![]() |
Xosé I, óleo de François Gérad (c. 1808) |
Historicamente os leitos fluviais
foron un elemento idóneo para servir de fronteira, ben entre países, ben nas
divisións interiores. Seguindo o modelo da Administración napoleónica, os ríos
resultaron tamén útiles como denominación dos novos departamentos da monarquía
centralizada. Tamén en España, durante o efémero goberno de Xosé I, se vai tentar
levar adiante unha división en departamentos que se miraba no espello francés.
A crise acontecida en 1808 coa invasión
das tropas napoleónicas alterou notabelmente a vida de Galiza. Dende o punto de
vista administrativo, a relativa autonomía da que gozou a periferia durante o
Antigo Réxime vai ser substituída por unha tentativa firme de centralización.
En efecto, tanto os programas de goberno dos liberais españois, como os
executivos do rei Xosé I, van tentar someter os territorios a un efectivo
control. Dende un comezo se advertiu que, na procura do ideal centralizador, a
diversidade existente na división territorial tiña que ser modificada por unha
nova división máis racional, quen de dar acubillo ás autoridades nomeadas dende
o goberno central[1].
Ao falar da proposta afrancesada
de división provincial convén tamén mencionar o alto funcionario que se ía
situar á fronte das novas provincias: referímonos por suposto ao prefecto, unha
copia máis do modelo francés, de aí que en moitas ocasións estas provincias
sexan denominadas tamén prefecturas. Os grandes departamentos foron
fragmentados en subprefecturas, onde tamén había un subprefecto. Finalmente, os
municipios, cos alcaldes á súa fronte, culminaban a proposta desta nova Administración
local centralista[2]. A
título de anécdota debemos mencionar que un dos moitos afrancesados que en 1810
ocuparon subprefecturas, concretamente en Almería, foi Javier de Burgos
(1778-1849), que en 1833 sería o ministro que asinaría o decreto de división
provincial que aínda perdura nos nosos días[3].
A nova administración xosefina deseñou
unha nova división provincial dende o primeiro momento. Xa na Asemblea de
Baiona, onde se elaborou a arquitectura institucional do novo réxime, se viu a
necesidade dunha reforma territorial, cuxo obxectivo básico sería o
esmorecemento dos particularismos periféricos e o centralismo. Nesta liña
comezaron a traballar en 1808 dous sobranceiros afrancesados: Juan Antonio
Llorente (1756-1823) e Francisco Amorós (1770-1848). O proxecto de Llorente
baseábase na equiparación entre a división eclesiástica e a civil, creando
deste xeito 15 grandes prefecturas (e arcebispados), que á súa vez se
subdividirían en 65 subprefecturas (e bispados). Velaí unha descrición de
Galiza baixo as perspectivas da división en prefecturas de Llorente:
![]() |
Retrato de Juan Antonio Llorente, por Goya |
“Llorente asignó en su división a cada Departamento una Universidad, una
Audiencia y una Diócesis. En su proyecto se atenía a una división fluvial. Así
distribuía a Galicia en estos Departamentos: Tambre (A Coruña), Miño Alto
(Lugo), Sil (Orense y Monterrey), Miño Bajo (Vigo)”[4].
Non obstante, maior importancia
tivo o proxecto elaborado por Amorós, que en 1808 dividía España en 38
departamentos. Nesta división Galiza ficaba partida en catro prefecturas:
Santiago, Ourense, Lugo e Tui. Velaquí o antecedente máis antigo da división de
Galiza en catro entidades. Neste proxecto, como en xeral en todos os promovidos
pola Administración napoleónica, pretendíase a eliminación das diferenzas
étnicas entre os territorios, sendo así máis doado o control político. Debemos
de mencionar que o modelo de Francisco Amorós non tivo unha aplicación
inmediata, mais si serviu de precedente para a importante división que o
goberno de Xosé I tentou en 1810.
En efecto, en abril de 1810, por
medio do proxecto elaborado polo matemático José de Lanz (1764-1839), España
quedou dividida en 38 departamentos. Cómpre sinalar que a característica máis
importante desta división foi a fascinación de Lanz polos límites fluviais, que
non só separaban os departamentos entre si, senón que mesmo lles daban nome. En
base a esta última característica, o modelo proposto por Lanz sería o máis
contrario aos reinos históricos de todos cantos se propuxeron na primeira
metade do século XIX.[5]
A inmensa maioría das prefecturas españolas levaban nomes de ríos, agás
algunhas da costa que eran nomeadas mediante outro accidente xeográfico: os
cabos.
![]() |
Prefecturas galegas de 1810 |
E como quedaba configurada Galiza
na proposta de división departamental? O territorio galego fragmentábase en
catro prefecturas, ao tempo que cada unha delas sería dividida en tres
subprefecturas. Seguindo o ideario de Lanz, cada unha destas prefecturas tería
unha denominación fluvial. Atopabamos, en primeiro lugar, a prefectura do
Tambre, con capital na Coruña, que estaría dividida nas subprefecturas de
Compostela, Corcubión e A Coruña. En segundo lugar, a prefectura do Miño Alto,
con capital en Lugo e coas seguintes subprefecturas: Viveiro, Mondoñedo e Lugo.
Cómpre sinalar unha característica desta prefectura: a fronteira co inmediato
departamento do Cabo de Peñas (Oviedo) non se estabelecía no río Eo, senón no
río Navia. En terceiro lugar, a prefectura do Sil, con capital en Ourense e
coas subprefecturas de Monforte, Monterrei e Ourense. Finalmente, en cuarto
lugar, a prefectura do Miño Baixo, con capital en Vigo e coas subprefecturas de
Tui, Pontevedra e Vigo[6].
O curso do río Ulla facía de fronteira entre a prefectura do Tambre e a do
Baixo Miño.
A división en departamentos que
acabamos de comentar practicamente non se chegou a implantar, quedando só sobre
o papel. As dificultades ocasionadas pola guerra facían moi difícil que os
gobernos de Xosé I puideran imporse na periferia, onde eran abertamente
contestados. Ora ben, si podemos concederlle a esta división o carácter de
antecedente destacado da que sería finalmente imposta polos liberais españois,
que fragmentaría Galiza en catro provincias. Así, se prescindimos da
denominación fluvial das prefecturas e observamos as capitais (A Coruña, Lugo,
Ourense e Vigo[7])
advertimos a que no futuro será a división provincial.
Bibliografía:
- CALERO AMOR, Antonio María: La división provincial de 1833. Bases y antecedentes, Madrid:
Instituto de Estudios de Administración Local, 1987.
- BURGUEÑO, Jesús: Geografía política de la España constitucional. La división provincial,
Madrid: Centro de Estudios Constitucionales, 1996.
- CHAPMAN, Brian: Los prefectos y la Francia provincial, Madrid: Instituto de
Estudios Políticos, 1959.
- GARCÍA DE ENTERRÍA, Eduardo: Revolución Francesa y Administración contemporánea, Madrid: Taurus,
1972.
- GAY ARMENTEROS, Juan Cristóbal: Política y Administración en Javier de
Burgos, Granada: CEMCI, 1993.
- GONZÁLEZ LÓPEZ, Emilio: Entre el Antiguo y el Nuevo Régimen, absolutistas y liberales: el
reinado de Fernando VII en Galicia, Sada: Ediciós do Castro, 1981.
- LÓPEZ TABAR, Juan: Los famosos traidores. Los afrancesados durante la crisis del
Antiguo Régimen (1808-1833), Madrid: Biblioteca Nueva, 2001.
- MÍGUEZ MACHO, Luís / CARBALLEIRA RIVERA, María
Teresa: A provincia a través da Historia,
Santiago de Compostela: EGAP, 1997.
-
VIDAL
BUSTAMANTE, José: “Cuando Vigo fue provincia. Relieve e historia de la
ordenación administrativa española”, en El
Pueblo Gallego, Vigo, 12 de decembro de 1954, p. 12.
- VIVEIRO MOGO, Prudencio: “A xénese da provincia de
Lugo (1812-1833): Estado liberal e división provincial”, en Lvcensia, nº 23, 2001, p. 213-230.
[1] LÓPEZ TABAR, Juan: Los famosos traidores. Los afrancesados
durante la crisis del Antiguo Régimen (1808-1833), Madrid: Biblioteca
Nueva, 2001, p. 49.
[2] Para os prefectos e para
a influencia da Administración francesa en España pódense consultar os
seguintes estudos: CHAPMAN, Brian, Los
prefectos y la Francia provincial, Madrid: Instituto de Estudios Políticos,
1959. GARCÍA DE ENTERRÍA, Eduardo: Revolución
Francesa y Administración contemporánea, Madrid: Taurus, 1972.
[3] Javier de Burgos é
sinalado como o principal responsábel da división provincial aínda vixente hoxe
en España. Non obstante, cómpre afirmar que esta división foi estabelecida
pouco tempo despois de chegar Burgos ao Ministerio de Fomento. As orixes da
devandita división debemos procuralas nas anteriores épocas de vixencia da
Constitución de 1812, sobre todo na división provincial fixada en xaneiro de
1822. Verbo da figura de Javier de Burgos pódese consultar GAY ARMENTEROS, Juan
Cristóbal: Política y administración en
Javier de Burgos, Granada: CEMCI, 1993.
[4] VIDAL BUSTAMANTE, José:
“Cuando Vigo fue provincia. Relieve e historia de la ordenación administrativa
española”, en El Pueblo Gallego,
Vigo, 12 de decembro de 1954, p. 12.
[5] BURGUEÑO, Jesús: Geografía política de la España
constitucional. La división provincial, Madrid: Centro de Estudios
Constitucionales, 1996, p. 74.
[6] GONZÁLEZ LÓPEZ, Emilio: Entre el Antiguo y el Nuevo Régimen,
absolutistas y liberales: el reinado de Fernando VII en Galicia, Sada:
Ediciós do Castro, 1981, p. 322.
[7] Curiosamente, A Coruña,
Lugo, Ourense e Vigo foron as provincias creadas polas Cortes en xaneiro de
1822, antecedente inmediato da división decretada por Javier de Burgos en 1833,
aínda que finalmente Pontevedra conseguiu imporse a Vigo na división final, ao
contar con máis apoios en Madrid.
Un traballo de Prudencio Viveiro Mogo, adaptación do texto publicado orixinalmente na revista Nova Ardentía nº 10, 2018.
Ningún comentario:
Publicar un comentario