10/10/17

AS GUERRAS DE CUBA: A RECONCENTRACIÓN

A tarefa de perseguir os fíos de continuidade entre os acontecementos históricos constituíu desde sempre parte fundamental do traballo da investigación histórica. Este é un dos principais obxectivos que o historiador suízo Andreas Stucki procura no seu libro Las guerras de Cuba, publicado en castelán pola editorial «La Esfera de los Libros» (o orixinal en lingua alemá apareceu en 2013). A obra de Stucki céntrase nun dos aspectos máis controvertidos do conflito independentista cubano: a reconcentración da poboación civil levada a cabo polas autoridades coloniais españolas. O internamento obrigatorio dos habitantes das zonas rurais, como medio de combater las guerrillas secesionistas, quíxose ver como un precedente dos campos de concentración do século XX. Esta idea é, precisamente, a que pretende verificar Stucki a través do seu estudo. Para responder ás teses do seu libro, este historiador explora tanto os arquivos militares españois ˗o Archivo General Militar de Madrid sobre todo˗ como os arquivos provinciais cubanos.

O estudo da reconcentración en Cuba centrouse tradicionalmente na época da súa principal aplicación, a saber, a guerra de independencia que vai de 1895 a 1898. Ora ben, o autor deste libro va máis alá, e procura posíbeis antecedentes nos anteriores conflitos secesionistas cubanos, basicamente a coñecida como “Guerra dos Dez Anos” (1868-1878). Efectivamente, Stucki chega á conclusión de que os militares españois pensaron a reconcentración da poboación civil, como estratexia militar contraguerrilleira, con anterioridade ao seu principal desenvolvemento partir de 1896. Non obstante, este historiador matiza o feito de que a reconcentración non se pensou soamente para un contexto colonial (é dicir, excepcional). Así, non faltaron os militares que propuxeron a concentración da poboación civil durante a Terceira Guerra Carlista (1872-1876) nas provincias vascas e Navarra. Tal situación non debemos contemplala como algo abraiante, pois tanto o conflito cubano como o carlista eran simultáneos no tempo. Por outra parte, foron numerosos os oficiais españois que participaron en ambas guerras ˗o xeneral Arsenio Martínez Campos, como exemplo relevante˗. Finalmente, non debemos esquecer que para os militares e para a maior parte da opinión pública española o conflito cubano era interpretado como unha guerra civil, máis que como unha contenda colonial e periférica.

A postura dos militares españois diante da reconcentración da poboación foi mudando ao longo da guerra e, con ela, a estratexia militar. Así, o goberno español enviou nun primeiro momento a Cuba ao xeneral Arsenio Martínez Campos, xa que este militar rematara con éxito en 1878 o primeiro gran conflito secesionista cubano. Cunha táctica eminentemente pactista e tendente a buscar o acordo, Martínez Campos, malia que barallou a idea, non desenvolveu a estratexia de reconcentración. Este xeneral no só non acadou rematar a guerra, senón que non foi quen de frear a invasión das provincias occidentais por parte do Exército Libertador Cubano (ELC), téñase en conta que era precisamente na zona occidental da illa onde se concentraban a maior parte dos enxeños azucreiros e as plantacións de tabaco, isto é, onde se situaba a principal riqueza económica de Cuba. Nas guerras anteriores, a loita circunscribírase á parte oriental de Cuba, moito máis rural e agraria.

Perante esta situación, na procura de dar un xiro radical á guerra, o goberno español enviou a Cuba ao xeneral Valeriano Weyler Nicolau, que sen ningún tipo de escrúpulos desenvolveu en toda a súa intensidade a estratexia de reconcentración. Tradicionalmente a investigación situaba o comezo da política de internamento da poboación rural o 21 de outubro de 1896, data do bando que impuña a reconcentración na rica provincia de Pinar del Río. Non obstante, no traballo de Stucki sinálase un importante precedente: o bando do 16 de febreiro de 1896 que estabelecía a política de reconcentración na xurisdición de Sancti Spíritus e as provincias de Puerto Príncipe e Santiago de Cuba. En calquera caso, esta táctica de guerra acabou por se estender a toda Cuba, causando en moi pouco tempo un auténtico drama humano, diante da imposibilidade de atender as necesidades da poboación desprazada. Weyler pasou á historia como o monstro que ordenou á concentración e, polo tanto, o principal responsábel das mortes causadas pola fame e a enfermidade. Stucki, sen negar a responsabilidade do xeneral español, non o sinala como único culpábel, pois moitas das acción do ELC tamén contribuíron a empeorar a situación dos internados.

Aspectos como a corrupción das autoridades coloniais ou a indiferenza dos mandos militares cara ás súas tropas eran xa coñecidos. Non obstante, as cifras que atopamos neste libro seguen abraiándonos. En efecto, aproximadamente o 22 % dos soldados españois destinados en Cuba faleceron sen combater, fundamentalmente a causa dos rigores do clima, as enfermidades ou a deficiente alimentación. Ora ben, Stucki vai máis alá. A corrupción, amplamente xeneralizada no bando español, pódese atopar tamén do lado independentista. Así, o autor verifica que moitos cargamentos de armas ˗procedentes dos Estados Unidos˗ eran desviados cara ao mercado negro.

Se ben é certo que desde o punto de vista militar a estratexia de Weyler favorecía ás armas españolas, tamén o é que as consecuencias propagandísticas motivaron o seu fracaso final. Isto é así porque o conflito cubano pode considerarse como unha das primeiras «guerras mediáticas» contemporáneas. En efecto, os rebeldes cubanos xogaron con acerto a baza da propaganda, expondo ao mundo os dramáticos resultados da política de reconcentración, estratexia na que a prensa norteamericana tamén tivo un papel decisivo. A sensibilizada opinión pública estadounidense presionou ao seu goberno, quen non tardou en queixarse diante do goberno de Madrid, que en pouco tempo tivo que facer fronte a una multitude de queixas internacionais sobre a súa política en Cuba.

A presión internacional contribuíu á queda do goberno conservador de Antonio Cánovas del Castillo, que foi sucedido polo liberal Práxedes Mateo Sagasta. Este cambio de goberno anticipaba tamén a substitución do xeneral Weyler. Así, o xeneral Ramón Blanco Erenas foi enviado a Cuba para tratar de calmar á opinión pública internacional. O novo mando militar non só flexibilizou a reconcentración, tamén promoveu un crédito de cen mil pesos para aliviar o drama humano causado pola reconcentración, que xa naquela altura causara entre 155.000 e 170.000 vítimas mortais. No capítulo sétimo deste libro realízase unha pormenorizada análise dos efectos da reconcentración en cada unha das provincias cubanas. Unha nova táctica militar máis moderada, xunto coa concesión dun réxime de autonomía a Cuba a partir do 1 de xaneiro de 1898, contribuíu a mellorar a imaxe de España. Non obstante, a explosión do acoirazado norteamericano «Maine» na baía da Habana, o 15 de febreiro de 1898, agoiraba a intervención dos Estados Unidos na guerra de Cuba e, a fin de contas, a perda das derradeiras colonias del imperio español.

Finalmente, un bando do 30 de marzo de 1898 puxo fin oficialmente á reconcentración na illa. Ora ben, a situación non se normalizou de inmediato, a fame e os andazos continuaron causando vítimas; aínda máis, o bloqueo norteamericano levou a un endurecemento da situación, co que se engadiu un novo actor ás consecuencias dramáticas dos internamentos. Andreas Stucki, deste xeito, conclúe que se ben existe una explicación estrutural no uso dos campos de concentración entre os séculos XIX y XX, esta débese máis a que diferentes problemas levaron a unha mesma solución, que a que haxa efectivamente conexión e fíos de unión entre a reconcentración española en Cuba e os campos de concentración do nazismo e outros similares.

Las guerras de Cuba. Violencia y campos de concentración (1868-1898)
Andreas Stucki
Madrid, La Esfera de los Libros, 2017, 413 páxinas

Versión galega da recensión publicada en castelán na revista Pasado y Memoria. Revista de Historia Contemporánea, nº 16 (2017), p. 250-254. (ver)

Ningún comentario: