16/07/13

TRANSICIÓN OU TRANSFORMACIÓN?

Unha das principais misións dos historiadores é pór en cuestión aquilo que o costume reiterado converteu en realidade. Un continuo abalar de mitos que, ben por pasividade ben por intereses creados, se foron asentando como verdades intocábeis. Deste xeito, no noso pasado máis recente hai un mito que destaca por riba doutros: a Transición á democracia como un proceso ideal, mesmo susceptíbel de ser exportado a outros países. Nesta liña de análise podemos situar o libro de Carlos F. Velasco Souto que imos comentar nas seguintes liñas, o cal se insire nun vieiro aberto por outros historiadores como Ferrán Gallego, Josep Fontana ou Justo Beramendi, autores dos cales Velasco Souto se confesa debedor. O volume ten dúas partes nidiamente diferenciadas. Por un lado, unha análise da derradeira parte do franquismo, onde o autor vai achar as chaves do posterior proceso de avance cara á democracia. Por outro lado, a análise da Transición propiamente dita en Galiza.

Galiza comezou a mudar nos anos sesenta. O Plan de Estabilización, aprobado en 1959, unido a unha etapa expansiva da economía mundial, puxeron as bases para deixar atrás os anos da fame e da escaseza. Ora ben, en Galiza o modelo xerado deu como resultado unha economía dependente. En efecto, o crecemento alicerzouse sobre industrias de enclave, que rara vez remataban todos os seus ciclos produtivos no país. Este modelo de desenvolvemento proxectouse cara ao futuro, nel seguimos en grande parte instalados.

Á calor do crecemento económico fóronse asentando unhas elites que axiña irían tecendo unha rede de intereses clientelares. Asentadas en entidades creadas polo franquismo, como as Hermandades de Labradores, a clase dirixente que nace por estes anos habería de ter, convenientemente adaptada ás circunstancias, un notábel protagonismo á hora de afrontar a Transición. O benestar destes anos modificou sensibelmente a sociedade galega, seguindo aquí as investigacións da historiadora Ana Cabana, o autor deste libro fala dun consentimento social cara o franquismo; isto é, unha menor represión e unhas mellores condicións de vida levaron a que cada vez camadas máis amplas da poboación visen o réxime franquista como algo tolerábel. Ora ben, o afirmado até aquí non exclúe, por suposto, a existencia dunha oposición interna, que tamén se vai anovar nos anos sesenta. Así, por estes anos a maior novidade atopámola na vinculación de esquerda e nacionalismo, coa creación da Unión do Pobo Galego e o Partido Socialista Galego. Non debemos esquecer tampouco o gran rol xogado polo Partido Comunista (PCG, desde 1968) e o activo papel das Comisións Obreiras no mundo do traballo.

As condicións sinaladas habían de marcar en Galiza o proceso de Transición cara á democracia que comeza tras a morte do ditador en 1975. A principal tese defendida neste libro é a mutación política das elites do franquismo para, unha vez adobiadas cunhas pingas de democracia, protagonizar claramente a Transición no noso país. Xa que logo, foron as elites sociais desenvolvidas nos anos sesenta as que integraron en Galiza os cadros da Unión de Centro Democrático e tamén, aínda que en menor medida, de Alianza Popular. Polo que toca á oposición, a súa organización seguiu as mesmas pautas que no conxunto do Estado. En marzo de 1975 creouse a Xunta Democrática, aglutinada arredor do PCG, mentres que en xullo do mesmo ano nacía Converxencia Democrática, que nacía como plataforma do PSOE. Ambas organizacións confluirían en xullo de 1976 na Táboa Democrática, expresión galega da Coordinación Democrática que nacía a nivel español. O nacionalismo galego seguiu, porén, un camiño diferente. A UPG e o PSG serían os principais animadores do Consello de Forzas Políticas Galegas, que daría como principal froito as Bases Constitucionais, proposta galega de creba democrática. Mentres que as organizacións incluídas na Táboa Democrática acabarían por pactar un avance cara á democracia desde as institucións do franquismo, negociando xa que logo coas elites reformistas do réxime, as forzas da esquerda nacionalista teimaron nunha verdadeira ruptura co pasado, manténdose alleas tanto ao proceso constitucional como ao posterior camiño cara á autonomía.

As consecuencias do pacto que levou á Transición non foron só a continuidade das elites do franquismo final, senón a pervivencia e perpetuación duns determinados hábitos políticos, valores e criterios de convivencia social e xeitos de gobernar que, en gran parte, continúan aínda vixentes. Así, a ausencia dunha sociedade civil organizada e a visión da política como algo negativo –tan só accesíbel a determinadas elites− constitúen unha herdanza do franquismo que a Transición, tal e como se levou a cabo, contribuíu a confirmar. Outra consecuencia deste proceso foi a impunidade na que quedaron todos os crimes cometidos polo franquismo. A lei de amnistía do ano 1977 puxo na rúa a moitos presos políticos, mais tamén botou terra sobre os asasinatos e a represión da ditadura. É aínda máis, foi nesta época cando se xeneralizou a idea da necesidade de esquecer o pasado, sementando unha amnesia tan ominosa como interesada. Habería que agardar até datas moi recentes para que a memoria histórica volvese xurdir vizosa.

Preséntasenos neste volume, xa que logo, unha completa síntese da Transición á democracia en Galiza, que tivo as súas peculiaridades, de aí que o autor se vexa na necesidade de remontase até os anos sesenta para comezar o seu libro. Conclúe Velasco Souto que máis que transición o que houbo en Galiza foi unha maquillaxe das vellas elites franquistas, convenientemente adaptadas á nova situación. Ora ben, non foi esa a única transición que non existiu. Á luz dos acontecementos podemos sinalar que tampouco a oposición soubo facer a súa transición. E non nos estamos a referir só ao caso do nacionalismo, que teimou nunha estratexia que o mantivo autoexcluído do proceso autonómico, algo que había pagar moi caro no futuro. Estamos a falar dunha cultura política que, se ben entendíbel nun contexto de clandestinidade como foi o da ditadura, en pouco ou en nada era equiparábel a uns tempos de democracia. Particularmente no nacionalismo non houbo esa transición, e segue sen habela. En palabras do autor deste libro: “Afinal de contas, a cultura ultra-dogmática e sectária era património comum de todos” (p. 147). E isto porque quizais esquecemos que a transición, como a caridade ben entendida, comeza por nós mesmos.

Franquismo serôdio e transiçom democrática na Galiza (1960-1981)
Carlos F. Velasco Souto
Edicións Laiovento, 2012, 256 páxinas

Reseña publicada na revista Grial, nº 198, abril-xuño de 2013, p. 103-104.

Ningún comentario: