05/09/18

OS NOMES DO TERROR


No ano 2006 o escritor Suso de Toro publicou Home sen nome. O máis significativo desta novela, de entre as moitas que tratan a Guerra Civil e a represión franquista, era que por vez primeira unha das voces narrativas era a dun represor. O título do libro, a alusión a ese «home sen nome», xa era ben significativo dunha situación anómala até o momento: a escuridade na que permaneceron as identidades dos represores. A paliar esta eiva contribúe de xeito significativo o volume colectivo Os nomes do terror. Galiza 1936: os verdugos que nunca existiron, publicado baixo o selo de Sermos Galiza.

O libro estrutúrase arredor de dous grandes bloques: por un lado, a descrición dos principais axentes da represión por zonas; por outro lado, un repaso aos diferentes xeitos de represión exercido polos vencedores. Antes, porén, atopamos dous textos moi interesantes. Na introdución faise fincapé en todos os condicionantes que aínda hoxe existen no traballo dos historiadores e historiadoras. O coñecemento do ocorrido é necesario, non para procurar vinganzas, senón, como se afirma nesta introdución, “construír entre todas/os un espazo de convivencia no que a liberdade de investigar e o dereito a saber sexan amparados polos poderes públicos e a sociedade no seu conxunto” (p. 22). Só desde a verdade e o coñecemento se poden pechar (de verdade) vellas feridas. O outro texto é obra de Carlos F. Velasco Souto e nel atopamos un estado da cuestión sobre os estudos da represión franquista en Galiza. O relatorio de Velasco ofrece un contexto histórico no que situar os traballos que integran o volume.

As investigacións que integran o bloque «As zonas» fan un repaso dos represores por diferentes comarcas galegas. Xosé Álvarez Castro achégase á violencia desenvolvida pola Garda Cívica de Pontevedra, en especial á figura do seu principal dirixente Víctor Lis Quibén, personaxe que estendeu as súas poutas mortais por toda a provincia de Pontevedra. Por este mesmo vieiro transita o estudo de Dionisio Pereira González, que se achega ás dinámicas represivas na Terra de Montes. Xosé Ramón Ermida Meilán analiza o labor das Escuadras Negras que, conformadas na súa maior parte por falanxistas, levaron a morte e a destrución por toda a zona de Sarria. Dentro da mesma provincia de Lugo Carlos Nuevo Cal estuda a represión exercida na Mariña. Os traballos sinalados analizan a represión exercida polos paramilitares fascistas, os cales, ademais dos asasinatos cometidos, tamén destacaron por un algo grao de corrupción, abertamente permitida polas autoridades franquistas. Así, en palabras de Ermida Meilán: “O franquismo tolerou e animou o uso da violencia por parte das milicias fascistas como instrumento de represión do propio réxime, permitindo, ao tempo, as prácticas corruptas dos dirixentes falanxistas como unha sorte de recompensa pola súa implicación na política do terror” (p. 77). Represión máis corrupción é unha característica que se repite ao longo dos traballos incluídos neste libro.

Finalmente, os traballos de Emilio Grandío Seoane (sobre a Delegación de Orde Pública na Coruña) e de Eliseo Fernández Fernández (sobre a Delegación de Orde Pública en Ferrol) achégannos á represión institucionalizada e aos seus principais protagonistas. Para Eliseo Fernández este organismo, curiosamente nacido na época republicana, xunto co seu máximo responsábel local Victoriano Suanzes, tivo un protagonismo notábel nos asasinatos extraxudiciais na bisbarra de Ferrol. Labor na que estivo secundado por Florentino González Vallés, encargado da Delegación de Orde Pública na provincia da Coruña. O texto de Grandío é moi interesante, pois pon o acento na complexa consideración de vítimas e verdugos. No seu traballo dá a coñecer dúas figuras, ambas mandos da Garda Civil: José Clarés e Eustaquio Heredero, que, se ben inicialmente están no bando franquista (e, xa que logo, represor), acabarán sendo procesados por ter unha actitude autónoma e non dunha obediencia cega ás novas autoridades. Non eran tempos nos que se permitiran as medias tintas, vivíase nunha sospeita permanente.

No bloque rotulado «Os temas» hai un achegamento sectorial á represión. No primeiro dos traballos desta sección, obra de Judith Carvajo, atopamos unha tentativa de categorizar a represión e, xaora, os distintos modelos de represor: colaborador, delator, etc. Ana Cebreiros analiza o labor da Sección Feminina e o papel que as mulleres (as represoras) tiñan no novo réxime. De interese é a achega de Xoán Carlos Garrido Couceiro, que aborda o rol dos cregos galegos na represión. Para alén daqueles que se opuxeron aos asasinatos, tan escasos como honrosos, os cregos non só deron apoio moral á represión, senón que actuaron tamén como delatores. Non obstante, como tamén constatamos na represión dos paramilitares, tamén houbo cregos que se lucraron a conta dos seus fregueses. Garrido Couceiro presenta o caso dalgún párroco que solicitaba rescates a cambio de librar ás persoas da gadaña asasina.

Bernardo Máiz centra o seu estudo na represión “legal”, isto é, na actuación dos tribunais franquistas. Neste senso, constata o claro predominio dos militares na represión. Soamente a partir da Lei de Orde Pública, de 30 de xullo de 1959, se reduciu algo o poder da xurisdición militar. Non obstante, a creación en 1964 do Tribunal de Orde Pública foi un novo exemplo de prolongación no tempo da represión e do control exhaustivo. Finalmente, Julio Prada achégase á represión económica. Certamente, a perda de vidas humanas motivou que outros xeitos de represión non foran até o momento moi estudados, caso das exaccións económicas ou as incautacións de bens (reguladas ou non). Prada constata as dificultades de acceso ás fontes para o estudo da represión económica. Segundo provincias a masa documental é moi variada. Así, mentres é escasa na Coruña e Pontevedra, é significativa en Lugo e abundante en Ourense. O volume da documentación tamén é diferente segundo as manifestacións da represión económica. Os fondos nos que se recollen as requisas do exército son bastante abundantes, mais as incautacións realizadas por falanxistas ou outros paramilitares son moito máis difíciles de documentar. Para rematar, un aspecto do relatorio de Julio Prada que chamou a nosa atención é o aproveitamento da situación por parte dalgunhas persoas para se facer cun patrimonio dun xeito irregular: veciños ou mesmo familiares que aproveitaron a represión para obter propiedades a moi baixo custo. Malia que Prada minimiza a importancia deste tipo de represión, decontado xorde no noso maxín o libro de Daniel Godhagen Os verdugos voluntarios de Hitler, no que este historiador estadounidense documentaba que os alemáns do común non só coñecían, senón que consentiron a represión contra os xudeus. Evidentemente, a experiencia non é análoga, mais si nos fala da condición humana de pescar en río revolto e aproveitarse dos males do veciño.

Valoramos un volume que tenta pór nome aos responsábeis da represión franquista, a eses «homes sen nome» que permaneceron na escuridade todo este tempo, aínda que sexa rotulándoos co eufemismo de «vitimarios». O coñecemento e a verdade son condicións imprescindíbeis para a solución de calquera conflito, así pois agardamos que libros coma o que analizamos sexan un revulsivo para novas investigacións.

Os nomes do terror. Galiza 1936: os verdugos que nunca existiron

Xosé Ramón Ermida Meilán
Eliseo Fernández Fernández
Xoán Carlos Garrido Couceiro
Dionisio Pereira González (Coords.)
Sermos Galiza, Santiago de Compostela, 2017, 285 páxinas

Recensión publicada en Murguía, Revista Galega de Historia, nº 37, xaneiro-xuño 2018, p. 180-183. (ver)

Ningún comentario: