11/06/09

Unha carta

Prezado Manolo:

Escríboche coa ledicia de saber que O Valadouro vai pagar a débeda que tiña contigo. Eu sei que ti xa tiveches outros recoñecementos pola túa obra, sen dúbida todos merecidos. Lembras cando celebramos todos xuntos na Finca Galea aquel Premio Nacional de 1998? Entón foi a sociedade civil do Valadouro a que tivo que substituír a inoperancia dos poderes locais para organizar unha merecida homenaxe. Aínda hai pouco que o Goberno de Galiza recoñecía o teu labor co Premio Nacional das Letras, na categoría de literatura dramática. E volverá haber estes premios agora que parece que todo o que teña que ver co galego é igual que ser "batasuno"? Ti sabes que os valadourenses sabemos ver a quen levou a nosa terra polo mundo adiante. Sabes que valoramos a quen fixo do país do Valadouro algo constante na súa obra. Sabes, en definitiva, que estamos orgullosos de ti, que te queremos porque es parte de nós, e ti fixeches de nós parte do teu traballo, desa marabillosa obra que te colocou para sempre nun lugar sobranceiro da República galega das Letras. Pero, aínda que saíbas todo isto, o vindeiro sábado, cando a Corporación local do Valadouro te nomee fillo predilecto, terás outra vez o agarimo dos que temos a honra de ser os teus veciños. Será unha velada agardada (outra velada indecente?) porque tardou, pero por fin chegou. E, se cadra, tamén o espírito do Marechal, que ti tantas veces recreaches nas túas obras, poderá tamén honrar coa súa presenza tan nobre evento. E, se el non vai, ao mellor aparece un exército de mouros, fadas e demais personaxes, todos saídos do teu maxín valadourés. En calquera caso, os presentes saberán honrar a quen o merece. A un fillo notabilísimo do Valadouro.

Parabéns Manuel Lourenzo. Unha forte aperta deste teu veciño de Moucide.

1 comentario:

Miguel Vila dixo...

Únome á túa ledicia, Prudencio, porque Manolo ben merece esta homenaxe. E síntome especialmente feliz porque aquel día en que tiveron que ir os de fora para conseguir o que non fixeramos os da casa, darlle o nome de Manuel Lourenzo á casa da cultura de Ferreira, eu escribín que o concello aínda podía rectificar o erro, nomeándoo fillo predilecto. Está na hemeroteca, o mesmo que cando anos antes pedín e escribín que a casa da cultura levara o seu nome, cousa que so conseguiu a Asociación de Escritores en Lingua Galega.
Deixo agora escrita unha vella petición de recoñecemento a outros dous personaxes importantes para a nosa historia: dun lado Angel Castañón y Ayala, cura de Budián e verdadeiro fundador da Ferreira moderna. Ben merece un recordo na praza onde se celebra o mercado semanal polo que tanto loitou. E pido tamén un recoñecemento para a voz do Valadouro, Miro Casabella, que empezaba os seus recitais dicindo "Eu nacín en Ferreira do Valadouro. Son o segundo fillo dun tendeiro e o quinto neto dun cego cantor de coplas". Tamén está grabado. Hai máis, pero as cousas van lentas polo Valadouro.