20/03/09

PNV e CDC

Ás veces teño a sensación de que a nosa vida está demasiado condicionada por estereotipos, por ideas preconcibidas que damos por certas sen cuestionalas. A este tipo de cuestións corresponde definir ao Partido Nacionalista Vasco (PNV) como un partido de dereitas. E xa está, quedamos tan tranquilos. Emporiso, eu pregúntome, que organización política se negaría a colaborar cunha forza que se define como: partido vasco, democrático, participativo, plural, aconfesional e humanista, aberto ao progreso e a todos os movementos de avance da civilización que redunden en beneficio do ser humano? Esta é a definición do PNV nos seus estatutos, podedes velo na súa páxina web. Recoñézome admirador do PNV, e moi en especial do seu expresidente Josu Jon Imaz, un auténtico valor. O seu abandono da política activa non só foi unha perda para o PNV e para Euskadi, senón tamén para todos os que consideramos que os nacionalismos periféricos teñen moito que dicir na política do Estado. Xa que logo, eu agardo a que o BNG poida seguir profundizando na súa relación co PNV, no marco de Galeuscat. Será beneficioso para o BNG e creo que tamén para a política española.

Algo semellante se pode afirmar de Convergència Democràtica de Catalunya (CDC). Na páxina web deste partido podemos ler a súa definición: partido político nacionalista catalán, democrático, plural, humanista e progresista, que ten como eixo da súa filosofía política (discurso e actuación) o desenvolvemento integral e benestar das persoas e que pretende acadar unha sociedade xusta, solidaria, libre e independente. Eu desde logo non deixo de identificarme con estas palabras. Por que non estamos máis atentos ao real e deixamos de acreditar en falsos estereotipos?

2 comentarios:

artesaniaverde dixo...

Eu estou dacordo en que hai que fuxir dos estereotipos sempre, pero se imos a páxina do pp pon que é um partido de centro, humanista e reformista.
E certo que se debe valorar-la praxe, pero tamén o é que prestando atención as súas accións ambolos dous partidos demostraron xa firmemente o seu compromiso de dereita.

Prudencio Viveiro Mogo dixo...

Eu o que penso é que ambos partidos demostraron firmemente o seu compromiso cos seus pobos (gobernando o PP ou gobernando o PSOE). Se estamos de acordo en que a praxe política debe ser valorada, eu, francamente, coido que partidos como o PNV (que é o caso que máis coñezo) non poden ser alcumados como de dereitas. Por outra parte, desde 1998, ano da sinatura da Declaración de Barcelona, o BNG vén mantendo relacións con ambas forzas políticas no marco de Galeuscat, continuando a tradición histórica do galeguismo. Eu creo que estas alianzas teñen que continuar, alén das conveniencias tácticas de cada momento.