30/03/09

De Hormilleja ao Valadouro, un pouco de Historia

A localidade rioxana de Hormilleja está situada na marxe esquerda do río Najerilla, a uns cinco quilómetros de Nájera. A súa economía está baseada, case na súa totalidade, no agro, destacando neste senso a vide e os cereais. A súa proximidade a Nájera posibilita tamén algúns empregos no sector industrial. A cultura do viño modelou a arquitectura desta vila, así un aspecto relevante da súa paisaxe son as chemineas ou torres de ventilación das covas, escavadas na rocha, empregadas para almacenar viño. Cómpre destacar tamén a igrexa de Santa Catarina, do século XVIII. Conta cunha escasa poboación, que non chega aos douscentos habitantes.

Se chegastes até aquí estarédesvos preguntando por que nos fala este home de Hormilleja? Que ten que ver Hormilleja co Valadouro? Pois, en realidade, pouco ten que ver. Os camiños de Hormilleja e do Valadouro só se cruzaron nunha ocasión. Foi en 1988, cando foron as únicas localidades españolas nas que houbo que repetir as eleccións municipais. É disto do que vos quero falar, aínda que vendo as fotografías de Hormilleja, a verdade é que merece unha visita.

De antemán, ninguén podería supor que as eleccións municipais, celebradas o 10 de xuño de 1987, levarían ao Valadouro a figurar nas primeiras páxinas dos xornais, e mesmo dos telexornais, de toda España. Foi a primeira e, creo, única vez. Mágoa que fora por asunto tan pouco honroso. As eleccións deran como resultado unha maioría absoluta do PSOE, que obtivera 6 concelleiros. A Coalición Progresista Galega (entidade formada por Coalición Galega, Partido Demócrata Popular e Partido Liberal) acadou 3 concelleiros, mentres que Alianza Popular tiña 2 concelleiros.

Non obstante, presuntas irregularidades no voto por correo levaron á Audiencia Territorial da Coruña a ordenar a repetición dos comicios, unha decisión avalada máis tarde polo Tribunal Constitucional. Así, as novas eleccións celebráronse o 20 de marzo de 1988. Os tribunais permitiron cambios nas listas, así como a posibilidade de presentar novas candidaturas. Deste xeito, o candidato que AP presentara en 1987, José Ramón Hermida Miranda, foi substituído polo que ocupaba o posto número 6, é dicir, Eulogio Fernández Sampayo. Velaquí unha das chaves destas novas eleccións, porque grazas a este cambio (ou a pesar del, quen sabe) AP pasou de dous a catro concelleiros. La Voz de Galicia, sempre tan fina nas súas apreciacións, definía a candidatura de Fernández Sampayo como “fresca y seria” (e así segue, quen o dubida). Pola súa parte, o PSOE, encabezado por Luís Martínez, acadou 5 concelleiros; mentres que Coalición Galega, con Enrique Geada como cabeza, lograba 2 concelleiros. Á repetición das eleccións no Valadouro concorreu unha nova lista: o Centro Democrático y Social (CDS), candidatura encabezada por Ana María Mille Galán, que non acadou representación.

Pero, para entender os sucesos de 1987, hai que retrotraerse a 1983, o que ocorrera nas eleccións locais dese ano xa dera moito que falar. En efecto, Coalición Galega obtivera 5 escanos, por 4 de AP e 2 do PSOE. E que credes que pasou? Milagre! Os aliancistas, encabezados por Ramón Gasalla (por certo, dito de paso, o médico que me trouxo a min a este mundo), entregáronlle a alcaldía a Luís Martínez, malia que o PSOE só tiña 2 concelleiros. E xa se sabe, como di o refrán castelán: quien siembra vientos recoge tempestades; ou para ser aínda máis explícitos: daqueles polvos de 1983, viñeron despois os lodos de 1987.

Así, e volvendo ao asunto que tratamos, en 1988 un pacto entre Coalición Galega e Alianza Popular dáballe a alcaldía a Eulogio Fernández Sampayo. E de aquí, maioría tras maioría, até hoxe. Xa vedes, como di o tango: que veinte años no es nada…

Post scriptum 1: afirma Ramón Villares no limiar do meu segundo libro que a historia ensina, pero non nos ata. E é verdade, todo o que pasou debe axudarnos a tirar ensinanzas, pero non ten que determinar o futuro. Se algo podemos aprender tamén da última desfeita electoral é que debemos ser máis serios nas coalicións de goberno: dous partidos si, pero un só goberno. PSOE e BNG teñen, ambos, a responsabilidade de chegar a unha converxencia a favor do Valadouro. Eu penso que podemos logralo, ao Valadouro vaille moito niso.

Post scriptum 2: cando sucederon os feitos relatados máis arriba eu tiña trece anos. Que lonxe estaba eu de saber que, once anos despois, sería eu quen encabezaría a candidatura do BNG nas eleccións municipais de 1999, feito do que axiña se cumprirán dez anos (tempus fugit). É verdade que faltaron catro votos para obtermos representación, pero aquela primeira tentativa serviu de base para os éxitos de 2003 e 2007. Pero, como diría Ramotxi, o mellor aínda está por chegar. En calquera caso, compañeiros, foi toda unha honra e un privilexio poder traballar convosco todos estes anos. E o que nos queda!

3 comentarios:

jotavaladouro dixo...

Sin dubida algunha os dous concellais que temos agora non se explicarian sen a tua candidatura, igual que os tres ou catros que vamos ter para a proxima.

Anónimo dixo...

Musiño, hai que ir a Hormilleja. Impresionante o repaso pola historia política d'O Valadouro!

Xoan Ramón dixo...

O traballo conxunto de todos e cada un dos membros da Asamblea Local do BNG está dando os seus froitos. Agardemos que os que temos a sorte de estar agora en primeira liña señamos capaces de aportar o necesario para manter esta progresión.