12/12/13

A VISITA DE ISABEL II A GALIZA

No século XIX a construción do Estado liberal e constitucional mudou de vez os paradigmas políticos. Se ao longo da Idade Moderna o monarca absoluto foi o suxeito da soberanía e, xa que logo, receptor final das lexitimidades; agora, na centuria decimonónica, o cerne será a Nación. Os antigos súbditos convértense en cidadáns e a súa aquiescencia, polo menos en teoría, é precisa para exercer o poder político. Deste xeito, os antigos reis absolutos convértense, ao longo do oitocentos, en soberanos constitucionais. Tal transformación, loxicamente, non estivo exenta de dificultades, con numerosas continuidades a respecto do pasado.

Para o caso español, foi Isabel II a primeira en exercer, ao longo de todo o seu reinado (1833-1868), como raíña constitucional. É, pois, neste período onde temos que procurar o nacemento dunhas novas formas de entender a representación política. Se ben é certo que a Monarquía seguía a ser un piar fundamental do sistema liberal, o xeito de presentar á Soberana diante do pobo xa non podía ser o mesmo. Así, a Monarquía de Isabel II non debía lexitimarse só a si propia, senón que tamén tiña que xustificar unha nova Administración: o Estado constitucional. Compréndese, deste xeito, que a presentación da raíña diante dos españois da época era de vital importancia. É nesta liña de investigación onde debemos de inserir o libro de Margarita Barral Martínez, A visita de Isabel II a Galicia en 1858. O duplo interese monárquico e liberal é sinalado pola autora coas seguintes palabras: “Era preciso que Isabel II conquistase a simpatía dos españois para humanizar a figura da Coroa e desenvolver o sentimento nacional, tan necesario para a causa liberal en constitución e tantas veces ameazada” (99).

Baixo as premisas comentadas, Isabel II realizou, entre 1858 e 1866, unha serie de 6 xiras por distintos lugares da Península Ibérica –en 1866 chegou mesmo a desprazarse até Lisboa, na que sería a súa única saída ao estranxeiro−. A presenza da raíña en Galiza estendeuse entre o 1 e o 14 de setembro de 1858, dentro dunha xira máis ampla que a levou por todo o noroeste peninsular. A visita foi preparada con minuciosidade polo Goberno da Unión Liberal presidido polo xeneral Leopoldo O’Donnell, que daquela viña de inaugurar un Executivo que se estendería até 1863. Tal era a importancia publicitaria que a viaxe tiña para o Goberno que se contratou un cronista oficial, labor que sería desempeñado por Juan de Dios de la Rada y Delgado (1827-1901) quen, en 1860, daría ao prelo un libro no que glosaría os datos máis importantes da viaxe do séquito real, tal obra é aínda hoxe en día unha das principais fontes para o coñecemento do periplo de Isabel II polo noroeste de España.

Son catro os puntos que a autora sinala como máis salientábeis da presenza de Isabel II en Galiza en 1858. O primeiro deles é a Historia e é tamén un dos aspectos nos que se observa máis continuidade con respecto ao pasado. En efecto, Isabel II é sinala como raíña constitucional, pero tamén como depositaria dunha longa tradición histórica, continuidade que estaría asegurada co nacemento do príncipe Afonso –o futuro Afonso XII−, que acompañou a súa nai na visita e daquela tiña apenas un mes de vida. Outra aspecto subliñado da viaxe polos cronistas da época, e no que tamén podemos atopar unha clara continuidade con respecto á Idade Moderna, é o aspecto da relixiosidade. Isabel II era unha raíña Católica, algo que se demostra coa súa presenza nos templos das cidades que visitou, destacando neste senso a visita á Catedral de Santiago, que naquel 1858 celebraba un Ano Santo Xacobeo. Aspecto máis novidoso foi a vinculación da monarquía co progreso, e que podemos exemplificar na presenza real na inauguración das obras da liña de ferrocarril que uniría A Coruña coa meseta. A súa visita ao Arsenal de Ferrol ou á Universidade de Santiago irían nesta mesma liña de unir o progreso á figura de Isabel II, un aspecto que tamén é subliñado por Ramón Villares no limiar do volume. Finalmente, o último punto no que se fixo fincapé foi o da beneficencia, pois a raíña deixou ao seu paso unha longa listaxe de doazóns que pretendían enxalzar a súa figura como monarca preocupada polo seu pobo.

Cabe preguntármonos, como tamén o fai a autora, en que medida a visita de Isabel II a Galiza serviu para consolidar o proceso de nation-building no que estaban enfrascados os liberais? Conclúe Margarita Barral que entre as elites houbo unha aceptación da identidade nacional hexemónica, cooperando dun xeito activo tanto cos preparativos como co desenvolvemento da viaxe. Constata, por outra parte, que entre as clases populares houbo un notábel entusiasmo acrecentado polas festas e desfiles públicos, o que leva á autora a falar do desenvolvemento dun “nacionalismo banal” (en terminoloxía de M. BILLING: 1995), isto é, conxuntural, motivado polas circunstancias extraordinarias. Situación que tamén se repetirá apenas dous anos despois cos fastos organizados co gallo da vitoria da guerra en Marrocos.

Non obstante, a autora fai fincapé no feito de que as particularidades étnicas estiveron amplamente representadas e formaron parte dos actos oficiais de homenaxe á raíña. De tal xeito que os elementos propios da cultura galega eran vistos como unha peza máis da nación española. En palabras de Margarita Barral: “A interacción entre a etnicidade galega e os elementos de nacionalización española foi evidente na visita da Familia real a Galicia en 1858” (196). Mesmo a lingua galega estivo presente para cantar as glorias de Isabel II e da dinastía borbónica, en poemas nos que participaron os principais bates galegos da época, caso do precursor Xoán Manuel Pintos. A presenza do rexional estivo en consonancia co peso que as elites locais tiveron na construción do Estado liberal. Xa que logo, como xa sinalaron outros autores galegos (VEIGA ALONSO: 1999), a construción do edificio constitucional temos que entendelo como unha dupla achega do centro e máis da periferia, coa que hai que contar en todo caso.

Xa que logo, o estudo da visita real a Galiza en 1858 convértese nun exame axeitado para comprobar o grao de nacionalización española que por aquela altura existía. Deste xeito, conclúe a autora que se ben é certo que no momento non había unha formulación nacional alternativa e mesmo o provincialismo colaborou nos actos da viaxe, non por iso podemos falar de que a visita supuxo un pulo decisivo á nacionalización da poboación galega, que se limitou a participar nos festexos –nacionalismo banal− para continuar despois coa súa vida cotiá. Faltaban aínda uns anos para que o rexionalismo comezase a construír un edificio nacional diferente do español oficial.

Indicacións bibliográficas:
BILLING, M. (1995): Banal Nationalism, London: SAGE Publications.
VEIGA ALONSO, X.R. (1999): O Conde de Pallares e o seu tempo, 1828-1908: aproximación ó activismo das elites na Galicia decimonónica, Lugo: Deputación provincial.

BARRAL MARTÍNEZ, Margarita (2012): A visita de Isabel II a Galicia en 1858, Santiago de Compostela: Sotelo Blanco / Consorcio de Santiago, 215 páxinas

Reseña publicada na revista Madrygal, Revista de Estudios Gallegos, volume 16, 2013, p. 225-226.

Ningún comentario: