20/10/08

125


Máis unha vez o BNG volveu ser decisivo. Co tempo as cousas vense máis claras, e agora é cando se nota realmente a importancia de ter unha forte representación nas Cortes do Estado. Os que rían pensando que dous deputados eran unha exigua representación, tentando minimizala, teñen agora a demostración de que, tal e como dixo Anxo Quintana no seu día, o BNG, con estes dous deputados, foi decisivo. E cantas veces van xa? Cantas veces dous deputados do BNG resultan máis importantes para Galiza que toda unha recua de deputados do PP e do PSOE? Despois dunha apurada negociación, o BNG acadou que os Orzamentos Xerais do Estado inclúan 125 millóns de euros máis para o noso país. Máis cartos para as infraestruturas, máis cartos para a Lei de Dependencia, máis cartos para as Galescolas, máis cartos para Galiza. Non faltan, por suposto, os que cualifican de migallas o que o BNG acadou. Como nos gusta neste país cuspir ao ar! Tamén haberá quen se preocupará polo feito de que os galegos poidamos ser alcumados de insolidarios. Fronte a isto, hai que afirmar que para Galiza vén o que previamente saíu, que non todo o diñeiro que sae deste país o fai en forma de IRPF, que hai moitas empresas que traballan en Galiza que teñen o domicilio fiscal fóra (nomeadamente Madrid), que non facemos máis que recuperar o que a Galiza lle corresponde. Traballemos, mentres outros se automortifican. Galiza e os galegos saberán recoñecelo.

15/10/08

Benvido compañeiro!




Ramón Suárez Picallo xa descansa en Sada. Onte, 14 de outubro, cando se cumprían corenta e catro anos do seu pasamento, os seus restos chegaron a Sada, a súa vila natal. De entre todos os actos de homenaxe que se lle tributaron ao ilustre galeguista, queremos subliñar hoxe a publicación dun libro que recolle unha escolma de textos en galego do autor sadense. O volume foi publicado polo Concello de Sada e o Consello da Cultura Galega. A vida de Ramón Suárez Picallo está marcada por dous procesos definitorios da historia contemporánea de Galiza: a emigración e o exilio. En efecto, moi novo, ao igual que outros milleiros de galegos, Suárez Picallo cruzou o Atlántico e procurou unha nova vida en Bos Aires. No entanto, Suárez Picallo fixo da emigración a súa escola, converténdose nun dos principais publicistas galegos da Arxentina. O compromiso coa terra que o viu nacer manteríao o noso protagonista unha vez retornado a Galiza, converténdose nun dos principais dirixentes do galeguismo. Precisamente ese compromiso político acabaría por condenalo ao exilio, ao igual que outros milleiros de valedores da democracia republicana. De novo, outra vez América abríase perante el. Primeiro os Estados Unidos, despois a República Dominicana, logo Chile, onde gañou a vida colaborando na prensa, e, finalmente Bos Aires, outra vez Bos Aires, no comezo e no final da vida do noso Ramón Suárez Picallo. Deste xeito, podemos comprobar como emigración e exilio xúntanse na figura de Suárez Picallo. Así, non os pode resultar estraño que emigración e exilio tamén estean presentes nas páxinas do libro que hoxe comentamos. Dúas son, principalmente, as fontes dos textos recollidos neste volume. Dunha parte, e correspondendo á etapa da emigración, a revista Céltiga, creada en 1924 e que tivo a Suárez Picallo coma un dos seus codirectores. Por outro lago, desta volta xa no exilio, a revista Lugo, órgano do Centro Lucense da capital arxentina, dirixido por Ramón Suárez Picallo. Xunto a estas dúas publicacións, podemos atopar outras revistas galegas da emigración, onde Suárez Picallo colaborou en numerosas ocasións. As persoas que se acheguen a estes textos atoparán a un Suárez Picallo extremadamente próximo, como se a súa escrita non se realizara a milleiros de quilómetros. E é que para Suárez Picallo, como para o resto dos emigrantes e exiliados, Galiza era un vivir cotián, un pensamento de cada día. Por iso, o noso Picallo fala de Sada, de Veloi, de Carnoedo, como se estivera mesmo nestes lugares, que de seguro nunca abandonou de corazón. Por iso, aínda que este pasado 14 de outubro retornou á súa querida Sada, ben podemos dicir que o seu pensamento, non é que xa volvera, é que nunca marchou. A mellor lembranza que lle podemos tributar a Ramón Suárez Picallo é o espallamento da súa obra, de aí a publicacións de libros coma este, que contribúen a manter viva a memoria dun loitador por Galiza e pola democracia.

13/10/08

Contradicións


Vivimos nun mundo cheo de contradicións. Perdón, debería dicir que vivimos nun mundo cheo de hipocresía. Xa nada é o que parece, e ultimamente todo semella funcionar aínda máis ao revés. Fixádevos. China, un país que teoricamente segue os ditados do marxismo-leninismo, xa hai algún tempo que representa mellor ca ningún outro o que é o capitalismo. Parástesvos a pensar cantas cousas tedes que son Made in China? Quedei abraiado cando souben que hai editoras galegas que mandan imprentar os seus libros en China. Envían os libros maquetados e os chineses só teñen que imprentalos. O beneficio económico ten que ser importante, para que lles compense pagar os gastos de transporte. Por outro lado, os Estados Unidos. O país paradigma do capitalismo que, hoxe por hoxe, é quen máis intervén na economía: que foi do mercado intocábel? Onde están agora os grandes capitáns de empresa? Xa na década dos anos 30 o presidente Franklin D. Roosevelt patrocinou a política do New Deal, que lle daba un destacado papel á iniciativa estatal. Pero neste momento son os neocon, os partidarios máis acérrimos do neoliberalismo, os que están chamando polo papá Estado para que veña salvar bancos e empresas en creba. E o presidente George W. Bush acode fiel á chamada, asinando a nacionalización parcial da banca (e que conste que estaba sobrio cando o fixo!). Servirá toda esta treboada financeira para librarnos dos especuladores? Oxalá, pero teño as miñas dúbidas. Sabedes que foi o primeiro que fixeron os directivos da aseguradora AIG despois de que a Reserva Federal lles regalase varios centos de millóns de dólares? Pórse a traballar para levantar a empresa? Empregalos para saldar as súas débedas? Pois non, meus amigos. O que fixeron estes dignos cidadáns foi irse de vacacións a un resort de luxo en California, evidentemente pagado cos cartos dos contribuíntes americanos. Claro, os pobriños estaban cansos de especular. Que razón ten o dito aquel de que o home é o único animal que tropeza dúas veces coa mesma pedra!

Post scriptum: por estes lares tampouco andamos escasos de contradicións. Fai un ano, don Mariano Rajoy elaborou un vídeo no que nos chamaba a todos a celebrar a Fiesta Nacional (referíase ao 12 de outubro, non a unha tourada). Pois ben, un ano despois, don Mariano vai é di que o desfile militar do 12 de outubro é un coñazo. Pero, don Mariano, vostede que é máis español ca ninguén (ben, se cadra non tanto como Rosa Díez, esa é máis española que Isabel e Fernando xuntos) como pode dicir iso! Despois de todo non lle falta razón. O mellor dese desfile é a cabra da Lexión. Que boa estaría con pataquiñas!

06/10/08

Na Asemblea


Os compañeiros Iván Marrube, Eduardo Chao –alias Pichín−, e mais eu acudimos este domingo á Asemblea Nacional Extraordinaria do BNG, como delegados da Asemblea comarcal da Mariña. Era a primeira Asemblea que se celebraba polo sistema de delegados e, para servos sincero, non notei eu que houbera menos xente que noutras asembleas. Eu son partidario do sistema de delegados porque supón equiparar, que non igualar, ao BNG con outras forzas políticas. Por outra parte, o proceso asembleario nacional non se reduce só aos debates en pleno o día da Asemblea Nacional, senón que tamén abrangue ás Asembleas comarcais, e, se me apurades, mesmo ás locais. Indo xa ao que aconteceu neste Asemblea é claro que estivo marcada polo seu carácter electoral, aínda así non faltou a discusión dun informe político do Consello Nacional, que foi refrendado pola gran maioría dos delegados e delegadas. Non era un informe de autobombo, pois tamén se aludía a aquelas cuestións que cómpre mellorar, ás descoordinacións propias dunha organización que chega por primeira vez a altas responsabilidades de goberno. Despois deste debate procedeuse á presentación de propostas para ser o candidato do BNG á presidencia da Xunta. A min, persoalmente, Anxo Quintana foi unha persoa que me foi gañando pouco a pouco. Penso que ten un discurso claro, co que chega á xente con facilidade. Desta vez amosou tamén unha oratoria máis calorosa, sen por iso deixar de tratar os temas fundamentais do momento (léase a grave crise económica que suportamos). Un BNG ao lado da xente deste país, un BNG que saiba responder aos problemas cotiáns da xente, un BNG útil ao servizo do pobo galego, sen ningún tipo de peaxes alleas. Temos candidato. Temos presidente. Agora só queda pórmonos a traballar para que os resultados electorais sexan, como o mesmo Anxo Quintana dixo, os mellores da historia do BNG. Sempre en beneficio da nosa Terra. Por Galiza.

29/09/08

Socialistas


A semana pasada o compañeiro Jota e mais eu tivemos un interesante debate cunha pombiña a raíz de varios comentarios deste blogue. Entre as cousas que lle parecían esaxeradas á citada pombiña estaba a miña afirmación de que os verdadeiros socialistas galegos están no BNG. O texto “os socialistas galegos somos nós” encabezaba o libro de Xosé Manuel Beiras Por unha Galiza liberada, obra publicada en 1982 e que, con engádegas, vén de ser reeditada neste ano. Beiras podía dicir con autoridade que eles eran os verdadeiros socialistas galegos, pois durante moito tempo foi o secretario xeral do Partido Socialista Galego (PSG), organización fundada en 1963 (por favor, non confundir con PSdeG, risa dáme). O PSG foi unha das organización que protagonizaron a resistencia ao franquismo en Galiza, desde o campo socialdemócrata. En realidade, non era a primeira vez que se tentaba fundar un movemento socialista nidiamente galego. Durante a II República, Xoán Xesús González creou a Unión Socialista Galega, grupo que se separou do PSOE perante a oposición deste partido ao Estatuto galego (como vedes a cousa xa vén de lonxe). Até os anos da Transición o PSOE non reaparece en Galiza, e faino grazas fundamentalmente ao apoio económico externo. Como noutras nacionalidades do Estado, o PSOE tentou fagocitar a organizacións socialistas autóctonas. No entanto, co PSG non o conseguiu, agás cunha serie de militantes que lle proporcionaron ao PSOE uns cadros que non tiña en Galiza. Foi por esta época cando os PSOE tentou apropiarse das siglas PSG, pero os tribunais, xaora, déronlle a razón ao partido fundado en 1963 e por iso tiveron que se conformar coas siglas PSdeG. Como vedes, todo ten explicación na historia. En base a todo o explidado, e tamén á práctica política posterior, eu dicía que os socialistas galegos somos nós. Por suposto, o espírito do PSG segue vivo hoxe no BNG, sobre todo entre os que nos consideramos herdeiros dos pexegos, como eran coñecidos os militantes do PSG.

Post scriptum: Evidentemente, se os socialistas galegos somos nós; os socialistas do Valadouro tamén somos nós. Ou non, compañeiros?

18/09/08

Ramón Suárez Picallo


Dicir que os galegos andan ciscados polo mundo enteiro supón caer unha obviedade. Emporiso, non é o mesmo ter que emigrar, que ter que exiliarse. No persoeiro do que vos quero falar hoxe conflúen ambas circunstancias. Ramón Suárez Picallo naceu en Sada en 1894. Moi novo emigrou á Arxentina, onde desenvolvería un importante labor político e cultural; do que podemos salientar as súas colaboracións na revista Céltiga, facho do galeguismo en Bos Aires. Coa proclamación da Segunda República en 1931, Suárez Picallo regresou a Galiza, sendo elixido deputado pola ORGA nas eleccións a cortes constituíntes. En decembro de 1931 participou na fundación do Partido Galeguista, ao cal representaría desde entón nas Cortes. En 1933 perdeu a súa acta de deputado, aproveitando daquela o tempo para rematar os seus estudos de Dereito. En febreiro de 1936 Suárez Picallo foi outra vez elixido deputado nas candidaturas da Fronte Popular. En xuño deste mesmo ano participou activamente na campaña do plebiscito do Estatuto de autonomía de Galiza. A guerra e a represión condenaron ao noso protagonista ao exilio. No entanto, quen non puido fuxir foi o seu irmán, Xohán Antón, que morreu asasinado polos fascistas. Suárez Picallo, no exilio, viviu entre Santiago de Chile e Bos Aires, colaborando adoito na prensa destes países e nos órganos de expresión das colonias galegas. Sempre con Galiza no corazón e no pensamento, como todos os desterrados galegos. Faleceu en Bos Aires en 1964.

Ramón Suárez Picallo tiña o desexo de ser enterrado no cemiterio do Fiunchedo, en Sada, a carón de seus pais. Ese anceio non se puido cumprir, pois até o momento os seus restos descansaron no panteón do Centro Galego en Bos Aires. E digo até o momento, porque o vindeiro 14 de outubro os restos de Ramón Suárez Picallo regresan a Galiza, volven á súa querida Sada. É un acto promovido polo Concello de Sada (agora que por fin ten alcalde) e a Vicepresidencia da Xunta. Isto só é un detalle, apenas unha desculpa para tributarlle a nosa homenaxe. Porque Suárez Picallo, e o resto dos galeguistas exiliados, nunca deixaron Galiza realmente. Permanecían nela, pois estaba decote no seu pensamento. En calquera caso, benvido compañeiro Suárez Picallo.

05/09/08

Memorial do Valadouro


Segundo a lenda O Valadouro foi un mar, así está reflectido no seu escudo. Houbo un tempo en que as terras baixas do noso val estaban asolagadas. Hoxe, malia que ese mar xa non existe, o vaivén das ondas aínda caracteriza aos habitantes do vello val. Como poderiamos explicar se non certas actuacións da clase política local? A lóxica política ten no Valadouro o mesmo éxito ca un vendedor de xelados na Antártida. Aló polo ano 1983, o candidato do PSOE foi elixido alcalde na sesión de investidura grazas ao apoio de Alianza Popular, e iso que só tiña dous concelleiros de once. Normal? Si no Valadouro. Os xefes locais de AP querían librarse do alcalde da UCD. Catro anos despois, O Valadouro tivo a dubidosa honra de ser o único concello galego no que houbo que repetir as eleccións municipais. Quen sementa, tarde ou cedo, acaba por recoller. Tras a repetición, aquel vello alcalde da UCD (agora en Coalición Galega) regaloulle a alcaldía a AP, as antigas diferenzas semellaban esquecidas. Hoxe parece estar moi arrepentido daquela decisión. Tarde piaches, amigo! Para que falar do que ocorre na actualidade! O alcalde que chegou en 1988 subscribiu (parece ser, ninguén o sabe seguro) un pacto cunha concelleira independente para ter maioría absoluta, pois era o único xeito no que sabía gobernar, maioría que perdeu despois cando lle marchou unha concelleira do seu propio partido, que ademais é irmá do antigo alcalde de UCD. A degradación política á que chegamos levou a que o PSOE pretendera aprobar uns orzamentos desde a oposición, cando sabía perfectamente que esa tarefa era responsabilidade do grupo de goberno. Uns orzamentos que, por certo, pactou coa concelleira transfuga antes mencionada. E os orzamentos aprobáronse. O alcalde e o PSOE venderon a vaca cada un ao seu xeito, pero ambos aprobaron unhas contas que insisten nos vellos vicios: non coutan os gastos correntes e de persoal, non hai pulo das inversións. En fin, no Valadouro funciona unha coalición de facto entre o PSOE e o PP, pulpada incluída.

Post scriptum: mentres tanto, o cabeza visíbel do PSOE en Moucide pon o carro diante dos bois. Convoca unha reunión para vender unha subvención da Consellaría de Medio Ambiente que nin sequera está aínda solicitada. Polo menos podería agardar a que se discuta a moción do seu partido no vindeiro pleno. En fin, pensaría que Touriño ía adiantar as eleccións e, claro, había que pasar a pucha. Cousas veredes. Non os precipitemos, un pouquiño de auga da Fonte dos Mes, acabada de restaurar, é o mellor para recuperarse. Ou non, señores do PSOE?