14/07/08

Día da Patria


Cremos no noso País, velaquí o lema do BNG para o Día da Patria deste ano. Non pode ser máis acaído. Acreditamos nas nosas posibilidades como pobo. Avogamos por unha Galiza dona de si mesma, de todos os seus recursos e de todas as súas potencialidades. Non os imos deixar vencer polos mentireiros, polos mediocres e polos que non saben convivir co seu auto-odio. Mais, sobre todo, confiamos na capacidade da nosa xente, desas persoas que se senten orgullosas de ser o que son: galegos, nin máis que ninguén, pero tampouco menos. Hai moito talento neste País. Seguiremos a traballar pola normalización do galego, da nosa lingua nacional, da lingua propia de Galiza. Porque non renunciaremos ao idioma herdado dos nosos devandeiros, como tampouco temos que renunciar a outro idioma que nos permite comunicarnos con outras nacións do Estado e cos pobos latinoamericanos.

Dentro dos actos organizados polo BNG co gallo deste 25 de Xullo, os nacionalistas do Valadouro e Alfoz xuntámonos o pasado sábado nun xantar. Antes da comida interviron o compañeiro Iván Marrube, o noso voceiro no concello de Alfoz; Manuel Parga, compañeiro de Burela e deputado no Parlamento galego; finalmente, falou Francisco Rodríguez, até hai pouco deputado no Congreso dos Deputados. Por certo, o xantar desenvolveuse no Hotel Vila do Val, acabado de inaugurar. Os nacionalistas do Valadouro e de Alfoz declaramos o noso compromiso con Galiza. A nosa angueira de seguir traballando polo desenvolvemento dos nosos concellos e polo benestar da nosa xente. En definitiva, un Día da Patria máis, os nacionalistas confirmamos a nosa intención de seguir traballando pola construción nacional de Galiza, sempre en democracia, liberdade e pluralismo. Viva Galiza Ceibe!

2 comentarios:

Anónimo dixo...

e mira unha cousiña... de que color ides levar a estreliña?...

Prudencio Viveiro Mogo dixo...

Si, xa escoitei o ruxe ruxe da estrela do cartaz. Se te fixas a estrela representa o azul ceo (o ceo máis as nubes), que é un deseño que empregou o BNG en multitude de ocasións, sobre todo como fondo dos seus candidatos e candidatas. En calquera caso, unha persoa intelixente non ten medo nin dunha estrela vermella nin dunha estrela azul, o que conta son os programas e as accións de goberno.