18/09/08

Ramón Suárez Picallo


Dicir que os galegos andan ciscados polo mundo enteiro supón caer unha obviedade. Emporiso, non é o mesmo ter que emigrar, que ter que exiliarse. No persoeiro do que vos quero falar hoxe conflúen ambas circunstancias. Ramón Suárez Picallo naceu en Sada en 1894. Moi novo emigrou á Arxentina, onde desenvolvería un importante labor político e cultural; do que podemos salientar as súas colaboracións na revista Céltiga, facho do galeguismo en Bos Aires. Coa proclamación da Segunda República en 1931, Suárez Picallo regresou a Galiza, sendo elixido deputado pola ORGA nas eleccións a cortes constituíntes. En decembro de 1931 participou na fundación do Partido Galeguista, ao cal representaría desde entón nas Cortes. En 1933 perdeu a súa acta de deputado, aproveitando daquela o tempo para rematar os seus estudos de Dereito. En febreiro de 1936 Suárez Picallo foi outra vez elixido deputado nas candidaturas da Fronte Popular. En xuño deste mesmo ano participou activamente na campaña do plebiscito do Estatuto de autonomía de Galiza. A guerra e a represión condenaron ao noso protagonista ao exilio. No entanto, quen non puido fuxir foi o seu irmán, Xohán Antón, que morreu asasinado polos fascistas. Suárez Picallo, no exilio, viviu entre Santiago de Chile e Bos Aires, colaborando adoito na prensa destes países e nos órganos de expresión das colonias galegas. Sempre con Galiza no corazón e no pensamento, como todos os desterrados galegos. Faleceu en Bos Aires en 1964.

Ramón Suárez Picallo tiña o desexo de ser enterrado no cemiterio do Fiunchedo, en Sada, a carón de seus pais. Ese anceio non se puido cumprir, pois até o momento os seus restos descansaron no panteón do Centro Galego en Bos Aires. E digo até o momento, porque o vindeiro 14 de outubro os restos de Ramón Suárez Picallo regresan a Galiza, volven á súa querida Sada. É un acto promovido polo Concello de Sada (agora que por fin ten alcalde) e a Vicepresidencia da Xunta. Isto só é un detalle, apenas unha desculpa para tributarlle a nosa homenaxe. Porque Suárez Picallo, e o resto dos galeguistas exiliados, nunca deixaron Galiza realmente. Permanecían nela, pois estaba decote no seu pensamento. En calquera caso, benvido compañeiro Suárez Picallo.

2 comentarios:

Anónimo dixo...

Os sadenses e as sandenses estamos xa preparadísimas para recibilo!! Ti, como sadense de adopción (esperaba polo menos q o dixeras, malo!), seguro que tamén. Un bico grande, M.

Prudencio Viveiro Mogo dixo...

Pero se eu non teño ningún problema en declararme sadense de adopción. O que pasa é que para algunhas sadenses de toda a vida facerse de Sada é máis difícil que unhas oposicións a notarias. Ou sexa que de "venideros" non pasamos. En fin, haberá que seguir estudando... Biquiños.