01/06/09

Por que lle chaman bilingüísmo, cando queren dicir diglosia?

A primeira lembranza que teño dos meus estudos de lingua galega é un libro de texto. Daquela, cando eu iniciaba a miña andaina escolar, había unha serie de libros baixo o título xenérico de O Noso Galego (Edicións Xerais). O que lembro con máis agarimo é O Noso Galego 2, correspondente ao curso de segundo da EXB (anos 1981-1982). O libro era delicioso. Como aínda non se publicaran as normas ortográficas, podíanse ver escritas cousas como “pra”, “irmao” e outras pequenas marabillas. Lembro tamén que tiña uns debuxos fantásticos.

Vénme á memoria todo isto por mor da polémica sobre o galego no ensino. Teño para min que os que se opoñen hoxe ao decreto que promulgou o goberno bipartito son os mesmos que no seu día se opuxeron á introdución da lingua galega no ensino. Por que lles amola tanto? Logo de pensalo eu creo que o galego moléstalles porque a nosa lingua propia é algo que lles impide, cren eles, ser españois na súa totalidade. Os seus pequenos cerebros só conciben que son españois os que falan castelán, do mesmo xeito que no seu día se non eras católico e monárquico non podías ser español. As linguas periféricas estorban no seu proxecto dunha España Una, Grande y Libre. As formas poden ser diferentes, pero son os mesmos fachas de sempre.

Por suposto, a consideración social da lingua tamén ten a súa importancia. Evidentemente, para estes desleigados o castelán segue a ser a lingua de prestixio, mentres que o galego é unha lingua de labregos, obreiros e pailáns. É dicir, que teñen a menos falar galego, pois para eles a lingua propia de Galiza é un idioma menor, que non serve para nada (propiños!). Por iso, cando predican o bilingüismo na realidade o que están demostrando é que a diglosia segue plenamente vixente en Galiza; unha lingua preponderante socialmente sobre a outra.

Post scriptum: a diferenza deles, os galego falantes somos os verdadeiros bilingües. Non nos importa, cando é necesario, falar castelán. Para ler e sentir como propios os versos de Federico García Lorca ou Pedro Salinas, non temos que renunciar á poesía de Celso Emilio Ferreiro ou Xosé Luís Méndez Ferrín. Somos nós os que non temos fronteiras, para eles todo o que non é castelán é menor. Se cadra porque a grandeza das palabras (que máis dá o idioma) está no corazón de quen as pronuncia.

Ningún comentario: