01/09/15

O ESTATUTO GALEGO NA II REPÚBLICA: A CONVOCATORIA DO PLEBISCITO

A Segunda República foi un tempo de esperanzas. Houbo unha clara vontade de rachar co pasado, tamén no tocante á dinámica territorial. En Galiza os galeguistas, desexando crebar coas estruturas do centralismo da monarquía, axiña comezaron a deseñar un réxime autonómico, que pasaba pola presentación dun Estatuto de amplas competencias para unha República que, coidaban, sería federal.

Ora ben, a Constitución da II República, sancionada en decembro de 1931, estabeleceu un Estado integral, compatíbel coa autonomía dos territorios que o solicitasen. Seguindo a filosofía constitucional da República de Weimar alemá, os lexisladores republicanos pensaron nunhas condicións moi duras para o acceso á autonomía. Por que? Crían que só deste xeito se faría unha inequívoca declaración de vontade autonomista.

En efecto, o artigo 12 de Constitución estabelecía que a autonomía tiña que ser solicitada pola maioría dos concellos da rexión ou, no seu defecto, polos municipios que representasen as dúas terceiras partes do censo electoral. Galiza cumpriu con este requisito en 1932. Nunha asemblea de concellos, celebrada en Santiago de Compostela entre os días 17 e 19 de decembro de 1932, aprobouse o proxecto de Estatuto.

Un segundo trámite esixido pola Constitución era que o proxecto estatutario tiña que ser sometido a referendo. E, desde logo, non era un requisito menor, senón o máis complicado. Para que o Estatuto puidese ser aprobado a Constitución esixía os votos positivos das dúas terceiras partes do electores inscritos no censo. Nótese que non se trataba das dúas terceiras partes dos votos emitidos, senón das dúas terceiras partes do total dos electores, polo que á necesidade de moitos votos favorábeis, esixíase tamén unha elevada participación. A idea era que o territorio que aspiraba á autonomía fixese unha gran declaración de intencións, mais esta gran esixencia levaba implícita a necesidade da corrupción electoral. No futuro, as grandes cifras de votos positivos acadados, non só no plebiscito galego, tamén nos casos vasco e catalán, demostrarían este feito.

Redactado o proxecto de Estatuto, o Comité Central de Autonomía lanzouse a acadar do goberno da República o permiso para a convocatoria do plebiscito. Este Comité, creado na asemblea de concellos e formado polos presidentes das Deputacións, os alcaldes das principais cidades e representantes do partidos políticos, foi o valedor da causa da autonomía galega desde este momento. Non obstante, o goberno da República –e Santiago Casares Quiroga en particular− retrasou canto puido a concesión do Decreto que lle permitira ao Comité convocar o plebiscito. Finalmente, a Gaceta de Madrid publicou o devandito Decreto o 31 de maio de 1933. (Consultar)


Grazas ás competencias que lle confería este Decreto, o Comité Central de Autonomía fixou como data do plebiscito do Estatuto galego o 17 de decembro de 1933. Ora ben, a viraxe da situación política, coa vitoria das dereitas nas eleccións do 19 de novembro de 1933, levou ao Comité a suspender a celebración do plebiscito. Cal foi a razón? Ao non contar cun decidido apoio político, o Comité decidiu anular a celebración do plebiscito, pois de triunfar o voto negativo, e segundo a letra da Constitución, habería que esperar cinco anos para poder convocalo de novo. Había que agardar, pois, tempos mellores. Cando a situación mudou, en febreiro de 1936, coa vitoria da Fronte Popular, o Comité puido retomar os seus traballos e convocar o plebiscito para o 28 de xuño de 1936. Unha vez pasado o trámite do plebiscito tan só quedaba un último obstáculo: o Estatuto tiña que ser aprobado polas Cortes da República. E por ese camiño se avanzaba cando uns militares facciosos decidiron mudar de vez a historia de España e de Galiza. O Estatuto quedaba frustrado, a súa memoria e o seu legado non.

[Murguía, Revista Galega de Historia, número 31, xaneiro-xuño de 2015, p. 9-10]

Ningún comentario: