05/12/13

A FORZA DA PALABRA: ANTONIO LOREDO

Sempre admirei dos anarquistas a súa preocupación pola educación. Nos militantes libertarios houbo sempre unha intensa inquedanza pedagóxica, froito da cal serían as innumerábeis conferencias pronunciadas e as bibliotecas que adornaban as súas sedes. Por suposto, velaí está o fito da escola racionalista, verdadeiro facho do movemento anarquista ibérico, que tivo en persoeiros como Francecs Ferrer i Guàrdia (1859-1909) a un dos seus principais valedores. Por iso me gustan as historias persoais dos anarquistas. Xa que logo, traio hoxe á memoria a figura do anarquista galego Antonio Loredo, de quen a editorial-libraría LaMalatesta vén de publicar unha antoloxía dos seus traballos baixo o significativo título de Mis palabras son mi vida.

Antonio Loredo Martínez naceu en Vigo en 1879. Marchou de neno na compaña de seus pais á Arxentina, país onde abrazaría a causa libertaria. En Bos Aires pertenceu ao gremio dos perruqueiros. O seu labor como propagandista anarquista –en medios como o xornal La Protesta− valeulle ser deportado a Montevideo o 20 de xuño de 1905. Deste xeito, entre 1906 e 1908 residiu na capital Oriental. No Uruguai editou, en colaboración con Manuel Troitiño, a  revista La Acción Obrera. Foi tamén iniciador dunha "Escola Moderna". Loredo Martínez retornou a Bos Aires, mais axiña sería de novo deportado. Así, en febreiro de 1909 foi expulsado da Arxentina, desta volta con destino a España.

Asentouse en Barcelona, onde se uniu ao grupo ácrata "4 de mayo", grupo que desde 1906 viña publicando na cidade Condal o periódico Tierra y Libertad. A este medio pertencen a maioría das colaboracións xornalísticas recollidas na antoloxía Mis palabras son mi vida, que publica tamén algún artigo do noso protagonista en Solidaridad Obrera, outro gran periódico anarquista. Fiel ao seu ideal, Antonio Loredo sempre defendeu a pureza do anarquismo, oposto a calquera forma de participación política. Nos artigos recollidos en Mis palabras son mi vida critica con forza o socialismo reformista, que acreditaba no parlamentarismo como forma de acadar reformas paulatinas. Así, en xaneiro de 1911 escribía: «…nosotros, antieleccionistas en principio, teníamos razón de proclamar que el sindicalismo, por razones de la propia coherencia doctrinal debía, no sólo descartar de sus medios de lucha la táctica parlamentaria, sino que debe luchar de frente a la acción estatal…» (p. 147).

Loredo tamén participou no Comité de folga durante a Semana Tráxica (1909), participación que o levou a ser detido e a pasar por varias cárceres. Tras ser liberado, a comezos de 1910, fomentou xunto con outros líderes anarquistas varios mitins a prol da escola racionalista. Todo este labor propagandístico colmou a paciencia das autoridades españolas, as cales o detiveron e o conduciron a un barco que o devolveu de novo a América. Desde o vapor que o levou ao desterro Loredo tivo tempo de escribir aos seus compañeiros de Tierra y Libertad e, entre outras cousas, afirmaba: «Voy hacia el destierro, contento, a continuar la tarea revolucionaria y redentora, y voy conforme, porque con la actitud del gobierno español se demuestra la inutilidad de todas las leyes y del principio de autoridad en que se basan las instituciones sociales de hoy» (Mis palabras son mi vida, p. 126).

Pouco duraría desta volta a emigración de Loredo. Tras unha breve estancia en Montevideo foi enviado a Bos Aires. En setembro de 1910 sería expulsado de Arxentina, regresando outra vez a España. Loredo marchou a París para fuxir da presión á que era sometido en Barcelona, aínda así a finais de 1910 atopámolo de novo na cidade Condal vivindo da súa profesión. Ora ben, en agosto de 1911 foi detido e conducido a outro barco, de novo con destino a América. Con razón afirma Francisco Madrid Santos, compilador do libro que reseñamos, que Antonio Loredo foi o anarquista que máis veces cruzou o charco… por conta do Estado.

Por volta de finais de 1913 Loredo conseguiu retornar a España, continuando co seu incesante labor. En 1913-1914 formou parte da CNT catalá. En 1915 participou no Congreso Internacional da Paz celebrado en Ferrol, en representación do xornal barcelonés Solidaridad Obrera. Participou nunha serie de mitins en Betanzos, Pontedeume, Santiago e A Coruña. En Elda (Alacante) fundou o xornal anarquista Guerra Social. Faleceu en Logroño no ano 1916 vítima da tuberculose. Del dinos Francisco Madrid Santos na introdución de Mis palabras son mi vida: «Se le persiguió durante toda su vida, a pesar de que nunca usó la violencia. Sus únicas armas fueron el verbo y la pluma, pero eso sí, empleó ambas con una gran habilidad y eso, por lo visto, hace mucho daño» (p. 23). Efectivamente, iso facía moito dano en 1916 e segue a facelo na actualidade. En 1909 Francecs Ferrer i Guàrdia, o gran impulsor da Escola Moderna, foi procesado e posteriormente executado por un Estado que só sabía responder con violencia a quen lle pedía pan, traballo e educación. E nesas seguimos.

Mis palabras son mi vida. Antología de Antonio Loredo Martínez
Introdución, selección e notas de Francisco Madrid Santos
LaMalatesta Editorial: Madrid, 2013, 194 páxinas

Ningún comentario: