10/09/15

DE VILACAMPA Á HABANA. MEMORIA DE JOAQUÍN DÍAZ VILLAR

A traxectoria vital de Joaquín Díaz Villar descóbrenos a historia do emigrante que, desde os postos máis baixos do mercado laboral, chega a ocupar as máis altas responsabilidades. É tamén unha historia de compromiso coa terra que o viu nacer, coas súas xentes e co seu benestar e progreso.

Joaquín Díaz Villar naceu na parroquia de Santa María de Vilacampa (O Valadouro) o 8 de abril de 1886. Chegou a Cuba en 1901, comezando a traballar como mensaxeiro nunha tenda de víveres na Habana. Traballou tamén como aprendiz de dependente na sedaría La Época, pasando en 1905 ao comercio El Encanto. Estes almacéns, fundados polos emigrantes asturianos José Solís e Aquilino Entrialgo, chegarían a ser os máis importantes de toda Cuba. Co tempo, Díaz Villar remataría por ocupar altos cargos á fronte desta empresa, chegando en 1948 a desempeñar a presidencia do seu consello de administración.

A participación de Joaquín Díaz Villar como membro da colectividade foi moi intensa. Membro da xunta directiva do Centro de Dependientes de La Habana. Integrante da dirección do Centro Gallego da Habana. Membro da directiva da sociedade El Valle de Oro.

Díaz Villar foi un importante benefactor da súa parroquia natal. Grazas á súa axuda puido restaurarse a igrexa parroquial. Así, en 1949 viaxa a Vilacampa para asistir á inauguración das obras do templo. Por orde do bispo de Mondoñedo colocouse unha placa na igrexa parroquial como agradecemento ao seu labor. Por outra parte, a partir de 1949 custeou na súa totalidade os estudos dun neno de Vilacampa no Seminario de Mondoñedo.

Porén, a súa actividade en prol do Valadouro sería aínda máis ampla. O 15 de marzo de 1954 foi elixido como presidente dunha comisión encargada de recadar fondos para a torre e o reloxo da igrexa de Ferreira do Valadouro. Desta comisión formaban parte relevantes membros da colectividade valadouresa da Habana, tales como Eduardo Pernas Orol, Saladino Reigosa Sampayo, José Manuel Lamelas Ladra ou Eladio Chantres.

En 1955 foi obxecto dunha homenaxe nos xardíns de La Tropical ao se cumpriren os cincuenta anos de traballo en El Encanto. Por outra parte, o 6 de setembro de 1956 Díaz Villar recibiu a homenaxe dos seus veciños do Valadouro no Hotel Asturias de Ferreira, no marco das Festas do Oito dese ano. Tres días despois, o 9 de setembro, era obxecto da homenaxe dos seus paisanos de Vilacampa, os cales lle dedicaron un busto de mármore polas súas doazóns á parroquia, busto que aínda hoxe podemos atopar a carón da igrexa parroquial de Vilacampa. Os recoñecementos tamén se estenderon ao ámbito oficial, pois en 1957 foi condecorado polo Goberno español coa Cruz de Isabel a Católica

Non obstante, El Encanto tivo un duro final, pois foi incautado polo goberno revolucionario asentado en Cuba desde 1959. Joaquín Díaz Villar, xunto coa súa familia, partiu cara ao exilio en Miami onde falecería.

[Artigo publicado en A Mariña-El Progreso, 8 de setembro de 2015, páxina 4]

Ningún comentario: