04/06/09

Tiananmen

Eu non creo que unha imaxe valla máis que mil palabras, pero si hai imaxes que impresionan. Hoxe vouvos falar dunha das que máis me impresionou a min. Sucedeu en xuño de 1989, en China. Foi durante as protestas contra o goberno totalitario chinés. A revolución pacifista dos estudantes chineses foi afogada en sangue polo goberno, que non dubidou en mandar os tanques contra a poboación civil. Foi aí cando sucedeu o que vos quero contar. Unha columna de tanques avanzaba cara a praza de Tiananmen, centro simbólico dos que tan só pedían reformas democráticas. De súpeto, un home, un home só, púxose diante dos tanques obrigándoos a deterse. Pero, aínda máis sorprendente foi cando, para evitar a esta persoa, o tanque tentou esquivalo por un lado, pero o home volveu colocarse diante do tanque. Foi o 4 de xuño de 1989. Hai vinte anos. Hoxe, aínda que fago a mesma pregunta: que forza pode impulsar a unha persoa a pórse diante dun tanque? Valor, si, pero ten que haber algo máis. Se cadra, a íntima convicción de que estas loitando por algo xusto, algo que vai alén da propia vida. Hoxe, vinte anos despois, o nome daquela persoa segue a ser unha incógnita. Nunca un descoñecido representou tanto.

Ningún comentario: