05/09/08

Memorial do Valadouro


Segundo a lenda O Valadouro foi un mar, así está reflectido no seu escudo. Houbo un tempo en que as terras baixas do noso val estaban asolagadas. Hoxe, malia que ese mar xa non existe, o vaivén das ondas aínda caracteriza aos habitantes do vello val. Como poderiamos explicar se non certas actuacións da clase política local? A lóxica política ten no Valadouro o mesmo éxito ca un vendedor de xelados na Antártida. Aló polo ano 1983, o candidato do PSOE foi elixido alcalde na sesión de investidura grazas ao apoio de Alianza Popular, e iso que só tiña dous concelleiros de once. Normal? Si no Valadouro. Os xefes locais de AP querían librarse do alcalde da UCD. Catro anos despois, O Valadouro tivo a dubidosa honra de ser o único concello galego no que houbo que repetir as eleccións municipais. Quen sementa, tarde ou cedo, acaba por recoller. Tras a repetición, aquel vello alcalde da UCD (agora en Coalición Galega) regaloulle a alcaldía a AP, as antigas diferenzas semellaban esquecidas. Hoxe parece estar moi arrepentido daquela decisión. Tarde piaches, amigo! Para que falar do que ocorre na actualidade! O alcalde que chegou en 1988 subscribiu (parece ser, ninguén o sabe seguro) un pacto cunha concelleira independente para ter maioría absoluta, pois era o único xeito no que sabía gobernar, maioría que perdeu despois cando lle marchou unha concelleira do seu propio partido, que ademais é irmá do antigo alcalde de UCD. A degradación política á que chegamos levou a que o PSOE pretendera aprobar uns orzamentos desde a oposición, cando sabía perfectamente que esa tarefa era responsabilidade do grupo de goberno. Uns orzamentos que, por certo, pactou coa concelleira transfuga antes mencionada. E os orzamentos aprobáronse. O alcalde e o PSOE venderon a vaca cada un ao seu xeito, pero ambos aprobaron unhas contas que insisten nos vellos vicios: non coutan os gastos correntes e de persoal, non hai pulo das inversións. En fin, no Valadouro funciona unha coalición de facto entre o PSOE e o PP, pulpada incluída.

Post scriptum: mentres tanto, o cabeza visíbel do PSOE en Moucide pon o carro diante dos bois. Convoca unha reunión para vender unha subvención da Consellaría de Medio Ambiente que nin sequera está aínda solicitada. Polo menos podería agardar a que se discuta a moción do seu partido no vindeiro pleno. En fin, pensaría que Touriño ía adiantar as eleccións e, claro, había que pasar a pucha. Cousas veredes. Non os precipitemos, un pouquiño de auga da Fonte dos Mes, acabada de restaurar, é o mellor para recuperarse. Ou non, señores do PSOE?

5 comentarios:

jotavaladouro dixo...

Moi bon o comentario, eu pensabao nestas ulñimas eleccions, coa excepcion do BNG e dos independentes o resto de actores da politica munucipal son os mesmos que fai 20 anos, todo un exemplo de dinamismo.

Respecto os presupostos, solo decir que xa estan pensando en aumentar os impostos e crear unhos novos, por que os presupostos deste ano equilibranse cunhos ingresos por valor de 300.000 Euros en licencias de obras, pero como para o ano non vai haber ingresos por licencias de obra, ou suben impostos ou reducen gasto, e tanto PP como PSOE e comparsas esta por aumentar gastos, polo que toca subida de impostos que e o que lle fai falta a xente en epoca de crise cando perde o traballo.

Prudencio Viveiro Mogo dixo...

A situación financeira dos concellos é crítica. Véxase como exemplo o que aconteceu en Mondoñedo durante o verán. De certo, a crise económica que estamos a vivir é determinante, pero, baixo a miña opinión, o asunto vén xa de antes. Galiza non pode suportar unha administración de 315 concellos. Urxe abordar o tema municipal en Galiza desde unha perspectiva ampla. Neste contexto temos que encadrar a fusión dos concellos de Alfoz e O Valadouro. Ao Sr. Alcade do Valadouro ocorréuselle deixar aos concelleiros sen asignación por asistencia a pleno, pero non se lle ocorreu que a unificación co concello veciño aínda ía afortalar máis o aforro. Os concellos do val teñen que ser pioneiros en Galiza camiñando cara a súa unificación. O BNG ten unha importante responsabilidade neste senso.

Anónimo dixo...

Un soño de moitos ese da unificación dos dous concellos, pero que semella tan afastado que non sei se veremos chegado ese día. Aparte dos intereses persoais dos que xogan á política, estaría o do nome e a capitalidade municipal. Para o primeiro hai solución fácil. ¿Cal é o único lugar do val que comparten hoxe os dous concellos?. Reirado. Administrativamente é de Alfoz, pero pertence á parroquia de Ferreira (no sentido relixioso de parroquia). Pois eu propoño un Concello de Reirado que ocupe todo o Valadouro (que segue a ser unha comarca natural se poñan como se poña o persoal). O que me pon dos nervios é esa nova creación de Val do Ouro, un atentado á nosa historia eidentidade.

Prudencio Viveiro Mogo dixo...

Prezado Miguel, a unificación dos concellos do Val urxe! E moi certo que os que se opoñen a ela son os políticos que queren seguir mantendo un estado de cousas, pero tampouco penses que están todos nos gobernos... A respecto das solucións que dás ti non sabería que dicirche. É un tema moi delicado. O que propós paréceme algo reducionista. Lembro que hai uns anos Isaac Ferreira propuxéranos o nome de Alfoz do Valadouro. Non sei, oxalá houbera un debate sobre o nome, iso significaría que se fala e se avanza no tema.

Anónimo dixo...

Home, na proposta de Reirado pretende haber algo de retranca, inda que cando houbo que facer algo conxunto para os dous concellos (o instituto, colexio ou como se chame) acabou alí. En calquera caso, penso que o nome do concello é o menos importante, inda que esa proposta de Isaac non me parece nada desacertada.