del Valle de Oro, segundo os documentos oficiais.
Pero dame dor de barriga cada vez que escoito esa denominación de "Val do Ouro" e semellantes, que son un invento que o único que pretende é dar un rodeo no canto de coller o touro polos cornos.

Prudencio Viveiro Mogo dixo...

Escribín o Val do río Ouro para referirme aos dous concellos. A min tampouco me gusta "Val do Ouro", polo que ten de invento. Pero non debemos comezar a casa polo tellado. A cuestión do nome debería ser o último a discutir. Primeiro debería xerarse un debate social arredor da fusión dos dous concellos. É o que modestamente trataba con este post. Como poderiamos facer para que este debate social se dera? Moitas grazas Miguel polo teu comentario. Animo ao resto dos lectores deste blogue a que dean a súa opinión.